A música de Moel, un libro de Fina Casalderrey, unha obra de Cándida Pazó e os filmes de Zaza Ceballos son as propostas de ocio da escritora galega para os lectores
30 jul 2026 . Actualizado a las 12:07 h.Un pouco de música que toca a alma, de sainete cómico, de boa literatura e de cine contra a desmemoria. Niso se centran algunhas das recomendacións culturais da autora María Canosa.
Moel
A beleza da sinxeleza feita canción
A escena musical galega debe celebrar a presentación do dúo Moel. A proposta non precisa de grandes artificios para tocar a alma, e o nacemento do seu primeiro traballo é o exemplo perfecto dese abraio sereno. A música de Moel é un acubillo tecido amodiño; unha celebración da nosa lingua desde a máis absoluta calma. Escoitalos é deixarse acariñar pola beleza espida, polo sinxelo, descubrindo que as emocións máis fondas residen nesa tenrura onde os detalles son, en realidade, os que de verdade cantan.
«A nena que perdeu un zapato na lama»
Begoña Caamaño e o valor da infancia
Ler a Ramón Nicolás é sempre un acerto, polo seu ton respectuoso e calmo. Facelo nestas páxinas cobra, ademais, un sentido moi especial. Tendo moi presente a necesidade de reivindicar a figura e o legado da inesquecible Begoña Caamaño, esta obra preséntase como unha oportunidade perfecta para conectar coas nosas raíces literarias recentes, celebrar as nosas autoras e afondar na memoria a través da mirada sensible dun dos nosos grandes críticos que, ademais, toma unha anécdota como centro do texto.
«O proceso»
A xustiza convertida en farsa
Cándido Pazó fainos un agasallo dobre: lectura e peza escénica imprescindible. Con ton de sainete cómico, achegámonos a un episodio absurdo e transcendente: o proceso xudicial a Curros Enríquez no ano 1880, denunciado penalmente polo bispo de Ourense polos poemas de Airiños da miña terra. A pesar de non atopar delito o fiscal, o poeta foi condenado. O gran acerto é converter o episodio nun espello contemporáneo, avivando debates como a defensa da lingua, a liberdade de expresión e o dereito á propia identidade.
«O estanque dos parrulos pobres»
As boas historias non teñen idade
A literatura infantil merece ser valorada sempre como literatura con maiúsculas, e Fina Casalderrey, marabillosa Premio Nacional, é a embaixadora perfecta para demostralo. Este libro ten a maxia das grandes obras: é capaz de arrincar as gargalladas dos máis pequenos mentres, de xeito sutil, sementa reflexións profundas no corazón dos maiores, que sempre nos acariña e deixa algo amolecidos. Esta lectura, perfecta para ser compartida, lémbranos que as boas historias non teñen idade.
Zaza ceballos
A ollada que rescata do esquecemento
No cinema, decote esquecemos a figura fundamental e tantas veces invisible da produción. Por iso, esta última celebra a traxectoria indispensable de Zaza Ceballos, pioneira do sector audiovisual galego. Escritora, directora e produtora, asumiu o compromiso de poñer o seu talento ao servizo da memoria colectiva como narradora das vidas das mulleres galegas de renome. Podemos ver algúns dos traballos (Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde; Concepción Arenal, a visitadora de cárceres, ou Contou Rosalía) na plataforma Agalega.gal