Achega histórica ao refraneiro galego

Ramón Nicolás

FUGAS

Maika Mourelo, viúva de Celso Rodríguez Fernández, na presentación do Refraneiro
Maika Mourelo, viúva de Celso Rodríguez Fernández, na presentación do Refraneiro CELE RODRIGUEZ

Construído polo doutor Celso Rodríguez, 25 anos despois do seu falecemento goza de existencia en forma de libro

04 oct 2026 . Actualizado a las 23:45 h.

Coido que a primeira achega arredor do mundo do refraneiro galego á que tiven acceso foi unha edición sinxela daquel proxecto que Editorial Castrelos puxera a circular con libros de peto e prezo baixo título de colección «O Moucho». Tratábase de O refraneiro galego, de Xaquín Lorenzo Xocas, publicado por volta de 1983, e algún tempo despois, claro é, caería nas miñas mans o insubstituíble Refraneiro galego básico, recompilado por Ferro Ruibal, alén de ir descubrindo os traballos que arredor deste xénero literario oral realizaron Saco y Arce ou Taboada Chivite, entre outros.

Sen ter un interese desmedido pola paremioloxía, sobre todo por certos estereotipos e prexuízos que atesouran e que dalgún xeito constitúen un espello dunha sociedade concreta, malia recoñecer que forman parte do noso patrimonio, o certo é que non se pode deixar de salientar a aparición deste voluminoso O refraneiro que publica con especial tratamento a editorial viguesa Lusco Fusco Edicións, entre outras razóns porque, alén dos seus contidos, este é un libro con historia ata onde eu sei.

O volume foi construído, así pois, polo doutor Celso Rodríguez e, agora, vinte e cinco anos despois do falecemento deste célebre pediatra, goza de existencia en forma de libro. Nun limiar que vén da man de Xosé Luís Méndez Ferrín, alén de cuestións que atinxen á amizade que os uniu desde novos, subliña a dedicación que Rodríguez prestou ao longo da súa vida á recolla e estudo de paremias, aforismos, expresións ou ditos populares. Razón que explica a existencia deste amplo volume, para o que contou coa colaboración do grupo chamado Tremiñado: mestres e alumnado do ensino público de toda Galicia cos que logrou, así, ofrecer máis de cinco mil seiscentas paremias, coa súa orixe en traballos de campo mais tamén inspirándose en estudos ou colleitas, agora analizadas e organizadas para o seu coñecemento e difusión.

O libro non se someteu a ningunha actualización normativa, isto é, preséntase cun respecto escrupuloso polas variantes en que estes refráns foron recollidos oralmente de maneira que, por extensión, cartografan etnográfica, lingüística e culturalmente Galicia toda. Unha sorte poder telo nas mans.