Son eventos que cohesionan o territorio, xeran orgullo, ofrecen oportunidades artísticas e de negocio e sustentan a escena musical galega, pero teñen a súa supervivencia cada vez máis difícil
05 jun 2026 . Actualizado a las 21:08 h.Máis alá dos grandes fastos musicais multitudinarios que cada verán congregan a miles e miles de persoas en contornas xeralmente urbanas, existe un ecosistema de festivais de formato pequeno e mediano, con frecuencia minusvalorados, pero que, como a flora bacteriana, cumpren unha función invisible a primeira vista pero básica e decisiva para que ese feble organismo que é a escena musical galega poida seguir funcionando de xeito natural, a partir da súa base.
A meirande parte destes festivais desenvólvense en zonas rurais ou en pequenas vilas, o que aínda lles outorga unha maior relevancia, en tanto resultan esenciais para dinamizar eses entornos, en demasiadas ocasións deprimidos, tanto económica como moralmente. «Os veciños están encantados de que fagamos o festival e de que Laza se coñeza por algo máis que polo entroido», sinala Xacobo García, presidente da asociación enLAZAdos e organizador do Ponte Farruca, un festival que, en palabras do propio Xacobo, «busca poñer en valor ao colectivo LGTBI, á muller e ao rural galego».
A cuestión é que, por moi loables que sexan os obxectivos, cada vez é máis difícil sacar adiante este tipo de eventos, organizados na maioría das ocasións de xeito voluntarioso por particulares, asociacións ou colectivos. Esta mesma semana, o festival Surfing the Lérez anunciaba que a do 2026 sería a súa derradeira edición, ao non poder facer fronte ao risco económico, cada vez maior, que supón organizar un festival.
O incremento dos cachés dos artistas e dos custos de produción pode chegar ao 30 % dun ano para o outro. Pero, ao tempo, a abrumadora oferta musical do verán galego obriga a estes festivais a contar con artistas de certo renome para poder seguir sendo atractivos para o público. «Por sorte, estamos nun momento no que temos moitos artistas galegos que teñen moito tirón e podemos contar con eles porque son un pouco máis asumibles», comenta o organizador do Ponte Farruca.
No mesmo sentido maniféstase Ximena Torrón, organizadora do Soasuarna, un festival que busca potenciar a cultura local e as iniciativas galegas emerxentes, que este ano celebra a súa segunda edición en Navia de Suarna. «Os artistas, sobre todo se saben que hai algunha institución polo medio, inflan os cachés ata o punto de que para nós son inasumibles. O que temos que facer é explicarlles de que vai a nosa iniciativa e tratar de que se axusten á ela. A maioría dos artistas galegos enténdeno e colaboran». Pero nin sequera con estas «xenerosas rebaixas» é suficiente, polo que, para organizar o Soasuarna, a asociación Xuventude do Navia recorre á realización de diversas actividades ao longo do ano, á venda de merchandising e nestes momentos ten activa unha campaña de crowfunding en Verkami. «Chegar a facer este festival é un soño e estamos moi orgullosas del polo que representa para a comunidade», engade Ximena Torrón.
Tamén Iván Cabanas, da asociación xuvenil Xoldra, organizadora do festival Breasón, en Mondoñedo, destaca a alegría que supón para os veciños ver o ambiente que eses días hai no pobo. Sobre todo, tendo en conta a data na que se realiza, o 7 de novembro. «A data é unha dificultade engadida da que non nos podemos queixar porque foi unha decisión nosa. Para nós, a principal dificultade á hora de atraer á xente é a falta de medios de transporte públicos para chegar a Mondoñedo», expón. Os responsables do Breasón séntense «bastante comprendidos» polos artistas. «Por unha parte, entenden que este é un festival pequeno e que non podemos chegar a pagarlles o que cobran nos grandes. E, por outra, tamén valoran que este tipo de festivais son importantísimos para os artistas que están empezando. Non todo vai ser dar o salto directo a O Son do Camiño».
Se Galicia non se entende sen a súa cartografía de festas populares, tampouco debería entenderse sen esta rede de pequenos festivais. Unha cuestión que, segundo a maioría dos organizadores destes eventos, non sempre é entendida e atendida polas institucións. «As subvencións non son iguais para todos. As asociacións e o festivais gratuítos temos moi complicado acceder a determinadas axudas», comenta o organizador do Ponte Farruca. Aínda así, e a pesar de que nos últimos anos desapareceron varios deles, a xeografía galega segue a estar chea destes festivais, pequenos en canto a orzamento pero xigantes en canto ao labor que desenvolven. Velaquí unha escolma.
A AXENDA MUSICAL ALTERNATIVA DO VERÁN EN GALICIA
Polas Bravas
Silvia Penide, Abril, Nadie González, Aamigafea
• • • 5, 6 de xuño, Chantada
Festa Raxada
Preséntanse como un festival feminista, autoxestionado, creado dende as bases e as lóxicas do pobo. Un festival que loita pola diverxencia, o rural, polo formato pequeno e a cultura como dereito. No seu cartel figuran Mercedes Peón, Dakidarría, Seitura, Sun Iou ou Brassica Rapa.
• • • 12, 13 de xuño, Couso (Gondomar)
Ruada Gotas
El Nido. Sheila Patricia, Maricarme, O Xoán, Señora Dj.
