Quizais teñamos que usar antefaces para durmir, ao mellor trátase diso, de ternos a todos adormecidos, viviendo unha falsa realidade
31 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Xa non respiran as cidades no verán. Nin sequera as de interior. Houbo un tempo en que quedaban baleiras, alimentándose de silencio e calor de asfalto, recuperándose dos longos invernos de tráfico desquiciado e de tensións laborais ou estudantís, de présas cotiás e atascos de paraugas ás portas das escolas e dos edificios públicos. Agora os edificios públicos están pechados todo o ano porque a atención é virtual ou non é, e nas rúas o ruído perpetúase. Un rodar de maletas, un brandido que non deixa escoitar a propia alma, un cantar de borrachos que non distinguen os días da semana, un bulebule de xentes que ocupamos códigos postais que non prometen mar nin bosque nin outeiriño onde ver as estrelas nunha noite clara. Co fermoso que é ver brillar a Arturo, a xigante laranxa que tal vez veu doutra galaxia para alumear o noso firmamento cos seus raios en expansión. No libro que estou lendo, os personaxes viven nunha zona do planeta onde a poboación está reducida ao máximo e a caza está prohibida. Os excesos da humanidade levaron a unha situación límite á Terra, de maneira que para evitar o colapso hai que deixala libre nunha gran parte para que poida rexenerarse, permitir un rexurdir do verde e do animal, un regreso ao salvaxe que costa asumir incluso nese territorio de fronteira que acaba sendo escenario dun western. Os últimos habitantes, que deberían estar contribuíndo a baleirar o espazo, resístense a outorgar o mando á natureza. Non sei se Carolina Sarmiento cre na posibilidade desa idea como supervivencia de todos ou máis ben vaticina o seu fracaso. Hai un proxecto empresarial que planea pór en órbita unha rede inmensa de satélites que funcionarán como espellos provocando que sexa de día a calquera hora en determinadas zonas da terra. Quizais teñamos que usar antefaces para durmir, ao mellor trátase diso, de ternos a todos adormecidos, vivindo unha falsa realidade. Non imaxinamos que perderíamos a beleza dos corpos celestes e a naturalidade dos ritmos circadianos para cedelos aos intereses duns poucos que van á contra do planeta. O mundo, e non só a literatura, tende ao distópico. Se xa non podemos mirar arriba e soñar, que nos queda?