Jose Carballido, guitarrista e vocalista de A Sombra dos Soños: «Se unhas músicas non bebesen doutras, aínda golpeariamos pedras para crear sons»

FUGAS

Ferga's Project

Hai un par de anos petárono cunha fusión de muiñeira e metal. Agora chega «Lembranzas futuras», un disco no que o tradicional e o rock seguen presentes, pero con achegas da electrónica

26 jun 2026 . Actualizado a las 12:24 h.

Non faltou quen rachou as vestiduras cando hai un par de anos fusionou unha muiñeira coas guitarras metaleiras. Pero, ao tempo, aquela sorte de fascinante tolería abriulle moitas xanelas ao sempre inquedo Jose Carballido, compositor, guitarra e voz de A Sombra dos Soños. Con todo, en Lembranzas futuras non quixo facer un disco de muiñeiras pasadas polo tamiz do rock. «Son cancións que se basean moito nas melodías, xa sexan vocais ou instrumentais. Cancións que tratan de establecer unha conexión entre a música tradicional, o rock potente e as vangardas a través do uso de elementos electrónicos», explica o músico de Caión.

—Que quere reflectir con ese título de «Lembranzas futuras»?

—O de lembranzas ten que ver coa unión co pasado, tanto do tradicional como do rock, porque xa non podemos dicir que o rock siga sendo o presente. E o de futuras é por esa mestura que fago de todo, mirando cara ao futuro, buscando novas formas de expresarme a partir de coller elementos do pasado e levándoos ao futurible.

—Di que o rock non é o presente, pero despois chegan Linkin Park e meten 40.000 persoas no Son do Camiño.

—Xa, pero é un grupo de metal que foi coñecido hai máis de vinte anos. Eu sei que a xente máis rockeira odia ser consciente disto, pero hai xa moitos anos que o rock non forma parte do día a día da meirande parte da xente. É triste, pero precisamente para intentar que sigan existindo no presente determinados elementos dunha música que a tantos nos moveu, non podemos ser puristas.

—Non deixa de ser unha contradición que Galicia conte co festival de metal máis importante de España, e que os grupos do xénero apenas teñan aquí onde tocar.

—Xa. E non sei exactamente cal é o motivo. Eu sospeito que a xente deixou de achegarse a este estilo porque lles parece de vellos. A media de idade do Resurrection non é, dende logo, a do Son do Camiño. Eu, por moito que o intente, nunca vou poder facer un disco de rock dos 70 como os facían os músicos dos 70. Porque aquilo desenvolvíase nun contexto moi determinado. Por iso, o que nós temos que intentar é ofrecer outro tipo de cousas e, dende o noso contexto actual, buscar novos camiños.

—Déronlle moita «caña» os puristas do metal por mesturalo cunha muiñeira?

—Non moita, porque a miña música nunca foi especialmente atractiva para os roqueiros de toda a vida. Eu, no 2010, xa publiquei un Réquiem, que era como unha ópera rock. E ese tipo de cousas xa non son das que lles encantan aos puristas.

—E os puristas do tradicional?

—Estamos nas mesmas. Eu entendo que haxa movementos que pretendan preservar o máis puro posible aquilo que adoran. Pero é que as persoas de hoxe non somos as mesmas que as de hai 200 anos. Entón, por que non facer que a música se adapte aos tempos? Se as músicas non bebesen unhas doutras e non se fosen actualizando, seguiriamos golpeando pedras para crear sons. A fusión pódenos vir ben a todos.

—Que levan peor os rockeiros, o achegamento á electrónica ou ao tradicional?

—O da electrónica. Ao músico de rock sempre lle custou moito meterse nese mundo. Parécelle unha traizón ás guitarras. Estás metendo un instrumento que non existe. Co tradicional non hai tantas reticencias. Supoño que é porque os instrumentos tradicionais son considerados de verdade, son orgánicos.

—O achegamento á electrónica que propón neste disco, ten que ver coa intención de captar novos públicos?

—Non, responde a unha necesidade persoal de buscar sonoridades distintas. Eu teño 46 anos e, igual que non falo como falaba cando tiña 15 anos, tampouco tería sentido compoñer como o facía entón. Teño a necesidade de expresarme dun xeito diferente e por iso busco eses elementos que lle dean un pouco de frescura a aquelas cousas que preciso contar.

—Poderíase pensar que a música tradicional e o metal están moi lonxe unha doutra. Atopou cousas en común?

—Moitísimas. É que se basean no mesmo. A música tradicional ten esa compoñente rítmica tan importante e tan marcada, exactamente igual que o metal e o rock. Xuntas funcionan de marabilla. A harmonía é tal que os punteos da guitarra chegan a evocar dun xeito natural as sonoridades e o timbre da gaita. Eu nestas muiñeiras non boto en falta unha gaita.

—Que supuxo para A Sombra dos Soños aquela primeira muiñeira metaleira?

—Un gran cambio. De súpeto empezamos a ter presenza en lugares aos que non accederiamos baixo ningún concepto. Foi a primeira vez que fomos ao Luar, acadamos máis de 400.000 reproducións nas redes sociais de La Voz e deume a posibilidade de ir por primeira vez a Centroamérica. A muiñeira do Areal foi algo moi importante para nós.

—Aínda así, non lles abriu de todo as portas do circuíto?

—Non, pero aí tamén temos nós algo de culpa. Eu toda a miña vida me preparei para ser o mellor músico, o mellor guitarrista e o mellor cantante posible, pero non me preparei para falar cun concello, cunha sala ou cun festival. E iso tamén forma parte do noso traballo. Se queremos tocar, temos que buscalo, porque á casa non nos van vir chamar. E nesas estamos neste momento.

—En calquera caso, hai que deixar claro que «Lembranzas futuras» non é un disco de muiñeiras metaleiras.

—Non, muiñeiras hai dúas. Eu son unha persoa que escoito moitos tipos de música, entón quería facer un disco como son eu, ecléctico. Si que é verdade que todas as cancións teñen elementos tradicionais. Poden ser as voces, os alalás, as pandeiretas, ou o tipo de compás que utilizo... Pero tamén hai elementos electrónicos. E todo iso bañado coa enerxía dunha banda de rock.

—Unha das cancións titúlase «Quero ser». Que quere ser Jose Carballido?

—Quero o día de mañá poder mirar atrás e dicir: «Tomei as decisións que tomei, non todas foron correctas, pero fixen o que quería facer, desfruteino e fun feliz». Eu o que quero é ser feliz, que creo que é ao que debemos aspirar todos.