Comeza a tempada de lanzamentos musicais en Galicia e xa asoman unha serie de grupos e artistas que seguro van dar moito que falar e moito que escoitar nos vindeiros meses
18 sep 2026 . Actualizado a las 15:49 h.A primeira metade do 2026 xa nos deixou algunhas pistas en canto a grupos e artistas galegos que poden sobresaír nos vindeiros meses e converterse en destacados protagonistas do circuíto no 2027. Alumnos avantaxados deste curso que se inicia, dispostos a tomar o relevo, ou cando menos, a convivir de ti a ti coas grandes revelacións que emerxeron na música galega nos últimos anos.
Dáse ademais a circunstancia de que a maioría destes artistas están a piques de publicar novos discos e de que todos eles teñen a sensación de que serán traballos que determinen un punto de inflexión nas súas aínda incipientes traxectorias.
SON GALAICO
É o caso de Son Galaico, o dúo formado polos composteláns Hugo Sanjiao (frauta e gaita) e Aarón Pérez (guitarra), que trae de novo á escena os ritmos de raíz celta, pero desta volta mesturados con influencias do country, do pop rock e da electrónica. E todo iso envolto nun celofán de épica e ecos de lendas.
Esta mesma semana Son Galaico publicaron Malas mans, o cuarto adianto do que será o seu disco de debut, Lendaria. Unha canción que dá continuidade á aventura relatada en Kallaikoi e Benvidos a Lendaria sobre dous músicos que atopan un trisquel e inician unha viaxe polos países celtas que remata atravesando un portal que os leva a un mundo máxico e de lendas onde atopan un Breogán un tanto singular. «Todas as cancións están enfiadas e van configurando un relato», explican.
Hugo (27 anos) e Aaron (25) cualifican como «un soño» o que lles está a acontecer. E máis tendo en conta que todo arrincou a partir duns vídeos que eles mesmos fixeron e subiron, sen demasiadas pretensións, ás redes sociais, e que a súa proposta de música celta non concorda moito coas correntes actuais no tradi galego. A proba de lume para Son Galaico será o concerto de presentación do disco, na sala Capitol, de Santiago, o 3 de decembro. «Vai ser lendario», bromean, para despois explicar: «Non queremos que sexa só un concerto senón que o público nos acompañe na aventura a partir da música e dos vídeos».
ERIS MACKENZIE
Ten dado mostras, máis que de sobra, Eris Mackenzie de que pode estar na primeira liña da escena musical. Só lle faltaba que el mesmo o crese —e dá a sensación de que iso xa chegou— e ter un disco sen fisuras que represente o abraiante talento que xa ten amosado nalgunhas das súas creacións. E todo parece indicar que tamén iso está a piques de acontecer. O músico de Culleredo conta con publicar antes de fin de ano un epé con oito cancións que xa ten practicamente listas. «Eu dixen moitas veces que vai ser un traballo continuista pero si que terá dous ou tres temas que van subir de potencia e de bpms», adianta.
Mackenzie mantense fiel ao seu método de traballo de tomar como punto de partida cantigas tradicionais, a partir das cales desenvolver a súa creatividade. «No meu ADN sempre vai estar o tradicional porque é a base e a raíz máis profunda do meu proxecto», comenta.
ALDDARA
Unha das poucas voces femininas que se están coando na nova escena urbana galega, maioritariamente copada por rapaces, é a de Alddara, unha rianxeira de 25 anos, afincada en Barcelona, onde traballa como xefa de estudos nunha escola de son.
No mes de outubro coñeceremos o seu novo traballo. «Un proxecto pequeniño no que vou estar eu soa para falar dunha historia», segundo ela mesma explica. «Despois de ter asinado con XMaseda, 9Collazo9 ou D'Kaprichos, tiña ganas de facer algo máis persoal e cun pouco máis de marcha que Dous ceos [o seu primeiro disco]».
Para Alddara, o 2026 superou «con moito» as súas expectativas. «Saíron moitísimas cousas. Máis contenta non podo estar». Aínda que ter concertos todas as semanas lle supoña ter que desprazarse continuamente dende Barcelona. «Se todo segue así, nun aniño conto con volver a Galicia», comenta. «Para min, a música sempre foi un soño e agora estase a cumprir».
