Comprar flores

Mercedes Corbillón

FUGAS

Hernán Ogállar Vidal | EFE

Quero comprar flores. Unhas margaridas case silvestres que locen en cubos de plástico. Ao lado hai limóns e patacas e un puñado de pementos metidos en caixas de cartón. Os pementos son tipo Padrón, pero algo desatados de forma e tamaño. Deben de ser unha mestura entre dúas plantas, como eses cans que comparten as orellas dun pastor alemán nun corpo de fox terrier. Provocan tenrura e compaixón cando os ves abandonados en vilas de veraneo, coma se alguén se cansase da súa fealdade. Non vou cociñar porque non teño nenas. Pode que, cando o meu Tormentito marche de casa me alimente da tapa de empanada industrial que poñen nos bares. Cociñar para un está ben, pero é como autosatisfacerse, pracenteiro, demasiado aséptico, impersoal, mecánico, aínda que, bo, por moi soa que esteas, o satisfyer e o aceite de oliva hai que telos sempre na despensa.

Son indiferente aos pementos, aínda que mos imaxino crecendo na horta desta muller que non está. Deixou o seu posto abandonado. Un puñado de produtos da terra sobre un banco de pedra nos arredores do mercado. Miro as flores. Son alegres, son belas, mesmo así, arrancadas do arbusto e depositadas alí sen intención estética. Penso en collelas e facer que así, apareza a súa dona, pero gústame esa confianza en que ninguén tocará o que non é seu. Cando a miña nai era pequena, os postos da praza quedaban abertos e co xénero exposto mentres o comerciantes durmían a sesta. Mentres espero, decido sentarme nun bar. As fiestras e as portas abertas. Non hai moita diferenza entre dentro e fóra. Está cheo de turistas e sígoos ata alí coma se eles soubesen algo que eu descoñezo. A maioría están sós. Na súa mesa, unha copa de viño ou de cervexa ou de vermú. Pregúntome se a soidade é unha epidemia ou un descubrimento. Polo aspecto plácido diría que o segundo. Alén do peitoril, un cheo de xeranios e outras plantas de moita resistencia e pouca sofisticación, un mozo abre un libro. Miro de esguello. É unha edición vella, amarelada de Pedro Páramo. Que sorte chegar por primeira vez a Comala. Pero sempre se pode volver. A todo.