Historia de amor e ruínas

Ramón Nicolás EX UMBRA IN SOLEM

FUGAS

A escritora Iria Collazo López (Barro, 1981).
A escritora Iria Collazo López (Barro, 1981). Elena Fernández

Iria Collazo acumula paisaxes narrativas con fondura psicolóxica en« A muller de mentira» e recoñece que moitas persoas que leran a novela manifestaban que desexaban darlle unha aperta polo que escribira. Non é de estrañar

24 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras Os mortos que amei (2024), proposta que ao meu ver adquiría un pulo diferente respecto das creacións literarias anteriores, Iria Collazo López ofrécenos arestora A muller de mentira: unha novela que naceu ao abeiro da I Bolsa Intercambio Xacobeo con Tbilisi en colaboración coa Residencia Literaria 1863 e que, ademais, resultou galardoada co Premio García Barros este mesmo ano.

Axéitanse estas páxinas a un modelo que aposta por unha primeira persoa na que a voz narrativa, non esquezamos que de índole literaria, escolle internarse polos ámbitos da non ficción para explorar todas aquelas zonas lóbregas que a ollada dunha muller que se considera invisible ilumina. Eis unha historia de amor e ruínas, un exercicio de reconstrución das causas que explican unha derruba persoal antes, durante e despois dunha ruptura sentimental. Alguén, por certo, que se define como «un animal imaxinario; un personaxe de conto; unha muller de mentira». Coma se se tratase, así, dun breviario, dun diario sen datas, dun libro a medio camiño entre a memoria, a crónica e a ficción, é esta unha proposta gobernada por un espírito acaroado á brevidade, á escolla consciente do termo adecuado no seu xusto lugar.

Iria Collazo acumula, deste xeito, pasaxes narrativas que nos deixan perplexos pola súa fondura psicolóxica, algo que deixa o camiño aberto a unha busca teimosa da intensidade emocional. Eses relatos mínimos, así pois, afondan na percepción, ou se se quere na interpretación, de acontecementos vividos de non sempre grata recordación. Velaí, ademais, como a autora incorpora un xogo vizoso que entendo como un espello que deixa admirar o cruzamento ou o diálogo con múltiples referencias literarias, cinematográficas e musicais que axudan, de vez, a erguer un edificio narrativo que xira e xira por volta dun camiño que non conduce a ningures ou talvez a algo novo e esperanzado. Na presentación desta novela na Feira do Libro en Vigo Iria Collazo confesou que nas últimas semanas moitas persoas que leran a novela manifestaban que desexaban darlle unha aperta polo que escribira. Non é de estrañar. Eu formo parte xa desta causa das apertas.