FUEGO LOLITA
A comezos do 2026, Fuego Lolita non tiña ningunha canción publicada. Dende entón gañaron o concurso Novos Valores do Festigal, foron segundos no certame da USC, actuaron na praza da Quintana, na sala Capitol, no Rock in Rian, no Cristobaliño... «É algo espectacular, que non podiamos nin imaxinar», resumen. E menos tendo en conta que se trata dunha banda de «pop-punk gamberro», como eles mesmos se definen. «Está xenial que a escena galega se abra a xéneros que estaban menos explotados. Nós, pola nosa parte, temos moitísimas ganas de traballar porque xa vemos recompensas», din. O 25 de setembro publican un novo sinxelo, Madrid-París, o último adianto antes de que o 9 de outubro vexa a luz o seu agardado disco. «O resto das cancións manterán a liña en canto ao son das que xa publicamos pero terán un ton aínda un pouco máis humorístico», adiantan.
NADIE GONZÁLEZ
Considera Nadie González que o feito de que ela, coa trintena xa superada, estea aínda na plataforma de lanzamentos emerxentes, ao mellor é unha mostra de que na música urbana, «as mulleres tardamos moito máis tempo en despegar que os rapaces». En calquera caso, pola súa traxectoria e polo que amosou nos seus concertos este verán, o seu disco é un dos máis agardados deste outono. Titularase Jalocha, unha expresión local de Candeán que fai referencia ás persoas ás que lles gusta desfrutar dos pequenos praceres da vida. O disco está coproducido por ela mesma e por Peter Petrowski. «Vai ser un álbum que penso que vai sorprender, porque hai temas moi diferentes entre si, nos que introduzo elementos e temáticas coas que nunca traballei. É unha aposta fortísima que me leva a estar vivindo neste momento entre a euforia e a presión».
APOLO18
O de Apolo18 xa é máis que unha revelación. E iso que, a priori, coa súa proposta musical —desmarcándose dos sons urbanos e latinos e reivindicando o rock de guitarras con influencias do grunge, do shoegaze e do progresivo— a banda coruñesa afástase dos estándares do máis demandado no circuíto. No seu primeiro ano de vida, Apolo18 xa pasaron por festivais como Noroeste, Río Verbena, Noites de Porto e salas como Mardi Gras, La Fábrica de Chocolate, Moon ou Clavicémbalo. «O 2026 non o imos esquecer nunca. Día tras días chegábannos cousas que para nada agardabamos», comentan.
A finais deste mes, Apolo18 irán a Madrid a gravar as nove cancións que formarán parte do seu primeiro disco, que sairá na primavera do 2027. «Musicalmente irá na liña dos sinxelos que xa fomos sacando. A xente vai escoitar o que agarda de nós, aínda que, por suposto, tamén van notar xa unha certa madurez», adiantan.
SILEE
Os seguidores da escena urbana galega xa poden ir anotando outro nome nas súas preferencias, o deste rapaz de Bueu de 27 anos que este ano se fixo viral grazas a un dos seus temas, Milajros de Amil. Compositor e produtor, Silee publicou esta semana Na de Juan, un novo adianto do seu primeiro disco longo, que verá a luz antes de que remate este 2026. «Aínda estou aterrando de todas as cousas bonitas que me pasaron este ano. Levo moito tempo loitando por dedicarme á música e agora chegan por fin as primeiras recompensas». E todo fai indicar que esas recompensas vanse multiplicar por moito no 2027.
TAPA D'ORELLA
Non fai falta ter unha bola de cristal para adiviñar que Tapa D'Orella van ser un dos grupos galegos que a máis palcos subirán durante 2027. Con só seis cancións publicadas e un feixe de concertos, Willow GHZ e Pappaquino xa amosaron que a súa proposta, baseada na música de festa e nos ritmos latinos cun chisco de electrónica, é dificilmente batible.
Antes de que remate este 2026 coñeceremos aínda algunha canción máis de Tapa D'Orella e xa na primavera do ano que vén verá a luz o seu primeiro disco, conformado totalmente por cancións inéditas. Un disco que está chamado a ser un dos máis escoitados en Galicia no 2027.