O pequeno gran mundo de Fisteus

Mario Beramendi Álvarez
MARIO BERAMENDI SANTIAGO / LA VOZ

FUGAS

Lupe Gómez, de nena, no lavadoiro da casa de labranza
Lupe Gómez, de nena, no lavadoiro da casa de labranza

A escritora Lupe Gómez invítanos coa súa poderosa voz poética a viaxar na procura dun soño: que a aldea non morra nunca

05 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes tempos de romantización impostada do medio rural, nos que o mito da aldea como retiro dourado propágase a ritmo pandémico, quizá non haxa nada mellor que recorrer á boa literatura como antídoto. Unha especie de medicina ancestral eficaz para neutralizar males modernos. En Fisteus era un mundo, a escritora Lupe Gómez —oriúnda da parroquia de Curtis que dá nome ao libro— reivindica as súas orixes e a dignidade dos seus nun libro autobiográfico, dunha beleza conmovedora, e que constitúe tamén unha carta de amor á terra e á lingua galega. A obra, publicada inicialmente por A Nosa Terra no 2001 e agora reeditada polo selo Noudelo e Ribón (do editor Antón Lopo), invítanos a percorrer o pequeno gran mundo da parroquia de Fisteus, nunha viaxe que persegue o soño de que a aldea non morra nunca. Nada como as poderosas ferramentas da memoria e da palabra. «É como se os mortos seguisen vivos, coidando as vacas, xogando ás cartas, termando do cigarro, debullando millo, facendo queixos, curando ollos mancados...», imaxina a autora.

Os muiñeiros Pilara de Fraga e o seu marido Manuel
Os muiñeiros Pilara de Fraga e o seu marido Manuel LUPE GÓMEZ

Nas páxinas de Fisteus era un mundo un pode cheirar a herba e o esterco, escoitar o muxir das vacas, sentir a humidade do orballo e o frío das xeadas. Un pode mergullarse nesa terra con toda a súa beleza e o seu esplendor, pero de todas as cousas que se poden dicir do libro hai unha que sobresae por enriba das demais. É un relato honesto, porque descobre con toda crueza as condicións de vida do medio rural galego de finais dos anos setenta. Unha casa labrega na que o chan era de terra e na que non había cuarto de baño. «A miña casa de aldea é un lugar destruído, pero foi para min un palacio. Viviamos somerxidos nela, no campo. Cando lle puxeron o cemento destruíron o soño de vivir debaixo dunha árbore», lembra a autora.

A curandeira María de Castrelo
A curandeira María de Castrelo LUPE GÓMEZ

Reivindicar con orgullo as orixes non impide á poeta denunciar as condicións de pobreza nas que se vivía e fuxir de calquera idealización. A escritora lembra cando, ás veces, se movían ou escachaban as tellas, e chovía dentro daquela casa fría, na que no inverno custaba vivir, sobre todo a súa tía Lucita, paralítica, con dificultades para achegarse ao lume. «A pobreza é cruel. Non quero volver ver nunca máis esas mans escuras, aterecidas», lembra a autora sobre a súa tía, falecida este pasado xaneiro e que foi a última gran supervivente do universo de Fisteus.

Lupe Gómez, que medrou nunha casa con economía de autoconsumo e na que os ingresos viñan da venda de queixos nas feiras, fai neste libro unha homenaxe aos veciños, como os muiñeiros Pilara de Fraga e o seu marido, Manuel, que aparecen no libro, nunhas fotos que fixo a propia autora na década dos noventa, cando era estudante de Xornalismo.

Lupe Gómez, de nena, coa súa tía Lucita
Lupe Gómez, de nena, coa súa tía Lucita

En Fisteus era un mundo fálase tamén do amor pola vaca Parda, dos amigos da infancia, dos veráns, das galletas María Surtido, dos vellos, da igrexa, dos primeiros amores de adolescencia... faise tamén unha reivindicación da muller polo seu sufrido papel no mundo rural. Pero nas súas páxinas brilla a figura do seu pai, Ramón, que falaba coas vacas, falecido anos antes da publicación do libro. «A miña poesía naceu nos ollos do meu pai», lembra a autora.

A reedición deste libro supón tamén a despedida do selo Chan da Pólvora, proxecto de Antón Lopo, editorial que ten entre as súas publicacións senlleiras Camuflaxe, o poemario que Lupe Gómez dedicou a súa nai, Celestina, e no que está tamén presente todo o universo de Fisteus. Publicado no 2017, a escritora lembra cando foi con ela de vacacións a Louro por primeira vez. Daquela tiña xa 70 anos. «Paseamos pola praia para que curasen as túas varices. Iamos do ganchete como dúas flores. Eu sostiña a fraxilidade azul do teu corpo e iso facíame sentir inmensa no océano».