Hai anos imaxinei unha novela sobre o BNG nunha época moi complexa para a militancia, cando no 2009 comezaron a facerse públicos os enfrontamentos que non tardarían en conducir á traumática ruptura da asemblea de Amio. A parodia, cun asasinato incluído, acollía varios personaxes que podían relacionarse coas principais figuras da organización. Lembro confesarllo ao meu pai mentres paseabamos por Ourense: «Igual se che enfada o Beiras», respondeume algo alarmado. Meses máis tarde, cando faleceu, vinme entrando na libraría Couceiro de Santiago para presentar por primeira vez aquel libro que acababa de escribir, protagonizado por un detective imposible ao que lle encargaban botar luz sobre un crime no seo da cúpula nacionalista. E alí, sentado en primeira fila, estaba un atento Beiras que, ao rematar o acto, me agasallou cun impagable sentido do humor, igual que as outras cabezas visibles do Bloque que tiveron tamén a xenerosidade de acudir á presentación. Supoño que as palabras do meu pai se explicaban polas exaltacións leoninas dunha personalidade irrepetible da nosa historia política e cultural, e co tempo sentín mágoa por non poder dicirlle que aquela fría tarde de novembro do 2010, contradicindo os seus temores, o autor de O atraso económico de Galiza non parou de confirmar a validez da fina descrición que lle dedicara Eduardo Galeano: «A primera vista parece un león. Y es. Pero tiene la delicadeza del ciervo». O Beiras non só asumiu con deportividade unha caricatura apresurada e imperfecta, escrita con bastante máis inconsciencia que pericia, senón que tamén quixo redactar un limiar que aparecería nas seguintes edicións do libro e nos seus Retratos en fite. Para min, que gocei do privilexio de asistir ás súas aulas en Mazarelos xunto a outros futuros xornalistas, atopalo ao longo destes anos era garantía de moitas risas á conta do seu álter ego naquel Asasinato no Consello Nacional, misterio de inspiración montalbanesca que adoitaba lembrarme cando cadrabamos, como ocorreu por derradeira vez en xullo do 2024, na casa de Rosalía. En Bonaval puxen a voar as mans aplaudindo a saída do seu cadaleito entre a multitude. Pero agora xa non me pesa que o meu pai marchara sen saber que o profesor Beiras non se enfadou coa trasnada do seu fillo. Estou seguro de que se encargará de comunicarllo estes días, de aí a miña tranquilidade. Os cervos sempre se recoñecen.