Valter Hugo Mãe: «A estupidez nace na glorificación da ignorancia»

FUGAS

Valter Hugo Mãe vén de publicar unha lúcida parábola sobre o mundo de hoxe.
Valter Hugo Mãe vén de publicar unha lúcida parábola sobre o mundo de hoxe. Brais Suárez

«Entristéceme sentir que Galicia ten timidez da súa cultura. Parece que sucumbe ao peso dun imperialismo da lingua colonial que é o español, que segue colonizando o propio territorio galego», revela o narrador portugués, autor de «O século dos imbecis» 

10 jul 2026 . Actualizado a las 15:23 h.

A última novela do poeta e narrador Valter Hugo Mãe (Angola, 1971), O século dos imbecis, é unha reflexión sobre a estupidez que se converte nunha parábola da actualidade. De aí, se cadra, o éxito colleitado pola obra en Portugal. «Se aínda hai dúbidas sobre a infinidade do universo, non parece habelas sobre a da estupidez. Diría que é unha forma de transcendencia, porque dá ao individuo unha oportunidade de superarse», achega Mãe.

—Como caracteriza a estupidez?

—Estamos condenados a certa ignorancia porque saber é, sobre todo, saber o que falta por aprender. A cuestión está no momento en que a ignorancia ten orgullo de si mesma e procura imperar ou imporse ao coñecemento. Nesa glorificación da ignorancia nace a estupidez.

—En que momento achou que isto debía ser o tema da súa novela?

—É inevitábel ponderar o aumento e o orgullo da ignorancia. A falta de pudor por non estar preparados e, malia todo, crer que deberíamos ter voz en decisións da sociedade. É algo catastrófico e suicida.

—Segundo isto, as persoas deixan de estar preparadas para escoller politicamente?

—A democracia é a fórmula correcta, pero semella que a xente elixe figuras que, no canto de corresponder ao mellor que imaxinamos, corresponden ao peor. Se cadra, por unha maior identificación. Escoller a persoa correcta é un presuposto da supervivencia, elemental e instintivo. Pero escoller quen menos sabe é suicida.

—No seu libro, os vilegos saben que, se o Marqués sube a montaña, será máis listo e, se a baixa, máis burro. Pero insisten en facelo baixar, porque a estupidez é sedutora.

—Todos temos a tentación de rirnos da desgraza allea e iso acontece máis acotío porque imos cara a unha sociedade infantil, de tics lúdicos. A adultez actual é semellante á adolescencia e á infancia. Abonda ver as formas de lecer: o individuo contemporáneo está nun lugar inferior ao consumidor, de mero observador. O consumo é máis inmaterial e nos transforma en cidadáns dunha cidadanía inexistente. Simplemente gastamos o tempo, cun consumo profundamente pasivo. Só recibimos información, que non transformamos en coñecemento. É como rexeitar a condición de cidadán.

—Quítanos iso responsabilidade sobre o que acontece?

—Claro. Quen só observa non acepta ser responsábel. Se temos unha cidadanía de espectadores, non pode ser efectiva. Será unha cidadanía dimisionaria. Creo que isto transforma o paradigma do que é o ser humano. O xesto creador caracteriza o ser humano e, se nos limitamos a un letargo de observación, perdemos a condición humana.

—Desistimos de acadar a verdade a través da razón?

—Coido que ter un obxecto que remite ao absoluto elimina a utopía do absoluto. Se todo pode estar teoricamente contido e explicado no smartphone, se temos na man o absoluto, deixamos de aspirar nós mesmos ao absoluto. Hai aí unha fractura: se cadra, remata o antropocentrismo e comeza o datacentrismo; hai un traslado violento do poder. Vivir segundo unha utopía é ter un poder. E o absoluto, sendo utópico, era un poder noso.

—Na novela, todos deciden crer nun personaxe incomprensíbel. Regresan á relixiosidade?

—Si, pero é un novo dogma relixioso. A relixión deixa de ser necesaria hoxe, porque a xente só precisa de crer en algo cando se sente incompleta. Pero, se vive nun plano de observación pura, todo é evidente. A relixión esixe que entendamos que nos escapa algo, pero a ignorancia orgullosa non acepta que algo escape. Bástase consigo mesma. Por outra banda, temos os comportamentos fanáticos, sen razón, case relixiosos, pero que non procuran unha humanización, senón o contrario.

—Ve algo sintomático en que a saudade e o nostálxico estean tan de moda?

—A saudade non é querer vivir outra vez o mesmo, senón respectar o que aconteceu. O erro desta cidadanía infantilizada é repetir fórmulas típicas dos nenos. Ser adulto é aceptar que non se volve. Hoxe, a repetición das fórmulas por nostalxia é case obscena. Parece que o pasado é o único camiño. Vémolo na música: a partir dos 2000, os artistas repiten os seus discos. Nos 90, os discos eran moi innovadores. É un esforzo para que o tempo non avance.

—Hai un interese por embrutecer a xente?

—Claro. As elites queren recuperar un sistema de castas e dominar as masas. Como aconteceu co racismo, para explotar bens, corpos e territorios alleos. A estupidificación é o instrumento para asaltar e deshumanizar.

—O riso, esa propiedade humana, tamén expresa a estupidez. Onde queda o humor?

—O riso ten algo de cándido e puro. Pero, se é unha finalidade, se hipoteca o coñecemento, pode non ser produtivo.

—Nas súas novelas, métese cos españois ou galegos.

—É gracioso que a xente teña unha relación de veciñanza cun certo colorido, coma barrios da mesma cidade. Iso amosa algo histórico, a xente precisa de lidar con esa historia.

—Cre que, a ollos dos portugueses, se esvaece a especificidade cultural que é Galicia dentro de España?

—Existe un tráxico descoñecemento de Galicia por parte da maioría dos portugueses do norte. A súa relación con Galicia é moi triste. Hai unha maioría de galegos que saben o que aquí acontece, entenden a lingua, len portugués con maior facilidade do que nós galego. Cando algo chega dende España, é sempre en español e filtrado por Madrid.

—Pero hai unha falta de interese?

—É un desinterese contra si mesmo, porque o portugués se considera nunha illa, rodeada de mar e dun inimigo, tradicionalmente. Pero, se Portugal é o rostro da Europa, Galicia sería a cabeza perfecta. E non ter acceso a Galicia nin noción do que é hoxe a min paréceme algo estúpido e tráxico. É feo.

—Perdeu peso cultural Galicia fronte ao norte luso?

—Entristéceme sentir que a propia Galicia ten timidez da súa cultura, encontrar galegos que xa non falan galego, que non len os seus autores en galego. Parece que sucumbe ao peso dun imperialismo da lingua colonial que é o español, que segue colonizando o propio territorio galego. A poesía galega é cegadora, ten un poder anormal: Chus Pato, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Ismael Ramos... É dunha vibración e calidade absolutamente excepcionais.

—Ten sentido que os galegos lean os seus libros en castelán?

—É unha mágoa, mais debo aceptalo. Eu tampouco consigo sempre os libros galegos en galego. Sería bonito termos unha comunicación fluída e que as cousas se distribuíran indistintamente.

Ten sentido que os galegos lean os seus libros en castelán?

É unha mágoa, mais debo aceptalo. Eu tampouco consigo sempre os libros galegos en galego. Sería bonito termos unha comunicación fluída e que as cousas se distribuíran indistintamente.