«Menos mal» amosa a un artista menos introspectivo e máis bailable, coa mesma capacidade de fascinación pero moito máis rotundo no seu son e na súa actitude
03 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Detrás —ou quen sabe se diante— de Montedapena está Héctor Rodríguez, unha figura que acadou nos últimos anos unha máis que notable relevancia na escena musical galega, tanto polo seu labor como compoñente de Lontreira como pola súa faceta de produtor e remesturador de artistas como Fillas de Cassandra, Mondra, Laura Lamontagne, Los Jinetes del Trópico, Law ou Callejo, por citar só algúns dos máis recentes.
A comezos do 2025, coincidindo co anuncio do parón de Lontreira, Héctor presentou o seu proxecto persoal, Montedapena. Fíxoo cun primeiro disco homónimo de pop electrónico claramente introspectivo. «Era o reflexo daquel momento concreto meu. Por iso me gusta dicir que aquel foi como un disco cero e que, realmente, Menos mal é o meu primeiro disco», comenta. E non é un mal xeito de entendelo.
Menos mal (Ernie 2026) tamén reflicte no seu título o momento vital do artista. «Quería falar desa sensación de ''buah!, menos mal, cambioume moito a vida''», di. E faino a partir de postulados musicais e conceptuais substancialmente distintos aos do seu debut. En Menos mal as guitarras comparten ou incluso superan en protagonismo á electrónica, achegando estas cancións ao enérxico e vitalista rexistro que Montedapena xa exhibía nos seus directos. «Eu veño de escoitar rock e metal e é algo que me gusta. Xa utilizaba guitarras nos directos e considerei que xa era hora de metelas tamén nas gravacións».
En Menos mal, ademais de avivar as guitarras, Montedapena vigoriza as súas bases electrónicas e acelera os bpms, conformando un son que navega entre o electro punk e o pop alternativo. Un son que ten os seus máis fieis expoñentes en cortes desbordantes de excitación e ironía como a arrebatadora Me tiré a un facha (coa colaboración de Platerías) ou Lista de cheks, pero que tamén coquetea con melodías máis pop, como en Xa valeu (xunto a Ash Diz).
Máis alá do musical, Menos mal funciona como un pequeno mapa emocional feito de ironía, celebración e autoconciencia. E articúlase ao redor da idea de mirar cara atrás e recoñecer que moitos dos camiños que non se tomaron, das decisións que non prosperaron ou dos plans que se torceron, co tempo, remataron por ser unha sorte de alivio. E foi o que nos permitiu chegar ata onde agora estamos.
A partir de aí, a proposta de Montedapena confírmase como absolutamente única e orixinal na escena musical galega pero tamén en certeira concordancia con propostas musicais rabiosamente actuais. Guitarras e electrónica conviven nun ecosistema propicio para o frenético baile e para a vehemente paixón emocional, para a rebelde ironía e a oportuna reflexión xeracional.
Con todo, Montedapena non supón a desaparición de Lontreira. De feito, hai dez días publicaron novo sinxelo, o primeiro en máis dun ano, e Héctor Rodríguez anuncia novos proxectos: «A idea é sacar algo máis este ano e dar concertos o ano que vén. Pero dende outra perspectiva e sen moitas máis pretensións. A ambición principal de Lontreira agora non é chegar a algún sitio en concreto senón tocar e pasalo ben».