Os vales remotos do verán

FUGAS

Serie «O pesadelo de Rilke», 2014 (detalle)
Serie «O pesadelo de Rilke», 2014 (detalle) OLGA OSORIO

O outro día accedín á cámara acoirazada do verán. Ao núcleo da estación, ao corazón da besta. Fíxeno por un camiño imprevisto. Dende o ordenador, coma unha especie de pregaria dende o cuarto onde escribo, chegaba a voz de Charles Bradley en Changes. Os gatos durmían. Era sábado pola tarde. Acababa de caer unha forte treboada sobre a cidade, un pedrazo duns quince minutos que vin precipitarse sobre o mundo dende a fiestra da cociña. Escampou e saín á rúa para ir ao supermercado. Unha ruta que se prometía prosaica, trescentos metros sen máis aliciente que unha mecánica operación de abastecemento de última hora. Non sei como ocorreu. Só podo dicir que camiñaba polo barrio en dirección a un paquete de café, rumbo a unhas latas de conserva, con destino a unha botella de aceite. Camiñaba como calquera outro sábado á tardiña, sen esperar ningunha apoteose, ata que me vin entrando clandestinamente na sala principal da estación. Irrompendo nas entrañas do verán. Internándome de súpeto no seu centro de operacións, tomando por asalto o seu cuartel xeral. Hai un poema de Rainer Maria Rilke que di: «Ti es a soidade mesma, / un corazón que camiña cara a vales remotos». Acendo a tele estes días e comprobo nos informativos como a xente colle vacacións e se dirixe en masa ao espírito do verán. Alégrame asistir dende o sofá a esa acumulación de arrebatos alleos. Tras meses de traballo, premen o botón de pausa e procuran o seu panel de control nas praias, nos montes, nos festivais de música, nas festas populares. Entre as grises noticias da xornada, infíltranseme na casa un montón de merecidos entusiasmos. Xente que viaxa, xente que celebra, xente que descansa. E aplaudo esa búsqueda anual do verán nos lugares aparentemente máis propicios para o seu estoupido. Mentres tanto, constato como a estación dos grandes propósitos permite tamén o acceso á súa alcoba por vías máis excéntricas. A min sucedeume o outro día, que era sábado. Camiñando só cara ao val remoto dun supermercado de barrio, a última hora da tarde. Quizais se explique pola forza da sarabia e pola voz de Charles Bradley chegando ata a cociña. Quizais por ese olor metálico que deixan os torbóns. Quizais por esa impresión de tempo flotante que proporciona a combinación de calor e terra mollada. Non sabería describir como sucedeu. Pero sei que dobrei a esquina da miña rúa e accedín á cámara acoirazada do verán.