• • • 20, 21 xuño. Ribadumia
Noceda Rock
Dakidarría, Ruxe Ruxe, Keltoi, Tiro na Testa, Chorima e The Crowd.
• • • 13, 14 de xuño, Lalín
Rumboia Viva
Caamaño & Ameixeiras, Boyanka Kostova, Úlex, La Txama...
• • • 27 de xuño, Abadín
Sil Fest
Morgan, La Paloma, Puño Dragón, Hinds, L.A., Bum Motion Club.
• • • 2, 3, 4 de xullo, O Barco de Valdeorras
Asalto ao Castelo
De Ninghures, En Tol Sarmiento, Dakidarría, Úlex, Che Sudaka, Quinquillada, Yaya Dj, Festicultores.
• • • 3, 4 de xullo, Vimianzo
Rompetiño Jump
9Louro, La Zowi, Jaydime, Carlota, Dirty Suc, Dosbey.
• • • 3, 4 de xullo, Porto do Son
Muíños da Costeira
Tu Otra Bonita, Luis Fercán, XMaseda65, XianPais, Silee, Tapa de Orella, Denisdenis, Sobrezero, Vimbio...
• • • 3, 4 de xullo, O PORRIÑO
Armadiña Rock
Rager, Orquestra Bravúa Xangai, Ruxe Ruxe, Lisdexia, Monoulious Dop, Noite Fechada...
• • • 3, 4, 5 de xullo, Poio
Rock in Río Tea
Los Enemigos, Kiko Veneno, Rebeliom do Inframundo, Arrhythmia, Estrogenuinas, O Caimán do Río Tea...
• • • 10,11 de xullo, Ponteareas
Festival das Carrillanas
Tras o parón do ano pasado, o festival de Esteiro reactívase de novo neste 2026. Aínda non se coñece o cartel, pero xa adiantan que nel que estarán presentes destacadas figuras da actual escena galega.
• • • 17,18 de xullo, Esteiro (Muros)
Aturuxo
Cartel sen anunciar.
• • • 17,18 de xullo, Bravos (Ourol)
Vendaval
The Real Mckenzies, El Drogas, Dakidarría, Hamlet, Ruxe Ruxe, Benito Kamelas...
• • • 24, 25 de xullo, Ribadeo
Festixeve
Cartel sen anunciar.
• • • 31 de xullo, 1 e 2 de agosto, Xeve
Pardiñas
O decano dos festivais galegos aínda non anunciou a que será a súa 47.ª edición.
• • • 31 de xullo, 1 e 2 de agosto, Pardiñas (Guitiriz)
Castelo Rock
Big Special, Kid Kapichi, Parquesvr, Viva Belgradi, Law, XianPais, Martin Human, Nadie González, Orquestra Bravú Xangai...
• • • 6, 7, 8 de agosto, Muros
Carballeira de Zas
El Nido, Baiuca, Fillas de Cassandra, Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre, Alana, Radio Cos.
• • • 7, 8 de agosto, Zas
Gulliver Fest
O festival da xente viaxeira adiantou un primeiro avance do seu cartel con Muyayo-Riff, Lidia India, Hafa-Afrosweet, Balkan Bomba e A Duendeneta.
• • • 7, 8, 9 de agosto, Narón
Rock in Rían
No seu primeiro avance anuncia a 9Louro, Familia Caamagno, Orquestra Barvú Xangai e Ekos.
• • • 14, 15 de agosto, Rianxo
Festival Irmandiño
Xosé Lois Romero e Aliboria, Os d'Abaixo (1º avance)
• • • 21, 22, 23 agosto, Moeche
Soasurna
Cartel aínda sen anunciar.
• • • 22 agosto, Navia de Suarna
Ponte Farruca
Polo de agora, están anunciados Xosé Lois Romero e Aliboria, Dulzaro e Svetlana.
• • • 29 de agosto, Laza
Osa do Mar
Fillas de Cassandra, The Rapants, Depedro, Ginebras, Ortiga, Xmaseda, Portosanto, Eris Mackenzie...
• • • 4, 5 de setembro, Burela
Festival da Poesía do Condado
Na súa 38 edición, no apartado musical contará coa presenza de Rebeliom do Inframundo, Mondra, A Banda da Loba, Loita Amada, Xisco Feijó, Brassica Rapa e Kumpania Algazarra, entre outros. O festival contará ademais con recitais de poesía, certame de regueifa, torneo de fútbol gaélico, proxeccións audiovisuais e actividades infantís.
• • • 4, 5 de setembro, Salvaterra do Miño
Arteficial
Basic Partner, La Rate Tímide, Scúru Fitchadú...
• • • 4, 5 de setembro, Ribadavia
Fene Rock
El Drogas, Hamlet, Catalina Grande Piñón Pequeño, Aphonic.
• • • 18, 19 de setembro, Fene
Castañazo
Moscow Death Brigade, Tremenda Jauría, Rebeliom do Inframundo, Kaótiko, Grande Amore, Sons of Aguirre, Neomak, Kumpania Algazarra.
• • • 30, 31 de outubro, Chantada
Breasón
Cartel aínda sen anunciar.
• • • 7 de novembro, Mondoñedo