9Louro xa non sente igual: reflexiona en cinco cancións sobre o que deixa atrás polo éxito

FUGAS

MARCOS CREO

O artista publica sen adiantos nin aviso previo «Non sinto=», un epé con cinco temas nos que fala dos baleiros que xera triunfar na música e das cousas que vai deixando polo camiño

16 oct 2026 . Actualizado a las 09:38 h.

«Só, síntome só, aínda que estea sold out a sala. / Todo, míntome en todo, pero xa non sinto nada», canta 9Louro nos primeiros versos de Lájrimas, a canción que abre o seu novo traballo discográfico Non sinto=. E aí xa queda case todo dito. Porque o disco vai precisamente diso. «É unha reflexión en torno a que como estou vivindo tantas experiencias e sensacións, que nunca imaxinei que podería vivir, ás veces sinto que xa non valoro como merece o que me está a pasar e non desfruto tanto das cousas pequenas», comenta Martín Louro. «Teño a sensación de que me limito a tirar cara adiante sen reflexionar sequera sobre o que estou conseguindo nin no valor que ten. Sigo tendo a mesma ilusión pola música, pero non a vivo coa mesma intensidade. Non sinto as cousas igual de fortes que cando empecei», engade.

 

Contravindo as normas da actual industria musical, 9Louro publicou Non sinto= sen ningún tipo de anuncio previo e sen adiantar antes ningún sinxelo. E por se non era ousadía suficiente, publicou o mesmo día as cinco cancións que compoñen o disco e os seus cinco videoclips, dirixidos por Anxo Beiro. «Saqueino todo xunto porque considero que era bonito de ver así, en conxunto, cos temas todos seguidos», conta.

Pero hai aínda outra razón pola que 9Louro decidiu publicar este traballo agora, tan só oito meses despois de que vise a luz o seu último disco. «Saqueino agora porque penso que estou no mellor momento da miña carreira e, como teño a intención de estar todo o 2027 sen sacar absolutamente nada de música, dixen: "Pois mira, teño o epé xa feito, non o vou gardar"».

Para este traballo, 9Louro contou coa produción do valenciano 15beats, produtor que ten traballado con relevantes artistas da escena urbana estatal. Tres das cancións de Non sinto= manteñen as liñas esenciais do son de 9Louro pero outras dúas, Sei que... e Jastalo en ti, achégano a novas e refrescantes sonoridades que remiten a un elegante dancehall. Novos camiños que se abren? Quen sabe. Nunca foi Martín Louro un músico que tratou de poñerrlle cancelas ao mar. Ao contrario, déixase seducir e arrolar por el, e que o leva a onde o leve.