As recomendacións culturais galegas de... Víctor F. Freixanes

Víctor Freixanes

FUGAS

Sés durante un concerto.
Sés durante un concerto. ALEJANDRO CAMBA

Unha novela, un disco e as «Memorias dun neno labrego» levadas ás táboas por Cándido Pazó están entre as propostas do escritor e editor 

17 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Sés durante un concerto.
Sés durante un concerto. ALEJANDRO CAMBA

SÉS

«Nadando na incerteza»

Hai tempo que sigo a esta muller. As voces femininas enriquecen extraordinariamente o panorama musical galego. Escollo a Sés pola súa frescura, polo seu talante, polo seu talento, pola súa personalidade en directo, pola frescura e intención das súas letras, pola capacidade para introducir novas formas, novos recursos, mesmo novos xéneros. Nadando na incerteza é a súa última produción, quizais a máis ambiciosa: un libro-disco, acompañado de letras e fermosas fotografías.

«Memorias dun neno labrego»

As táboas de Pazó

Non vou descubrir agora a Cándido Pazó, a quen sigo e admiro dende hai anos. Mais a produción que como actor e director presenta das Memorias dun neno labrego, a novela de Neira Vilas levada ao teatro, merece toda a nosa atención. Non é cousa doada levar á escena a historia do neno Balbino, un libro que está na memoria de case todos os galegos e galegas. Sen renunciar mesmo a achegas propias para definir o personaxe, Cándido Pazó consegue emocionarnos coa mesma intensidade que a obra do escritor de Gres.

Begoña Caamaño na presentación do seu libro Circe e o pracer do azul, no 2009.
Begoña Caamaño na presentación do seu libro Circe e o pracer do azul, no 2009. Emilio Relova

Begoña Caamaño

«Circe e o pracer do azul»

Dende o primeiro momento que chegou o orixinal mecanografado ás miñas mans souben que aquí había unha novela diferente. E unha escritora diferente. Coñecía a Begoña dende os seus primeiros días como xornalista. Cando me enviou a novela para que considerase a súa edición, quedei impresionado. E sigo pensando que é un dos grandes títulos da narrativa galega contemporánea. A visión renovada dos mitos clásicos (homéricos) dende a perspectiva da muller. A historia pode escribirse e contarse doutra maneira.

Fotograma de «Sirat».
Fotograma de «Sirat».

«Sirat»

Obra de arte de Oliver Laxe

Unha obra de arte que non deixa a ninguén indiferente. Ou estás con ela ou non estás. O cinema é unha linguaxe, unha proposta para entender o mundo, unha vía de coñecemento, como toda creación artística. Oliver Laxe lanza unha proposta sen concesións, orixinal, non convencional. Interésame a súa dificultade e a súa ollada distinta sobre o mundo e mesmo sobre a condición humana, realizada dende a diversidade, coa forza impresionante das imaxes e unha historia que apenas necesita palabras para chegar ao espectador.

Mostra pictórica de José Freixanes no Museo de Pontevedra.
Mostra pictórica de José Freixanes no Museo de Pontevedra.

«José Freixanes. Eternos son os soños»

Unha antolóxica de José Freixanes

Do o 23 de xullo ao 27 de setembro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra: José Freixanes. Eternos son os soños. Obra pictórica 2006-2025. Unha viaxe polos vinte derradeiros anos de produción, comisariada por Xosé Luís Canido, quen acompañou o artista en instalacións moi diversas: Damasco, Casablanca (Marrocos), o Museo do Mar de Vigo, San Domingos de Bonaval… Completarán a mostra varios catálogos e mesas redondas. Jose sentíase moi feliz neste encontro que programaba a súa cidade natal.