A banda de Ponteareas amplifica os seus rexistros con «Demasiado gris», un tema menos escuro e con claras influencias do «britpop»
18 sep 2026 . Actualizado a las 17:30 h.Que o da xustiza na industria musical é case sempre unha ilusión, hai moito tempo que se sabe. Que ninguén é capaz de dar co lugar onde se acciona a tecla que desbloquea a porta do éxito, tamén. Pero ao mesmo tempo é unha certeza incuestionable que, ademais do talento, o traballo e o tesón son factores que poden favorecer a consecución deses dous obxectivos: unha valoración xusta e un recoñecemento por parte do público.
E iso é algo que, dende a súa fundación, alá polo 2021, teñen moi presente Exeria. Aínda que un teña a sensación —penso que compartida pola propia banda— de que a súa proposta musical ben tería merecido unha maior recompensa.
Aínda que por aí asoma unha nova xeración de músicos galegos aferrados ao mástil, non anda Galicia sobrada de grupos que defendan con tan notable criterio e despregadura de recursos o son das guitarras. Por iso Exeria son unha saudable excepción. O cuarteto de Ponteareas preséntase, de xeito ben atinado, como unha «banda de románticos namorados das guitarras distorsionadas e das grandes melodías». E engaden que «sen corsés estilísticos». Outra mostra da súa boa disposición.
Pero nada diso tería sentido se a súa música non refrendase eses postulados. E para iso está Demasiado gris, a canción que esta mesma semana publicaron e que, máis alá de supoñer o primeiro adianto do que será o seu disco máis ambicioso, preséntase tamén como unha declaración de intencións do novo son no que están a traballar Exeria. Un son que non racha cos seus sinais de identidade pero que os leva a transitar por territorios un chisco máis luminosos. «Tiñamos ganas de escapar un pouco dese rock máis escuro e máis triste que marcaba as nosas últimas cancións», comentan. E conseguírono.
Sen afastarse por completo da súa querencia polo rock alternativo, no que a banda tan cómoda se sinte, en Demasiado gris Exeria achéganse máis ao britpop. Un achegamento ao que, dende logo, non é alleo o produtor deste tema —que o será tamén do disco completo—, o recoñecido Nick Brine, quen ten participado en traballos de bandas como Coldplay, Oasis, Primal Scream, The Stone Roses ou Stereophonics, entre outros.
Demasiado gris, que na súa letra fala dunha amizade que morre sen que apareza o rencor, chega acompañada dun videoclip dirixido por Izanmg, no que os catro compoñente do grupo rematan por presentarse a un concurso underground de baile. «Non nos gusta que os vídeos sigan a canción ao pé da letra, preferimos que teñan a súa propia narrativa». E é que ata nisto os Exeria son felizmente orixinais.