Futuro Alcalde: «Prefiro tocar para 20 persoas que estean ''atopísimo'' a que haxa mil e estean mirando o móbil»
FUGAS
O proxeto musical do compostelán Fernando Sanmartín forma parte do cartel do festival Soasuarna (Navia de Suarna, 22 de agosto), xunto a De Ninghures, Kid Mount, Antía Muíño e Tona
15 ago 2026 . Actualizado a las 22:15 h.Cando hai tres anos publicou Bailando en el paraíso —un epé policromático que xogaba co synth pop, o neopunk e certo flow urbano— foron moitas as voces que sinalaron a Futuro Alcalde como un dos proxectos máis ilusionantes e prometedores da música galega. A súa presenza no cartel do Son do Camiño e unha posterior e arrebatadora colaboración con Grande Amore e Galician Army acrecentaron aquela sensación. Pero a partir de aí, pouco soubemos del. Si, seguiu sacando algún sinxelo e asomando por algún escenario, pero non coa intensidade que se agardaba trala súa fulgurante irrupción. «Tiven algunha decepción e recibín algunha labazada de realidade en relación coa industria musical que me quitou un pouco de ilusión e que me fixo pisar un pouco o freo. Pero diso xa estou ao 100 % recuperado», comenta Fernando Sanmartín, o músico compostelán que artella este proxecto.
Hai uns meses, Futuro Alcalde publicou Almas perdidas, un tema producido por Fernando Alvite (Mundo Prestigio) e para o que contou coa colaboración de Carlangas. Sen abandonar os postulados esenciais de Futuro Alcalde, a canción vira claramente cara un postpunk escuro e intenso. «Eu pensaba que ía funcionar un pouco máis, pero igual estes sons non encaixan coas novas tendencias. É cuestión de traballar máis e seguir sacando máis temas ata dar no clavo e ata que eu tamén me sinta cen por cen cómodo», expón o artista.
Os plans de Futuro Alcalde pasan agora por atopar un produtor que lle dea saída ás moitas cancións que xa ten escritas. «Estou intentando xuntarme con alguén que teña as mesmas referencias e os mesmos gustos ca min para poder plasmar o que teño na miña cabeza e poder publicalo sen darlle moitas máis voltas. Porque eu fixen algunha cousa como produtor, pero creo que outras persoas poden sacar máis partido de min que eu de min mesmo. Dame rabia non atopalas».
Precisamente, rabia e actitude son as dúas palabras que máis se repiten nas crónicas dos traballos ou dos concertos de Futuro Alcalde. Dous termos que Fernando Sanmartín acepta de bo grao. «Sempre tiven moita rabia dentro. Son unha persoa que non busca confrontarse moito coa xente, e ás veces iso dá lugar a ter unha rabia interior bastante potente, que ao final ten que saír por algún lado. E actitude, tamén. Gústame facer as cousas ben e con ganas. Non facelas por facelas. Cando se fai algo, faise ao 100%»..
A Futuro Alcalde definírono como un proxecto «para que bailes, para que rompas os mobles, persigas os teus soños, chores, te namores e desenamores». Unha definición coa que Fernando Sanmartín tamén concorda. «É sinxela pero potente», di. Que lle engadiría?, preguntámoslle. «Que tamén son honesto e que vou sempre de fronte e directo. E que Futuro Alcalde é un proxecto musical ao que lle gusta mesturar guitarras eléctricas e experimentar con sons electrónicos ou con calquera outra cousa».
Futuro Alcalde, que xa estivo este ano no FIV de Vilalba, actúa o sábado 22 no festival Soasuarna, en Navia de Suarna. «Mólanme moito ese tipo de festivais aos que ninguén lles marca a folla de ruta. É un festival de xente do pobo, para o pobo. Un festival que rexeita o modelo Frankenstein que semella que agora se está a impoñer»,.
—Vostede ten subido a escenarios como os do Son do Camiño e a outros moito máis «undergrounds», en cales se sente máis cómodo?
—Eu síntome cómodo alí onde haxa público prestándoche atención. Prefiro tocar para 20 persoas e que esas 20 estean atopísimo a que haxa mil que estean mirando o móbil ou agardando a outro artista. Cousa que, por certo, xa non só pasa nos festivais grandes».