O escritor vén de publicar «O derradeiro gimlet», un cóctel de personaxes escuros que acaban enredados nun triángulo amoroso abocado á fatalidade. «Vivimos tempos primarios», asegura
02 oct 2026 . Actualizado a las 08:19 h.Diego Ameixeiras (Lausana, 1976) recupera a tradición da novela negra máis clásica na súa última obra, O derradeiro gimlet, un cóctel de personaxes de ambicións escuras que se ven atrapados nun triángulo amoroso. Grande fan do cinema dos anos corenta, Ameixeiras bebe desa herdanza norteamericana de autores como Charles Williams e James M. Cain, que deixaron pegada a través de historias que gozamos tamén na pantalla.
—Esta vez é unha novela negra, negra, negra... Imposible escapar do destino!
—Siii [ri]. É unha novela que está atravesada pola fatalidade do protagonista, Amador, que é alguén que intenta saír adiante nun momento vital complicado. El pensa que afastándose do seu ambiente habitual pode ter posibilidade de cambio ou saír dese pozo no que está metido. Pero o que sucederá é que vai ter unha caída aínda maior. Pasa na vida, que un cre que atopa a solución a algún problema e o que fai é complicalo máis.
—Temos idealizadas a paisaxe, a natureza, a praia, como se ese ambiente puidese reverter a vida?
—Si, a praia e a montaña aparecen como lugares onde cres que podes respirar fronte ao teu ambiente asfixiante, pero iso contrasta co animal rabioso que o protagonista leva dentro, que é o seu verdadeiro inimigo: a conciencia de si mesmo, a súa forma de relacionarse. Iso non o soluciona un retiro nunha paisaxe.
—É unha novela máis intimista. Interesoulle afondar máis na psicoloxía do triángulo amoroso?
—Si, é unha novela, dentro do xénero negro máis psicolóxica, existencialista dalgunha forma, que afonda máis na mente dos personaxes. Tanto de Amador, este policía suspendido de emprego e soldo, como de Lola, a profesora xubilada, como de Ismael, o máis novo, que ten máis esperanza pero ambicións escuras. Interesábame ver como se relacionaban entre eles, porque están en desacordo co mundo. A rabia e a insatisfacción son dous motores moi potentes cando se xestionan mal, e eles non son quen de gobernar ben as súas emocións.
—Un non pode escapar de quen é?
—O carácter marca o noso destino. O lector xa intúe que a vida de Amador non vai por bo camiño porque ten unha maleta de impulsos violentos moi fortes, el agride a un superior, ten problemas graves coa bebida, rompe coa parella... Ten moito dun personaxe que bordea o tópico, pero tamén é moi real, sucede cando un está moi enfadado co mundo. Todos nos vemos aí. Pero as súas decisións vano levando.
—Estamos nun tempo primario, de instintos?
—Si, iso percíbese no ambiente, a necesidade de querelo todo xa, pero para querer os obxectivos ten que pasar un tempo, sacrificar algo, perder, aprender... Estamos nun desquiciamento xeral, especialmente na política, vese na televisión, en certos medios... Hai unha aceleración e hai que pisar o freo. Estamos chegando a límites irrespirables.
—É inevitable pensar en «O carteiro sempre chama dúas veces».
—Si, especialmente a película dos oitenta de Jack Nicholson e Jessica Lange, son historias de parellas frustradas onde sempre aparece un terceiro que fai saltar todo polos aires. A novela bebe de aí, do crime, do desexo e da fatalidade. Todos son tipos inadaptados e moi pouco recomendables.
—É a xente que lle interesa a vostede...
—[Ri] Claro, claro. Eses son os interesantes para os libros, pero na vida real hai que rodearse de xente agradable, que o queiran a un...
—Que difícil tamén é manter a parella!
—Si, sobre todo cando aparece alguén para complicar o que xa é complicado de por si. Aínda que neste caso son todas relacións de intereses, de ambicións. Creo que toda parella arrastra frustracións, pequenas derrotas cotiás, pero na novela isto está nun primeiro plano.
—E logo aquí aparece o coche como un elemento abafante. Ademais sei que vostede non conduce.
—Como non conduzo, igual hai algo aí de proxectar unha vida da que carezo! O coche é tamén unha metáfora do encerro, da desorientación do protagonista, por iso Amador dá voltas sen saber que facer.
—É curioso, porque o coche tamén ten moito de liberador, de fuxida, de escapatoria, como en «Thelma e Louise», pero aquí sucede o contrario.
—Si, o coche amplifica no sentido positivo e negativo, de liberdade, pero tamén de encerro, penso en Taxi Driver, en Robert De Niro metido no coche vendo o mundo.
—A raíz do título, visualízoo poñendo cócteles na casa, facendo eses gimlets...
—[Ri] Non se me ocorreu facelo!, pero non estaría mal, vese que teño pouco glamur.
—Con quen tomaría ese derradeiro gimlet?
—A min teríame gustado tomar uns cantos gimlets con Humphrey Bogart e Lauren Bacall na época na que eran parella. O gimlet ten ese significado de cóctel clásico que aparece No longo adeus, de Raymond Chandler. Quería introducilo como unha homenaxe máis a ese xénero e ao cine negro que sempre me deu moitas tardes e noites de pracer.
—Volve nesta obra ao clasicismo?
—Si, respecto á novela anterior, que era máis política e histórica, si. A anterior era en Barcelona, na Transición, e esta ten a peculiaridade respecto a novelas anteriores en que está ambientada nun lugar costeiro, nunha aldea pequena, cando a maioría das miñas obras se desenvolven en cidades. Máis que unha volta ás orixes é unha homenaxe á novela negra clásica poboada de personaxes como Amador, Lola e Ismael. A novela é máis psicolóxica con puntos de thriller existencial sen grandes xiros, aínda que ten sorpresas.
—A obra desprende unha rabia que non parece que vostede garde dentro.
—Esa sensación de rabia e perplexidade fronte ao mundo todos a temos dentro de nós. Eu sospeitaría de alguén que di que o mundo é un lugar marabilloso. Eu sinto que este é un lugar inhóspito, salvaxe, onde gañan os malos; e ademais iso hoxe non está penado socialmente. Todo o contrario. Agora se sinala o sensible, o humano. Para que derramar unha bágoa diante dunha persoa que a acaban de desafiuzar! Agora se pensas así es un brando e o importante é ser duro. Eu estou en total desacordo con iso. Teño esperanza no futuro, pero ás veces é complicado ser optimista nos tempos en que vivimos. Supoño que sempre hai algo de min nos personaxes, pero na ficción interésanme máis os personaxes rotos. A frustración e a rabia hai que canalizala de forma positiva, pero nas novelas son máis interesantes os perdidos, porque neles vemos as nosas propias frustracións en movemento. A literatura é capaz de darnos respostas das que na vida real intentamos fuxir.
—Despois desta novela, ten algo xa na cabeza?
—Si, sempre hai algo, eu intento sempre estar escribindo ou pensando noutra historia, é a miña maneira de relacionarme co mundo. Hai unha parte de min concentrada na ficción para poder enfrontarme á vida real. Necesito estar inventando sempre un mundo paralelo; a ficción é un refuxio absoluto. Calquera persoa que é lectora sabe que ten aí un lugar de felicidade que sempre o acolle, sabe desa salvación que sempre é un libro.