O festival Jazz de Ría acolle o sábado 15 a presentación de «O eco do chifre», un relato baseado na historia real de como o asubío dun capador galego chegou a soar nun disco de Miles Davis
31 jul 2026 . Actualizado a las 12:13 h.Expoñente esencial e referencial da dramaturxia galega contemporánea polo seu labor durante catro décadas como director, autor, actor e narrador, a figura de Quico Cadaval (Ribeira, 1960) asoma de cando en vez noutras vertentes creativas que non están estrita ou exclusivamente vinculadas ao ámbito do teatro e da escena. A música —á que adoita outorgarlle un notable protagonismo na meirande parte das súas creacións— é unha delas. De aí que ninguén botase as mans á cabeza cando descubriu o seu nome, xunto aos de Sara Dowling, Michael Kanan, Albert Cirera, Yosvany Terre, Manu Sija ou o Ensemble 100xMiles, no cartel do festival Jazz de Ría, que se celebrará en diversas localizacións da Costa Ártabra entre o 12 e o 16 de agosto. No seu caso, presentará O eco do chifre no mosteiro do Couto, en Narón, o 15 de agosto. Un texto creado para a ocasión a partir da historia real de como o asubío dun capador galego chegou a inspirar e formar parte dun dos discos máis aclamados de Miles Davis.
—Que fai un narrador oral nun festival de jazz?
—Hai contadores de historias, como Murakami ou Cortázar, que saben moitísimo de jazz. Non é o meu caso, pero si que me gusta moito. De feito, teño tido varias experiencias na contorna do jazz xunto ao saxofonista Pablo Castaño. No 2011 fixemos unha misa por San John Coltrane, na igrexa de San Xoán de Fecha, nun barrio de Santiago. E como nos gustou, despois montamos Ornithology, un espectáculo na honra do famoso paxareiro Charlie Parker.
—Cal é a conexión entre o jazz e a narración oral?
—A improvisación. A imaxinación creativa acostuma ser como un manancial que brota sen control. Hai formas artísticas que a someten a duros corsés, como a narrativa clásica ou as formas convencionais da música, e hai outras disciplinas que descobren que hai outra maneira de ordenar a creatividade sen ser tan constrinxentes. Eu como contador de historias e como teatreiro, sempre intentei ter esa liberdade do jazz.
—Dende logo, a historia real na que se basea «O eco do chifre» é fascinante.
—É brutal! Imaxínate o que tivo que ser que nos anos 50, cando había unha conspiración monstruosa para dicir que toda a cultura popular era algo que había que exterminar e que era unha cultura da fame, aparecese un tipo americano dicindo que «a porquería» que cantaban e tocaban os nosos compatriotas era algo valioso e extraordinario. Ese tipo era Alan Lomax e dedicouse a gravar todo aquilo que escoitaba. E entre esas gravacións estaba a do chifre do capador. Pero a cousa non quedou aí. O máis marabilloso é que aquela secuencia melódica chegara, por un camiño que descoñezo, a Miles Davis e que este a incluíra na canción The Pan Piper, do seu disco Sketches of Spain. A historia é, de verdade, fascinante.
—Como vai contextualizala coa nosa narrativa e coas nosas tradicións, sempre presentes nos seus relatos?
—Ligareina a algún conto de tipo clásico sobre músicas con poderes máxicos. E os capadores tamén formarán parte importante do relato. Falarei do conflito entre veterinarios e capadores, no momento no que aos capadores lles intentaron esixir un título académico para facer esa operación de cirurxía, e dunha cuestión que aparece nun libro de Cunqueiro, que se pregunta se sería posible que unha muller fose capadora.
—Cal é o seu músico de jazz predilecto?
—Paco, o meu compañeiro de piso na etapa de estudante, tiña un tocadiscos e unha colección de discos de jazz, e escoitaba moito a Archie Shepp. Pero como calquera persoa con pouca cultura musical, para min escoitar a Duke Ellington, a Ella Fitzgerald ou a Louis Armstrong era un pracer extraordinario. Despois fun avanzando e xa foron os discos de Charlie Parker e de Dizzy Gillespie os que máis me acompañaron. Pero o disco de jazz co que me sentín máis interpelado é un de Chico Hamilton que se titula Man From Two Worlds.
