Preguntáronme nun club de lectura pola alma das cidades. Pola maneira en que algúns escritores conseguiron revelar a súa esencia, a factura do seu núcleo. Polo método que adoptaron para esclarecer un universo encerrado. A literatura que máis nos interpela dedícase a iso: á iluminación de interiores. Lemos a James Joyce e entendemos Dublín, lemos a Eduardo Blanco Amor e entendemos Ourense, lemos a Joan Didion e entendemos Os Ánxeles. Entendemos unha cidade e de paso entendemos mellor o mundo, aínda que con esa ilusión nunca cheguemos a entendernos a nós mesmos. Ensináronme de rapaz que a alma de Ourense se aloxa ao pé da Burga e descende ata a ribeira da Barbaña, escenario de fortes reverberacións literarias. Dende hai meses, unha pasarela elevada permite atravesar un treito da marxe dereita do río cuxo acceso era imposible. Por alí pasean os veciños como método para esconxurar os males do colesterol e a nostalxia, aínda sorprendidos por un ángulo da urbe que se mantivera oculto demasiado tempo para os ollos da maioría. Vagabundean agora pola última arteria aberta da cidade intanxible, polo seu centro abisal. A estampa, noutrora edénica —véxanse os relatos de Francisco Álvarez de Nóvoa, por exemplo—, destaca hoxe polo seu abandono. Demóstrano o recente incendio na Casa de Baños do Outeiro e o estado en que se atopa o vello cárcere, camiño dun destino similar se antes non se remedia. Escribiu Roberto Arlt no augaforte El placer de vagabundear: «Aquel que no encuentra todo el universo encerrado en las calles de su ciudad, no encontrará una calle original en ninguna de las ciudades del mundo». Descoñezo a maneira en que procederon Joyce, Blanco Amor ou Didion para detectar a tectónica íntima dos lugares. Xa me gustaría. Pero sei que a alma subterránea das cidades resiste a pesar do desleixo ao que tantas veces se someten os seus materiais visibles. A esa permanencia contribúe a vagabundaxe de quen as percorre cada día na realidade ou en soños, sexan Ourense, Dublín ou Os Ánxeles. Son eles, os seus paseantes —metódicos exploradores de avenidas, canellóns, parques, ribeiras—, os encargados de reavivalas a través do movemento. Aos escritores que admiramos correspóndelles seguir investigando a razón profunda deses tránsitos. Revelar que vagabundeamos para recoñecer nos lugares o latexo dunha víscera oculta e persistente: a banda sonora dun universo encerrado.