Abre hoxe o festival Treixadura, e pola tarde, será a quenda de Luar na Lubre
21 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A historia do festival Guísamo Folk ten que ser escrita máis cedo que tarde. Naceu no ano 1979 polo empeño duns mozos da zona que viran cómo o ano anterior a xente se xuntaba arredor da música tradicional en Ortigueira. Pero a finais da década dos oitenta deixou de celebrarse e ficou no sono dos xustos ata que resucitou coa chegada do novo século. Desde entón non deixou de medrar e de encher de familias —é un festival que ten sabor a romaría, ao que os asistentes chegan coas súas viandas a pasar o día e participar nos obradoiros cos máis pequenos— o campo da feira de esta parroquia do concello coruñés de Bergondo. Se quitamos o ano da pandemia, saen 25 edicións, cousa digna de celebración. Así o entenderon no concello, que preparou para este ano un cartel que vai ser máis que difícil superar en vindeiras edicións, por calidade e variedade. Porque mañá haberá música para tódolos gustos. Abren o festival Treixadura á unha da tarde, aos que lle seguirá a Agrupación de Música Tradicional de Bergondo. Xa pola tarde, será a quenda de Luar na Lubre, banda que celebra, pola súa banda, os seus 40 anos de historia actuando por segunda vez neste festival. Logo virán Radio Cos, seguidos do trío Alana, unha das novas formacións que máis alegrías están dando ao panorama musical galego. E o peche, xa entrados en horas perigosas, o porán The Rapants, que si ben pouco teñen que ver coa música tradicional e o folk, pouca dubida cabe de que son a mellor tarxeta de presentación que ten a música galega na actualidade. Todo cabe no Guísamo Folk no seu aniversario.
Neste Guísamo Folk hai dous aniversarios: os 25 anos do festival e os 40 que celebra Luar na Lubre, na foto da esquerda.