Maré baña Santiago cun océano de ritmos

FUGAS

ADRIAN RUIZ HIERRO | EFE

Omar Souleyman, António Zambujo, Bia Ferreira e Aterciopelados encabezan o cartaz

18 sep 2026 . Actualizado a las 09:46 h.

De Siria a Colombia. De Mozambique a Brasil. De Portugal a Cuba. De Inglaterra ao Congo. De Cabo Verde a Francia. De Arxentina a Escocia. De Cataluña a Galicia. O festival Maré volverá estender a súa ponte transoceánica do 23 ao 27 de setembro para inundar Santiago de ritmos marcados pola diversidade e a identidade. Serán máis de 30 espectáculos de 16 países e nunha ducia de linguas. Haberá jazz, folk, rock, reggae, trova cubana, samba, fado, blues e músicas de raíz. O obxectivo: invitar á descuberta de novas sonoridades e sensacións, pero tamén procurar que calquera poida encontrar aquela música que lle atrae. «A idea é que a xente á que lle guste o jazz, a música experimental, o pop, a música electrónica, a tradición..., teña en Maré un pequeno espazo onde atopar o seu artista», di Vítor Belho, director de Nordesía, que impulsa a cita.

A artista catalana Magalí Sare —acompañada polo coro de cámara compostelán Vox Stellae— alzará o pano desta nova edición de Maré o mércores no Principal cunha proposta froito de tres anos de investigación na que recompila cancións tradicionais de distintas culturas que dan voz ás mulleres e a súa experiencia co matrimonio. Trátase, ademais, dunha cita para conectar con Begoña Caamaño, protagonista este ano do Día das Letras Galegas. Con este concerto arranca un cartaz no que figuran nomes como o sirio Omar Souleyman, referente internacional do dabke electrónico; António Zambujo, unha das voces máis recoñecidas da música portuguesa e do fado contemporáneo; a banda colombiana Aterciopelados, proposta fundamental do rock alternativo latinoamericano; Haydée Milanés e Javier Colina, que ofrecerán un diálogo arredor da canción cubana; a brasileira Bia Ferreira coa súa poderosa canción activista; a británica Ala.ni co seu jazz minimalista; e María Marín, unha das voces máis singulares do flamenco actual. Non faltan os proxectos galegos, como Faia, Marcos Coll, Lideira, Lidia India, Trilitrate, Gloria Pavía e Rafa Morales, entre outros.

Producións propias

O programa inclúe producións propias do festival. Entre elas destaca Cuba canta en Maré, un proxecto encabezado por Alejandro Vargas Trío e Reynier Aldana, que contará coa participación de Lindiana Murphy, Frank Delgado, David Álvarez, Loidis Taboada, Wöyza e Rafael Briseño. Non será o único proxecto no que interveña o pianista cubano Alejandro Vargas, posto que xunto ao camerunés Gino Sitson será protagonista de Misa El Bosque Negro, que establece un diálogo musical entre África e América. Pola súa banda, a clausura da nova edición deste encontro intercultural tentará dar continuidade ao legado de Narf agora que van cumprirse dez anos do seu pasamento. Para iso volve tenderse a ponte entre Galicia e Mozambique. Cheny Wa Gune estará acompañado nesta ocasión por A Pedreira para a proposta De Zemambiquo a Zigala. Aínda que os abonos para o festival xa levan tempo esgotados, as entradas para os distintos espectáculos que se desenvolverán no Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, a Sala Capitol, a igrexa da Universidade e Riquela, entre outros, xa están á venda. Haberá, ademais, propostas de acceso gratuíto, como a cita da praza de Mazarelos.

  •  Santiago do 23 ao 27 de setembro