Drowned Hill, Kafé de Pota, Castelao en «streaming» están entre as propostas de ocio para recibir o verán que fai a autora que triunfa con «Asasinato no muíño do cura»
04 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O rock alternativo que bebe da literatura gótica de Drowned Hill, a actuación na Pobra do Caramiñal da banda Kafé de Pota, a lectura do libro que inclúe o relato gañador do prestixioso premio O. Henry, unha novela capaz de reconciliarnos coa vida e a vida de Castelao en streaming son recomendacións da escritora do noir Asasinato no muíño do cura para dar ton e son ao verán.
Drowned hill
O rock alternativo que vén da literatura gótica
Drowned Hill acaba de irromper na escena rock galega, pero coido que paga a pena seguirlle os pasos. Procedentes da Coruña, móvense entre o stoner rock e o rock alternativo. Veño de escoitar os seus dous primeiros temas: Echoes in a Hall e Low Tide Queen. Reflicten unha proposta marcada polos riffs contundentes e ambientes densos e hipnóticos. O grupo recoñece a inspiración nas paisaxes pantanosas e a literatura gótica de terror estadounidense (como a obra de Michael McDowell). O lanzamento conta co apoio de A Morte Records.
«Runrún»
Unha novela que nos reconcilia coa vida
Ana Varela afronta en Runrún (Galaxia 2024) o tema da enfermidade mental tecendo un discurso que reproduce a perfección o medo atávico á loucura. Sen grandes xiros argumentais a escritora logra artellar un relato sen artificios, realista con personaxes comúns, humanos e fráxiles. É esta unha desas novelas que nos reconcilian coa vida, unha historia que se le axiña pero que perdura no tempo no noso maxín.
Cita sonada na Pobra do Caramiñal
Kafé de pota, fortes no directo
A banda compostelá Kafé de pota ofrece música rock en galego con sons punks, funks e ska nas súas cancións. As súas letras mezclan humor con crítica social e experiencias típicas da mocidade. Os seus concertos son moi frenéticos, con performances de perruquería e coa participación espontánea do público. Aínda que o seu primeiro disco aínda sairá este verán, paga a pena acudir aos seus directos, para gozar dunha experiencia interactiva. O vindeiro será na Pobra do Caramiñal o 18 de xuño.
«Antes de nós»
Castelao en «streaming»
Chega ao streaming (Filmin) a película que se achega á vida do Castelao home. O filme, dirixido por Ángeles Huerta, afástase da fórmula do biopic ao uso, para afondar no drama vital e humano da parella protagonista. Un bo recurso para axudarnos a entender como o pasado do Castelao home axudou a construír ao Castelao político, artista e intelectual. Un filme pausado, sen estridencias e profundamente humano. Unha grande opción para aqueles que non tiveron a oportunidade de gozar da película nas salas de cine.
«A parte fácil»
A grandeza do conto de Ismael Ramos
A concesión do prestixioso premio O.Henry ao relato «A lebre» do premio nacional Ismael Ramos é a escusa perfecta para lembrar A parte fácil (Xerais 2023), que inclúe o texto premiado, e que supuxo a primeira incursión do poeta no campo da narrativa. Cunha prosa que foxe do poético, coido que á mantenta, Ramos asina unha colección de relatos que afondan en universos iniciáticos cunha perspectiva xeracional. Un imprescindible para os amantes do xénero curto.