O festival Surfing the Lérez propón o derradeiro baile á beira do río

FUGAS

Imagen de la pasada edición del Surfing the Lérez
Imagen de la pasada edición del Surfing the Lérez ADRIÁN BAÚLDE

Iso si, despídese cunha edición moi top, á altura da historia e da traxectoria do festival

12 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Ou moito cambian as tornas ou, tal e como anunciou hai uns días Marcos Rivas, director do festival, a desta fin de semana será a derradeira edición do Surfing the Lérez. Despois de 14 edicións, de reunir a 40.000 almas na última delas e de terse alzado no 2025 co recoñecemento ao Mellor Evento Musical de Galicia nos Premios da Industria, o festival pontevedrés claudica como consecuencia da carencia de determinadas axudas e «ante as dificultades económicas e organizativas de soster un evento como este», segundo explicou o seu promotor.

Iso si, o Surfing the Lérez despídese cunha edición moi top, á altura da historia e da traxectoria do festival e sen perder ningún dos elementos esenciais que configuraron a súa identidade.

Concertos en catro escenarios, zonas gastro, mercado emerxente e programación infantil conforman a dinámica xeografía deste festival, marabillosamente integrado na singular e fermosa contorna da Illa das Esculturas.

A música comezará a soar no Surfing ás 17.15 horas do venres 12 coa presenza de Mamasunción. A primeira xornada do festival contará tamén coas actuacións de Grande Amore (22.40 h), 9Louro (23.55 h), El Nido (21.30 h), Freedonia, The Limboos, Galician Army, Queen Rendy, The Twist Connection, Gold & Colt e Hofe. No escenario Romería Club haberá sesións de DJ Mil, Sergio El Indio, Eme Dj e Maefiled.

A xornada do sábado arrincará ás 12.30 horas cun concerto de La Gloria, a quen sucederán Familia Caamagno (13.25 h). A partir de aí e ata as dúas e media da madrugada, polos escenarios do festival pasarán The Rapants (21.30 h), Camellos (22.55 h), Niños Bravos, Electrogenuinas, Portosanto, Colectivo Dasilva, Dani Cornes, Cora Yako, Aliza e Señora Dj, entre outros. No Romería Club soarán as sesións de Gorlitoxx, Kris K Dj, La Yaya, Nida, Yago Rivas e Duendeneta Dilleis.