Kid Mount, cantante: «A maior revolución é loitar contra nós mesmos»

FUGAS

Lorenzo Neguerela

Aínda non ten 22 anos e xa apunta como a nova figura da escena urbana galega. O seu disco «Perreo Paradiso» reafirma esa candidatura

14 jun 2026 . Actualizado a las 12:58 h.

Inquedo e bulideiro, empático e festivo, cunha dose semellante de sensibilidade e determinación, Kid Mount (Xinzo de Limia, 2004) ten moitos boletos para se converter en destacada figura da nova escena urbana galega. Xa o apuntaba co seu primeiro disco, NeoAmor, e referéndao con creces no seu segundo traballo, Perreo Paradiso, un disco de reguetón branco, superbailable e arrebatador, que ten o seu momento estelar en Esta vida pide outra, candidata, segundo afirmou nestas páxinas o DJ e produtor Kike Varela, a ser a canción galega deste verán.

 ­—E cal é a súa favorita?

—Está difícil... É que saíu moita música de dios. Igual diría Non me culpes, de Lg1do e 9Louro. E varrendo para casa, tamén apostaría por Esta vida pide outra [ri].

—Está xa as portas do éxito. Séntese preparado para dar o salto ao que poida vir?

—Si. Ao final, xa son moitos anos nisto. Vou cumprir 22 pero levo dende os 15 dándolle, traballando moito e sendo moi consciente do que quero. É algo polo que levo loitando moito tempo e ver que empeza a dar resultados é marabilloso.

—Por que cre que custou tanto que apareceran proxectos de reguetón en Galicia?

—É un xénero que estivo moi prexulgado. Pero, ao final, é a música que che poñen cando saes de festa, así que, antes ou despois, tiña que explotar tamén aquí. Neste momento xa non se pode dicir que non hai música de tal xénero en galego porque estamos abarcando practicamente todo.

—Que papel xogou o seu produtor, Yuly, neste disco?

Perreo Paradiso é un fillo dos dous, ao 50%. Todo o que aporta Yuly a nivel musical é incrible. É un xenio, un máquina. Penso que el coas instrumentais e eu coas letras e as melodías, xeramos unha combinación moi guai. Conseguimos un son a reguetón pero totalmente dousmileiro.

—Pero, de momento, Yuly prefire manterse nun segundo ou terceiro plano.

—Si, el é unha persoa de perfil baixo. É como o Profesor de La casa de papel, o xenio que está detrás de todo o plan, pero ao que non se ve. Pero calquera que estea ao tanto do que está pasar na música galega darase conta de que Yuly está nas producións de 9Louro, de Kid Mount, de XMaseda, de Ünder & Diego Flaneur... Algo importante ten que ser porque está en todos lados.

—Xa falamos de perreo, pero se falamos de paraíso, cales é o seu paraíso particular?

—Toda a xente que que me rodea no meu día a día e que me axuda a levar esta vida, ata o punto de que pida outra (ri).

—Di que a música é un refuxio para contar o que non sabería dicir doutra maneira.

—Totalmente. Toda a arte nace dunha necesidade de expresión e, para min, a música é unha vía de escape para poder ser eu mesmo. Hai cousas que por como están establecidas na sociedade ou porque, en xeral, non son ben vistas, custa botalas para fóra, pero expresalas mediante a música é máis sinxelo. E xa cando ves que a xente as comparte é unha marabilla.

—De feito, hai músicos que inventan personaxes para esconderse e hai outros que os inventan para mostrarse mellor. De cal está máis cerca Kid Mount?

—Eu un personaxe non son. Kid Mount é Manuel en todo momento. O que pasa é que Manuel non é capaz de expresar algunhas cousas que para Kid Mount son máis fáciles. É máis vergonzoso e non se sente tan empoderado enriba dun escenario. E Kid Mount cre máis en si mesmo. Pero Manuel e Kid Mount son sempre o mesmo. Son eu.

—Cal é o prexuízo que a xente adoita ter sobre vostede que se desfai por completo en canto o coñecen un pouco?

—Unha certa imaxe de chulería. É certo que enriba do escenario ou nos videoclips amósome como máis duro, porque é unha actitude que vai coa música que fago. Pero, despois, falas dúas palabras comigo e son un rapaz calquera de pobo. Considérome unha persoa bastante extravertida e creo que son fácil de levar. Calquera que fale comigo dáse conta enseguida que de duro nin de chulo non teño nada.

—E se tivese que explicarlle a unha señora de Xinzo a que soa a súa música, pero sen falar de xéneros nin etiquetas, que lle diría?

—Que son unha persoa do seu tempo que expresa os seus sentimentos e que soa real e puro. Ao mellor se Manolo Escobar nacera a día de hoxe non faría pasodobres, faría reguetón. É unha expresión da arte coma outra calquera, adaptada a aos tempos de hoxe e coa que nos criamos nós.

—«Sentir é revolucionario», díxome nunha ocasión e quedoume gravado.

—Sen dúbida. Estamos nuns tempos nos que ás veces é difícil expresar o que sentimos ou o que un leva dentro. Así que a revolución máis grande que pode facer unha persoa é saber querer, saber quererse, saber aceptar, saber perdoar... A maior revolución é loitar contra nós mesmos.

—Sempre que falan da nova escena da música urbana galega, falan de comunidade. «Onde vai un, imos todos», teñen dito. Agora que esa escena xa ten algunhas figuras relevantes e que hai xente que está chamando moito a atención, segue existindo ese sentimento de comunidade?

—Por suposto. Só fai falta vir a un concerto de calquera de nós e vernos a todos enriba ou debaixo do escenario e despois tomando algo pola praza Roxa. De feito, canto máis alto sube un, máis tira polos outros. Imos todos da man. Subindo a escaleira todos xuntiños.

—Por que non hai mulleres nesa «comunidade»?

—Hainas. Está Nadie González, está Alddara..., pero si que é certo que, joder, a min gustaríame que máis mulleres se animaran a facer música e tamén que máis festivais se animen a chamar ás que xa hai. A min encantaríame que saíra unha muller galega que cantara reguetón ou dancehall, como Bad Gyal, e facer un tema con ela.

—A quen temos que estar atentos agora? Quen vén por detrás que teñamos que seguirlle a pista?

—Diríache que a Fabiovz, que xa ten algún tema con XianPais e con 9Louro, pero que aínda aínda non iniciou o seu proxecto individual. E tamén destacaría ao meu compañeiro Verdini, que de momento tan só sacou un tema, pero se o pilla con ganas e se pon a sacar movidas, seguro que tamén o veremos en moitos escenarios.

—Todo esa escena está medrando moito, pero para a maioría dos artistas dela, vivir da música aínda é un soño.

—Xa. Aínda que agora estea todo moi ben é difícil velo como algo estable. A maioría de nós estamos estudando as nosas carreiras porque hai que ter un plan para vivir. Pero sinto que cada vez está máis cerca o de poder vivir da música. Se a cousa segue así, se os festivais e os concellos se seguen interesando por nós e a xente segue respondendo, creo que non estamos tan lonxe de dar ese salto.

—É cada día máis feliz?

—A verdade é que si. Hai momentos nos que a miña cabeza quere ser pesimista, pero vendo que todas as semanas pasan cousas novas e que día a día a cousa é máis grande, é un momento moi difícil para ser pesimista.