O músico e escritor propón a visita á catedral de Tui, unha novela singular, unha web de música punteira e unha feira do libro, entre outras suxestións para disfrutar do lecer en Galicia
03 jul 2026 . Actualizado a las 18:34 h.Do cadro máis importante de Castelao á lectura dunha novela fermosa e arriscada, pasando por Tui e pola praza Compostela de Vigo, van as propostas culturais de Francisco Castro.
UN TRATADO DA DOR
«A derradeira leición do mestre»
Esta obra de Castelao estará no Museo de Pontevedra ata o 27 de setembro cedida polo Centro Galicia de Buenos Aires. De todos os cadros de Castelao este é o máis importante. Tanto o é que é imposible velo sen estremecerse. Non é esaxerado dicir que está á altura do Gernika de Picasso ou dos Fusilamentos de Goya. Se queremos entender a denuncia da guerra, do fascismo (o do 36 e o que volve), que nos conflitos bélicos sempre son os inocentes os que sofren, abonda con ver esta obra. A expresión derrotada dos dous cativos fronte do mestre-Alexandre Bóveda asasinado (que non morto) é un tratado da dor.
LITERATURA CON MAIÚSCULAS
«A muller de mentira»
Iria Collazo López é unha das voces máis interesantes da literatura que se fai hoxe en Galicia. A súa nova novela, A muller de mentira (Editorial Galaxia), ofrécenos unha proposta de Literatura, así, con maiúsculas. Nestes tempos nos que trunfan as historias simplísimas de dixestión rápida, por fin, un libro sólido, onde se quere contar algo dende un planteamento arriscado, poético e cheo de profundidade. Non vai arrasar no mercado porque o noso está xa consumido pola superficialidade. Pero si entre ese lectorado intelixente, crítico e formado que sabe que outra literatura (tamén a galega) é posible.
UNHA WEB DE MÚSICA
Galician Tunes
Hai moitísima música galega de gran calidade. E, nesta era de consumo musical en streaming, hai un lugar de obrigada visita para quen queira gozar dos nosos grupos e solistas alén dos (poucos) festivais onde se lles contrata. Na web de Galician Tunes podemos acceder, mentres paseamos pola praia ou descansamos entre tanto partido do Mundial, a toda e a mellor música galega contemporánea. Semanalmente actualízanse as informacións, os videoclips, as entrevistas. Unha demostración da fortaleza e orixinalidade da nosa música alén dos catro ou cinco nomes maistream que semellan copalo todo.
UNHA MOREA DE ACTIVIDADES
800 anos da catedral de Tui
En Galicia hai máis catedrais que a de Santiago. A de Tui, por exemplo. Cando a visitas non sabes se entras nun templo ou nunha fortaleza. Tanto ten. É unha fotografía de hai oito séculos, cando o poder da Igrexa e o militar eran o mesmo. Co gallo dos 800 anos de existencia, a vila fronteiriza organiza un mollo de actividades que contemplan exposicións, ciclos de conferencias, concertos, publicacións… todo un cúmulo de actividades para poñela en valor. Alén disto, vir a Tui e pasear pola catedral é en si mesma unha proposta máis que interesante. De paso, déixense acariñar polas pedras de Valença pasando a fronteira.
UN ACTO DE RESISTENCIA CULTURAL
Feira do libro de Vigo
Ata o 7 de xullo temos oportunidade de mercar libros con desconto e, sobre todo, de ter contacto coas autoras e autores que asinan ou presentan as súas novidades na Praza de Compostela olívica. En si mesmo, o lugar xa é un convite. A Alameda viguesa (nunha imaxe de xullo do 2024), preto da rúa do Príncipe e abeirada ao mar, é o entorno perfecto para esta cita cos libros e quen os escriben. Nestes tempos de velocidade nas que non hai tempo para nada, decidir pasar un serán gozando de vagariño nos distintos stands, sentar a escoitar un recital de poemas, e marchar para casa cunha bolsa chea de libros, é todo un acto de resistencia cultural.