—A última vez que falamos confesounos que estaba nunha fase de «nihilismo severo». En qué momento está agora?
—[Ri] A obriga literaria lévame sempre a ter que dicir algo sorprendente. Entón, digamos que estou nun estado de nihilismo esperanzado.
—E cal é o estado da escena teatral galega?
—Eu véxoa nun momento superprodutivo e cunha creatividade singular. Hai moitos colectivos que están desenvolvendo as súas poéticas e tendo éxito e enchendo teatros. Como é o caso de ButacaZero, A Panadaría, Ibuprofeno ou os proxectos de teatro político de Chévere, que non só están interesando aquí senón tamén fóra. E esa é unha conquista moi difícil. Que non me parece a máis importante, pero que si que che dá prestixio interior. Ademais, son proxectos que actúan sobre a memoria do país, que é algo moi interesante. Porque moitas veces dicimos: «Imos facer unha comedia de dous que se queren divorciar, pero queren seguir vivindo xuntos». E sóache como moi neoiorquina, non? Pero igual temos máis do que falar, eh!
—E a nivel persoal, en que proxectos anda metido?
—Teño moitos proxectos. O que pasa é que cada vez que me chaman, por exemplo, para abril do 2027 eu xa penso que non me gusta facer plans a tan longo prazo e gustaríame dicirlles: «Bueno, se me vai ben xa irei por aí» [ri]. Hai un proxecto que me ten moi animado, dentro das miñas nihilistas posibilidades, que é que vou dirixir en Coimbra un espectáculo sobre contos de Miguel Torga, que é un escritor do que son fan, moito máis que de Charlie Parker. Ao tempo seguirei con Edipo, con Notas de rodapé, con Os dous de sempre e con Os inocentes, unha historia que parte dun inocente amigo do meu pai que se veu sometido a esa estupidez dos intelixentes que foi a guerra.
—Xa que fala de inocencia. Escoiteille dicir que agardaba acadar cos anos «esa inocencia que te leva a non crer en nada». En que cre aínda?
—Cada vez póñennolo máis difícil. Agora mesmo xa non entendo case nada do que pasa ao meu arredor e iso xa é un avance en dirección á inocencia. E tamén vexo que eses nihilismos, ese non crer en nada e esa desconfianza absoluta nas noticias está a alimentar monstros, como a efusión do tecnofascismo. Ben sabemos que o fascismo apóiase moito na ignorancia e no cansazo intelectual que ten a xente. Así que haberá que buscar exercicios de memoria para que non nos apañe definitivamente ese nihilismo severo que lle dá todo o poder a xente que non o merece.
—Aínda confía en que a xente aprenda a escoitar?
—É que iso é unha necesidade, como camiñar. Cando apareceron os automóbiles, a xente dicía: «Agora poderás deixar de camiñar». E cando apareceu a acumulación masiva de datos e de arquivos sonoros, dixeron: «Agora non terás que escoitar. Só escoitarás o que ti queiras e cando queiras». Pero a xente necesita camiñar, que é bo para o corazón, e necesita escoitar, que é bo para o cerebro. Entón, teño absoluta confianza. O que ultimamente me molesta é a hexemonía dos decibelios.
—Como se defende a narración nestes tempos de imaxes visuais tan volátiles?
—A hexemonía do visual non supón un perigo para a narración oral. Eu non frecuento moito as redes —máis que nada uso YouTube para buscar algo que me interesa, aínda que despois quedo enganchado mirando cousas que non me interesan [ri]—, pero vexo que hai moitos discursos e moitísimos bustos parlantes. Hai unha invasión da oralidade nun territorio que hipoteticamente é visual. Así que a oralidade e o escoitar segue funcionando. Outra cousa é que eu non saiba como falarlle a un adolescente. Basicamente porque teño un look que non lle interesa nada.