Xmaseda: «Máis que como artista, xa o digo como filólogo, é moi importante o que podemos conseguir facendo música en galego nesta onda máis urbana»
FUGAS
No seu segundo disco, «6a.m.ORES», o músico de Viveiro tórnase máis luminoso e bailable dende unha perspectiva lírica moi persoal
17 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Tanto as palpitantes sensacións como os sinais que as determinan apuntan a que a música en galego vive un momento transcendente, un limiar aínda con moitas páxinas en branco pero que con toda probabilidade desembocará nun punto de inflexión irreversíbel. Os protagonistas deste relevo xeracional que xa se atisba son rapaces e rapazas —aínda unha tímida minoría estas últimas— de entre 20 e 25 anos que están a virar os paradigmas da escena con propostas renovadoras tanto a nivel sonoro e conceptual como no seu xeito de entender e habitar as novas dinámicas da industria musical e as súas íntimas vías de conexión co público.
O nome referencial desta nova escena e o que, polo de agora, está a marcar o itinerario no que xa se poden entrever algunhas das sendas que pode tomar este movemento é o de 9Louro. Pero para nada é unha voz solitaria. O artista de Muros é a punta de lanza dun colectivo de cantantes e produtores cunha complicidade case umbilical que non tardará máis de dous ou tres anos en eclosionar de xeito absoluto e asaltar espazos ata agora reservados para outro tipo de propostas máis hexemónicas.
Un dos músicos que ocupan a primeira liña desa grella de saída é XMaseda, que vén de publicar o seu segundo disco, 6a.m.ORES.
A Xosé Maseda, un rapaz de Viveiro de 23 anos, licenciado en Filoloxía Galega, coñecímolo no 2025, cando publicou o seu primeiro álbum, Pontes, un disco conceptual e absolutamente arrebatador no que, dende unha perspectiva moi persoal, falaba do paso do tempo e da chegada á idade adulta en clave de rap ornamentado con electrónica e de trap melódico.
A partir de aí o seu nome empezou a aparecer nos carteis dalgúns festivais de urbano e en colaboracións con Kid Mount, Willow GHZ ou XianPais. E agora chega este segundo disco, nun rexistro notablemente distinto ao anterior. «Que ninguén se espere un Pontes II», advertía Xosé Maseda coincindo co lanzamento do álbum. Aínda que si que hai certas conexións, sobre todo na carga lírica que atesouran as cancións de XMaseda, a proposta é radicalmente distinta no temático, do discorrer do tempo pasa a centrarse na noite e as peripecias amorosas que nela acontecen. «Hai cancións que falan sobre querer volver cun amor pasado, outro dun día que saíches de festa, liáchela un pouco e cagáchela, outro de que estás na discoteca e queres ligar cunha rapaza... En todos te podes ver reflectido. Non son moi distintos da realidade da xente».
Pero, se cadra, o cambio de rexistro máis chamativo está na vertente sonora, na que o rap transmuta en ritmos urbanos latinos. «Quería facer un disco de reguetón, de música pensada para a noite e escrita tamén pola noite, pero con cancións de amor. Buscaba cambiar de rexistro e non estar encasillado. Tiña ganas de romper un pouquiño co que tiña feito e probar, experimentar e pasalo ben facendo música, disfrutar do proceso e do resultado, e facer algo un pouquiño máis comercial. Ademais, este disco tamén representa un momento vital diferente ao de Pontes. É fiel ao momento que estou vivindo agora mesmo e a como vai crecendo todo», explica Xosé Maseda.
Se cadra por iso, aquela introspección, aquela certa escuridade e aqueles tempos medios do disco de debut tórnase agora en expansión, ritmos festivos e moita máis luminosidade. Unha tendencia na que coincide cos últimos traballos doutros músicos da súa xeración. «Penso que iso é reflexo de como nos están indo as cousas e como vai todo a mellor. Apetécenos máis dicir que estamos contentos. Aínda que tamén fagamos temas dicindo que estamos tristes. Porque para min o momento da música é un momento de terapia comigo mesmo».
Unha das grandes bazas de XMaseda —e de boa parte desta nova fornada de artistas urbanos galegos— é a súa enorme capacidade para conectar co público, transmutando o seu relato individual en colectivo e mesmo en xeracional. «Eu falo de min, da miña vida, da miña familia e da miña zona, pero ao final sei que a maioría das cousas que conto son cousas que lle pasan a todo o mundo. Por iso tamén lle chegan á xente, porque se sente reflectida. Eu creo que a xente se sente moito máis identificada co que nós lle contamos que coa letra dun reguetoneiro que di que comprou un Bugatti e un reloxo de 5.000 euros», expón.
Respecto á elección do galego para as súas creacións, XMaseda asúmeo como algo natural pero non exente de transcendencia. «Gústame tomalo con naturalidade. Como se alguén que nace e vive en Londres fixese cancións en inglés. Eu tento tomalo con esa filosofía. Se eu son galego ecos meus pais e cos meus amigos falo galego, por que non vou compoñer e cantar en galego? E xa está. Non hai nada máis detrás», comenta. Aínda así, XMaseda é moi consciente da influencia que na xente moza pode ter o feito de escoitar maioritariamente música no noso idioma. «Máis que como artista, xa o digo como filólogo: é moi importante o que podemos conseguir esta xeración que estamos a facer música en galego nesta onda máis urbana, porque é a que conecta realmente cos adolescentes, que é o bastión que temos que tomar. Eles son os que teñen o poder de facer un cambio lingüístico ou romper con dinámicas de diglosia. Eu teño a sensación de que bós, pouco a pouco, estamos rompendo moitos estereotipos sobre o galego, como que é unha lingua dos vellos ou dos paletos, que é unha lingua na que non podes molar. Dalgún xeito, penso que ¡ estamos favorecendo que o galego teña un mellor estatus social, especialmente na mocidade, que é o sector de público máis importante para esta cuestión».
Ao igual que en Pontes, en 6a.m.ORES, XMaseda repite a fórmula de traballar con varios produtores. Tres cancións están producidas por Yuly e o resto por Sky J, Rodro e Jaunx. «Son catro produtores cos que xa traballara antes, cos que falo habitualmente e cos que estou contento. O feito de facer música xuntos xorde das relacións naturais que temos entre nós. Ao mellor o día de mañá encérrome cun produtor en exclusiva fago un proxecto con el, pero por agora estou moi cómodo así e gústame moito o resultado. Tamén me gusta que o disco teña esa variedade e eses distintos sons polo feito de estar producido por catro persoas diferentes».