A súa decidida aposta persoal e a fascinación que exercen as músicas de raíz leváronas a ser as artistas galegas que máis tocan fóra de Galicia. O sábado 19 ofrecerán un «concerto único e especial» na sala Capitol de Santiago
04 sep 2026 . Actualizado a las 10:11 h.O de rachar fronteiras coa nosa música foi durante moito tempo pouco menos que unha quimera. Caamaño & Ameixeiras conseguírono —de feito, este ano teñen actuado moito máis fóra de Galicia, e de España, que na súa terra— e atribúeno aos froitos da súa aposta persoal e á fascinación que exerce a música de raíz fronte a outros xéneros moito máis globalizados. «Desde o principio do proxecto apostamos pola proxección internacional. Sentimos enseguida que a música de raíz e o discurso que temos en torno a ela podía conectar moito coa xente de fóra. E cada vez que saímos comprobamos que a raíz xera conexións coas raíces doutra xente. E que o público, ademais de percibilo como algo exótico, conecta coa esencia de todas esas tradicións. E iso é algo que a música globalizada non che dá. Salvando as distancias, a nivel estilístico e discursivo, unha música pop coreana non é tan diferente dunha galega», expoñen.
Ao tempo que avanzan no seu terceiro disco, Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) apuran unha xira que as está a levar por media ducia de países e preparan un concerto «único e especial» que terá lugar o sábado 19 de setembro na sala Capitol de Santiago, no marco do festival Holanola.
—Que é o que máis fascina fóra da súa proposta e da música de raíz galega?
Sabela. A tradición galega causa certa envexa porque ven que temos unha riqueza antropolóxica, tanto na música como no baile ou na ritoloxía, que en poucos lugares se conservou.
Antía. O que máis lles chama a atención é ese punto máxico e ancestral que temos e a nosa relación coa morte e co máis alá.
—E enténdena?
Antía. Nós somos bastante faladoriñas e, por exemplo, cando imos a Francia intentamos contarlles en francés as nosas historias de ritos populares, desas experiencias coa morte, co loito, co corpo aberto..., todas estas cousas que nós investigamos para o noso disco. E quedan fascinados.
—Notan moitas diferencias en canto ao público?
Sabela. O de fóra é un público cunha maior sensibilidade pola cultura. Non existe tanto ese concepto de música como entretemento ou de ir a un festival máis por unha cuestión social que por ir escoitar música e coñecer novos artistas.
—Que é o máis complicado desta aposta pola internacionalización?
Antía. O máis complicado están sendo as viaxes. Levamos moita tralla de avións. Polo demais, estanos sendo moi fácil sentir que conectamos moitísimo co público cando saímos fóra. Por suposto, é moito máis cansado facer un concerto en Nantes que en Galicia, pero o que traes de volta é tan bonito que compensa.
Sabela. Pero se puidésemos pedirlle un desexo ao xenio da lámpada, sería o teletransporte.
—E o mito da barreira do idioma?
Antía. Todo o contrario. O feito de ter unha lingua propia xera mogollón de interese. E nós, como persoas que respectan e valoran as linguas, cando imos a outro país intentamos falar un pouco na súa lingua e ese esforzo é algo que valoran moito.
Sabela. Chámalle moito a atención o tema do bilingüismo, que poidamos falar indistintamente en dous idiomas. Iso por aí adiante non é moi común.
—Que foi o máis fermoso que lles dixeron por aí adiante?
Sabela. Eu sempre busco que a xente se emocione. Por suposto que che fai ilusión que alguén che diga que ben tocas ou que ben cantas. Pero iso é para alimentar o ego. Agora ben, cando alguén che di: «Emocionáchesme» ou «isto fíxome sentir algo que me conecta con algo moi profundo», aí é cando sentes que realmente cumprimos o noso propósito e que lle estás aportando á xente algo que ten valor real.
—Levan a conta de en cantos países estiveron?
Antía. Uf! A ver: Canadá, Noruega, Polonia, Portugal, República Checa, Francia, Bélxica, Austria, Italia, Alemaña, Países Baixos, Eslovaquia... E seguro que falta algún.
—Un destino desexado e aínda pendente?
Sabela. A min gustaríame ir a Xapón.
Antía. Eu estou moi ilusionada coa xira que faremos en xaneiro por EE.UU. Ademais de ir a unha feira tan importante, como é o Folk Alliance, que nos pode abrir moitas portas naquel país, imos actuar en Nova York, Chicago, Boston, Filadelfia, Massachusetts... Van ser 20 días fóra, pero fainos moita moitísima ilusión.
—Teñen algún país, cidade ou lugar fetiche ou inesquecible?
Antía. Para min, un dos concertos máis especiais, porque o sitio era marabilloso, foi o que fixemos na catedral de Calvi, en Córcega. E estar alí varios días escoitando cantos corsos pareceume impresionante.
Sabela. Eu téñolle especial cariño a Francia, en xeral. E lembro con especial agarimo o concerto que demos no castelo de Nantes. Foi precioso e moi emocionante.
—Descubriron algo de Galicia estando tanto tempo lonxe dela?
