Catrocentas palabras

FUGAS

Ismael Herrero

Comeza o curso, queridos adolescentes, e penso en vós. O último informe PISA indica que tendes dificultades para ler textos que superan as catrocentas palabras, máis ou menos a extensión deste artigo. E que a vosa capacidade de atención segue baixo mínimos, sometida polos estímulos de TikTok, Instagram e outros trebellos diabólicos, deseñados para provocar adicción e amolecernos a todos o cerebro co scroll infinito.

Saberedes que estes días os adultos non falamos doutro asunto, enguedellados en debates que non parecen ter fin. Entre outras razóns, atribuímos o desastre ao uso indiscriminado de pantallas, á irrupción da IA e a un retroceso da esixencia nas aulas. Supoño que a conxunción deses factores, agora que vos asaltan uns anos confusos, contribúen a que adentrarvos nun bosque de subordinadas vos resulte un exercicio inabordable, e que a práctica da lectura lenta e paciente —sen recompensa instantánea— sexa para vós unha actividade propia de épocas remotas.

Pero ocorre que o asunto é moito máis complexo, e que boa parte dos adultos que vos sinalan andan xustos das competencias que insisten en reclamarvos. Están ansiosos, coa atención tamén moi avariada. Direivos que se nota especialmente na política, onde podería darvos os nomes de varios portavoces parlamentarios aos que me resulta imposible imaxinar mantendo a ollada non tanto sobre un parágrafo de Kafka ou Onetti, se non sobre calquera prosa contraria ás súas mensaxes violentas e manipuladoras, destinadas a alimentar o enfrontamento civil. Ou no mundo da comunicación, onde o estrépito de certos faladoiros políticos me obriga a pensar que moitos comentaristas xa só queren entender o que lles convén, froito da incapacidade para asimilar calquera razoamento alleo á inmediatez emocional.

Daquela permitídeme un consello: a capacidade de atención vai camiño de transformarse nun superpoder, así que non dubidedes en exercitala. Falo dun músculo substancial. Xa sei que o ambiente xoga en contra, pero as cousas irán mellor se cada día lle metedes o dente a textos, mellor en papel, que superen paulatinamente ese límite das catrocentas palabras. Asimiládeos en defensa propia, con carraxe, aumentando unha frase, dúas, tres, ata experimentar o delirio de querer seguir lendo. Facede o favor: convertédevos en imparables. Tomade as armas agora mesmo fronte a interrupción. Sede os vingadores atentos deste planeta roto e distraído.