Willow GHZ e Pappaquino están a revolucionar a escena musical galega cunha proposta festiva e desenfadada que toma o seu substrato do campo da festa. O sábado 12 actúan no Revenidas
11 sep 2026 . Actualizado a las 11:35 h.Aínda que como Tapa D'Orella apenas cumpriron medio ano de vida, os seus artífices non son, nin moito menos, dous advenedizos recentemente chegados ao circuíto musical galego. Un deles, Darío Burgos, de 28 anos e das Neves, leva anos sendo un destacado referente da escena urbana grazas ao seu proxecto Willow GHZ. O outro, Joaquín Limia, un rapaz de Verín de 27 anos, non atesoura unha traxectoria tan consolidada, pero co seu proxecto como Pappaquino estaba reclamando cada vez máis a atención e estaba ben situado na grella de saída dos novos artistas galegos emerxentes.
Pero o que nin un nin o outro podía imaxinar, cando a principios de ano empezaron a quedar para compoñer e gravar xuntos, era que aquelas poucas cancións —de momento teñen seis publicadas—, asinadas baixo o nome de Tapa D'Orella ían acadar a dimensión e a repercusión que acadaron, nin que os ían levar ata onde nestes meses xa chegaron.
A primeira razón de que o fenómeno acontecese hai que buscala na propia proposta musical de Tapa D'Orella, con cancións que toman o seu substrato da raíz e da esencia do campo da festa. Melodías superpegañentas, desas que antes de que te des conta xa te teñen posuído, aderezadas con relatos cotiáns narrados dun xeito moi empático e, á vez, simpático. Como puxeron de manifesto nos seus primeiros videoclips, gravados nun exercicio de sublime e sentido enxebrismo nunha desas tantas icónicas paradas de autobús que poboan a xeografía do rural galego.
Desprovistos de calquera tipo de prexuízos sonoros, Tapa D'Orella achéganse por momentos aos ritmos latinos máis bailables —con especial querencia pola cumbia— pero tamén ao ska, á pachanga ou á música popular galega. Pappaquino xustifica esta variedade: «Cada vez que nos xuntamos sáennos cousas totalmente diferentes e todas nos encantan. Así que musicalmente imos seguir toleando por onde nos pete». Ao que Willow apostila: «Gústanos demasiado a música como para decidirnos por un só estilo».
De feito, o propio Darío apunta como unhas das claves do éxito deste proxecto que «dá igual que nos botes nunha festa dun pobo ás 12 da mañá, chea de señoras e señores maiores, que nos soltes na praza da Quintana, ateigada a primeira hora da tarde, ou que nos programen ás dúas da mañá nun festival de música electrónica. Dá igual onde nos poñas, o máis probable é que funcione». Como a bo seguro vai funcionar o sábado 12 no festival Revenidas, en Vilaxoán, no que Tapa D'Orella van actuar ás 16 horas, nunha xornada na que tamén estarán presentes The Rapants, Fillas de Cassandra, 9Louro, El Drogas e La Gossa Sorda, entre outros.
Outro dos factores que propiciaron esta abrumadora conexión de Tapa D'Orella co público está nas súas letras, nas que amosan unha sobresaínte habilidade para combinar humor, sensibilidade, moitas referencias ás raíces e moitas referencias tamén aos seus anhelos e aos seus demos persoais e colectivos. «O humor é unha parte moi importante da nosa vida», comenta Pappaquino. «O 85% do tempo que estamos xuntos é unha sucesión de bromas, unha detrás doutra. Pero tamén nos consideramos uns rapaces moi sensibles, moi comprometidos co que é a mocidade a día de hoxe e con como entenden a vida». «Pero nunca prefixamos temáticas», engade Willow. «Vai saíndo o que vai saíndo segundo o que imos sentindo no momento e o que estea máis á flor de pel».
O feito de que que Willow e Quino chegasen a confluír vindo de dúas escenas moi diferentes non supuxo ningunha dificultade nin contratempo, senón máis ben ao contrario. Pappaquino lembra como foron aqueles primeiros días de traballo: «Non buscamos nada de xeito premeditado. Non quedamos e dixemos: "Imos facer un rollo que estea no término medio entre o que se facía antes e o que se fai agora", nin nada polo estilo. Cadrounos así porque somos dunha época que está no medio de dúas xeracións moi marcadas, a que determinaron grupos como Dakidarría, Rebeliom ou SonDaRúa e esta nova onda urbana. E podemos dicir que collemos un pouquiño o relevo duns e o faro dos outros».
O éxito de Tapa D'Orella colleu, ata certo punto, a contrapé aos seus impulsores. A demanda de concertos e a necesidade de artellar un repertorio propio obrigounos a mudar o plan inicial de recompilar nun vinilo os sinxelos que fosen sacando durante o ano e a publicar máis cancións das que en principio tiñan previstas. O proxecto do disco queda posposto para o 2027 e conformarase a partir de cancións novas. «Non imos incluír nel estas que xa fomos sacando ata agora», sinalan.
Tamén mudaron os plans de Joaquín Limia, que tiña un disco de Pappaquino xa listo para publicar e, de momento, vaino deixar aparcado. «Voume centrar en traballar todo o posible en Tapa D'Orella. Primeiro, porque me fai máis feliz e, segundo, porque non hai peor cego que o que non quere ver e está claro que os meus números en solitario non teñen nada que ver cos deste proxecto. Entón, vou poñer todos os ovos nesta cesta», conta.
Quen si ten intención de seguir mantendo o seu proxecto en solitario é Willow GHZ. «Mentres a cabeza mo permita vou seguir cos dous. De feito, cara a finais de ano probablemente teñades algo novo de Willow por aí», adianta.
Os directos de Tapa D'Orella beben directamente do espírito do campo da festa, propiciando un arrebatador ambiente ao que é imposible substraerse. «Polo de agora, temos seis cancións publicadas e tocamos outras dúas que aínda non saíron, falamos moito e facemos un pequeno teatriño musical. Pouco a pouco, a medida que as nosas contas nolo vaian permitindo, iremos incorporando alguinha cousa e algún compoñente máis no escenario», comenta Willow.
—E cal é a tradición das festas galegas que máis pena vos dá que se estea perdendo?
Willow. Eu tiro unha: os gaiteiros no vermú.
Quino. Eu vou dicir que os foguetes polas mañás.
Willow. Aí méteste nunha lea, eh! (rin)
Quino. Xa o sei, pero a min é algo que me lembra á miña infancia, cando na aldea se facían esas festas das que estamos a falar e os foguetes marcaban cada mañá o seu inicio.