Sabela. Fíxonos ser máis conscientes de que temos que estar moi orgullosos da nosa tradición. Sobre todo, de que estea viva e integrada na sociedade. Que non sexa só un elemento museístico que hai que preservar. En moitos países, a música de raíz está folclorizada e apartada da participación social. Sobre todo, da xente moza. O feito de que en Galicia teñamos esa integración da música tradicional na base da sociedade grazas ao traballo das asociacións e agrupacións é algo incrible e marabilloso.
—Hai tres anos, cando saíu «Quitar o aire», dixéronme que ir a unha foliada cos amigos se estaba convertendo nunha opción de ocio igual que saír a unha discoteca o sábado pola noite. Van ser as foliadas os novos festivais?
Sabela. A ver, son formas diferentes de consumir música pero poden ser totalmente compatibles.
Antía. As foliadas sempre estiveron aí. Eu, dende moi nova, sempre consumín ese tipo de noite, sempre saín de festa indo a foliadas.
Sabela. A algunha discoteca tamén irías (rin).
Antía. Cando estaba no instituto, pero despois eu xa me movín sempre no mundo foliada. En Santiago, calquera día da semana tes unha foliada onde ir.
—Falando do estritamente musical, como é recibida fóra a música tradicional galega e os seus ritmos?
Antía. Moi ben. A xente percibe a nosa música da mesma maneira que percibe as nosas historias, con moita verdade e como algo que fala dun sitio e dunha idiosincrasia moi concreta.
Sabela. A xente tamén conecta moito co feito de que facemos música esencialmente acústica e toda tocada en directo. Isto nos tempos que corren xa é case unha forma de resistencia.
Antía. Eu teño a sensación de que fóra son bastante menos permisivos co de levar voces ou bases gravadas e pistas que non estean sendo tocadas en directo.
—Por que non tocan máis en Galicia?
Antía. Porque fóra prográmase antes [rin].
Sabela. Pasounos bastantes veces o de chegarnos propostas para tocar en Galicia en datas que xa tiñamos collidas fóra.
Antía. E tamén ten que ver cunha decisión nosa de facer un pouco de barbeito aquí para cando saia o novo disco.
—Que lle falta á industria musical galega, e dende logo non é talento, para que os nosos artistas teñan unha maior proxección internacional?
Antía. A industria musical galega está crecendo a pasos de xigante, acorde ao talento que está emerxendo, que, ademais, cada vez está máis profesionalizado. Pero vemos que, por exemplo, en Cataluña teñen moitas axudas para viaxar ao exterior ou para distribuír fóra a súa música. Deberiamos copiar algo dese modelo.
Sabela. A nós, moitas veces, dinnos: «Que sorte tedes de tocar por aí!». Pero é que nós levamos moitos anos facendo o traballo de abrir mercado e de tecer redes fóra. E é un traballo duro que require estar moito tempo sementando. E non todas as sementes agroman, nin moito menos.
Antía. Nós neste momento temos oficinas en Francia, en Portugal, en Canadá e en EE.UU. Pero para iso tamén foi moi importante o investimento que fixemos para estar presentes en feiras internacionais.
Sabela. No noso caso deuse unha conxunción entre a nosa clarísima aposta e a vontade de poñer toda a implicación da nosa parte para que o proxecto crecese e o feito de dar con persoas que se namoren do teu proxecto e que decidan traballar por el. Nós tivemos, entre comiñas, esa sorte.
—Como vai o proxecto do novo disco?
Sabela. Agora mesmo, témolo completado como nun 60 %. Vai seguir, dende o punto de vista antropolóxico, na liña do anterior, pero vai ter un enfoque distinto que nos fai moita ilusión. E a nivel musical, estamos moi contentas co son que estamos atopando. Polo de agora estamos compaxinándoo coa xira, pero temos moitas ganas de ter un pouco de tempo para dedicarlle todo o cariño que merece.
—Vostedes mesmas dieron que entre «Aire!» e «Quitar o aire» pasaron de ser «riquiñas» a ser «máis punkys». Cal sería o adxectivo que lle poñerían a súa próxima etapa?
Antía. A min paréceme máis punky aínda que a anterior.
Sabela. Eu diría que profunda e máis esencial.
Antía. Eu tamén a percibo menos escura.
Sabela. Poderiamos dicir que profunda pero con máis esperanza.
Antía. Si, iso, un pouco máis luminosa.
—Como vai ser ese concerto na sala Capitol no marco do festival Holanola?
Antía. Vai ser moi especial. Apetecíanos facer cousas un pouco distintas ao que veñen sendo os concertos desta xira. Entón, vai haber convidadas, imos facer versións de cancións que sempre nos apeteceu facer...
Sabela. Uns días antes do concerto imos participar nunha residencia con artistas galegos e de Nova Orleáns que participan no festival, así que haberá unha parte coa música que fagamos na residencia. De feito, algúns deses artistas tamén colaborarán no concerto. Eu imaxínoo como un entroido. Un día no que podes xogar a ser outra persoa, a ser diferente do que es. Por iso é algo que só vai suceder esa vez. Quen queira sabelo, terá que ir.
- SANTIAGO. CAPITOL. SÁBADO 19. 21.00 H. 19,80 EUROS