A iniciativa radiofónica cumpre 30 anos en plena forma. É unha das catro boas prácticas da Unesco en España e xa é parte da historia da radio
16 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe, 17 de outubro, é o día internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI), coñecido en todo o mundo polos 716 elementos da súa listaxe representativa. Pero a Unesco, que outorga as clasificacións, semella terse decatado de que isto non garante a supervivencia dunha ou outra tradición e, por iso, nos últimos anos promove unha categoría que ficara en segundo plano: o Rexistro de boas prácticas de salvagarda; é dicir, aquelas que aseguran o uso cotián do patrimonio inmaterial. Son aínda poucas, unhas 43 en todo o mundo, apenas catro en España. E unha delas é galego-portuguesa, o que a fai tamén a única do país veciño.
Trátase da iniciativa radiofónica Ponte... nas Ondas! (PNO!), que vén de facer 30 anos en plena forma. Abonda con botar un ollo ao fermoso Cancioneiro Galego-Portugués editado o ano pasado, ou, moito máis significativo, percibir a repercusión internacional que a asociación está a colleitar. «Somos a única entidade acreditada pola Unesco para o Patrimonio Inmaterial en Galicia xa dende o 2016 e conseguimos renovar o recoñecemento tres veces», pon en valor o seu coordinador, o mestre Santiago Veloso.
A vindeira semana, PNO! participará nun seminario europeo que se emite dende Finlandia para explicar por que este proxecto é unha “experiencia especialmente inspiradora pola súa capacidade para articular a colaboración entre centros educativos, comunidades, persoas portadoras do patrimonio, medios de comunicación e novas tecnoloxías», nas palabras dos propios organizadores.
certame Imaxes do Patrimonio
Destácana por iniciativas coma Imaxes do Patrimonio, un certame que este venres reuniu en Vigo escolas de ambos os dous lados da raia por noveno ano consecutivo. “Pedimos aos alumnos que recuperen fotos en branco e negro e conten nun pódcast unha historia vinculada ao patrimonio inmaterial, recollendo as voces dos protagonistas», explica Veloso. «É sinxelo de facer e ten moi boa acollida, ata 500 traballos cada ano». Pero, sobre todo, é un modelo replicable en calquera rexión, como explicarán en Finlandia. «É moi eloxiador que este recoñecemento veña dun país que se considera referente en educación», valora o director.
As imaxes do patrimonio é un dos atractivos da exposición Un modelo para o mundo, no Pazo de Fonseca de Santiago, do 5 ao 20 de novembro. Recollerá os 30 anos de xornadas de radio interescolar, con emisións en directo dende distintos lugares galegos e portugueses; a recolla de lendas, contos, cantigas, xogos tradicionais; mostras da oralidade; concertos; publicacións; as colaboracións artísticas e musicais dos últimos con artistas da talla de Uxía, Manu Chao, Margareth Menezes (actual Ministra de Cultura de Brasil), Caetano Veloso...; ou mesmo o proceso de candidatura á Unesco no 2005 e a inscrición como boa práctica co PCI no 2022. Todo isto atinxe este decembro, posiblemente, o seu cumio.
Referencia na India e Finlandia
Será na cidade chinesa de Xiamen, durante a 21.ª sesión do Comité Intergubernamental, na que a Unesco prevé lanzar unha plataforma na que se recollan as boas prácticas coma esta iniciativa que tende pontes entre Galicia e Portugal. PNO! foi escollido como exemplo de todo o mundo para presentar o seu piloto, que xa fora empregado, na 20.ª sesión en Nova Delhi, como mostra de boas prácticas a nivel internacional. «O ano pasado seleccionaron 14 proxectos, pero empregaron especificamente o noso, o que foi un claro sinal da excelencia de PNO!», comenta Santiago Veloso.