As recomendacións de cultura galega de... Jorge Mira, físico 

FUGAS

Caamaño e Ameixeiras.
Caamaño e Ameixeiras.

De Einstein a Pondal pasando coa música de Antía Muíño e de Caamaño e Ameixeiras lévannos as propostas do físico e divulgador

14 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

De Albert Einstein a Eduardo Pondal pasando pola música de Antía Muíño e Caamaño e Ameixeiras lévannos as propostas do físico e divulgador Jorge Mira.

ALBERT EINSTEIN, EN GALEGO

Da relatividade restrinxida e xeral

A teoría da relatividade é un dos meirandes cumios intelectuais da especie humana. Albert Einstein concluíuna en 1915 e, un ano máis tarde, publicou esta obra divulgativa, na que expoñía a súa fazaña cun estilo que el cualificou «de fácil comprensión». Lina por primeira vez con 15 anos, e recordo perfectamente o profundo impacto que me causou a lectura de algo tan brillante. Foi un honor para min estar detrás da súa versión en galego, publicada polo Consello da Cultura Galega e dispoñible en aberto.

Caamaño e Ameixeiras.
Caamaño e Ameixeiras.

CAAMAÑO E AMEIXEIRAS

Quitar o aire

É un feito o renacemento, vía transformación, da música galega de raíz. Caamaño e Ameixeiras son un símbolo desa tendencia. Tanto Antía como Sabela atesouran unha longa traxectoria, rica en formación e en experiencia a través de numerosas e variadas colaboracións. A súa mente dual está sempre aberta para nutrirse da contemporaneidade que as rodea, axudándoas a universalizar o seu estilo, cada vez máis particular. En Quitar o aire, o seu disco máis recente, demostran esa vocación, explorando planos arriscados e experimentais dos sons típicos de Galicia.

ANTÍA MUÍÑO

Anfibia por veces

Na arte da música popular adoita haber bastante autodidactismo, como se a súa fronteira coa música clásica dependese do afastamento da tradición académica e dos conservatorios. Antía rompe con ese paradigma: é unha muller dunha sólida formación regrada, con anos de estudo culminados no prestixioso Musikene. Sígoa dende os seus comezos, e non para de medrar como artista, con ritmo constante e sólido, cara a un horizonte que promete o mellor. Este é o seu último disco, que segue ao exitoso Carta aberta.

MIRIAM AMADO

A COSTA DA MORTE

Penedos de Pasarela e Traba

Os elementos da Costa da Morte son os autores desta obra de arte natural, que levan cicelando máis de cen millóns de anos. Unha paisaxe digna de ser decorado dunha película de ciencia ficción, con multitude de rochas que desafían a capacidade de pareidolia do noso cerebro. Este enorme espectáculo ao aire libre esténdese durante varios quilómetros por esas localidades dos concellos de Laxe e Vimianzo. O agasallo non é só ver esas rochas máxicas que nos evocan todo tipo de figuras, senón tamén unhas paisaxes fermosas do cerne da Costa da Morte.

BASILIO BELLO

ARQUEOLOXÍA

Restos romanos de Brandomil

Na mitoloxía creada por Eduardo Pondal, o guerreiro Brandomíl foi o líder celta contra a invasión romana. O símbolo de valor e da identidade nacional galega. Paradoxos do destino, Brandomil estase a revelar coma un dos principais enclaves romanos da provincia da Coruña. Tras 2.000 anos oculto, empeza a agromar grazas ao traballo da Fundación Brandomil, que a través de sinerxias co concello de Zas, a Xunta e a Deputación da Coruña, está a descubrir notables restos romanos, que xa son accesibles ao público.