Davide Salvado: «Que o rural galego está medio vivo é unha gran mentira»

FUGAS

Davide Salvado vén de publicar «Premita deus».
Davide Salvado vén de publicar «Premita deus».

Rodeado de animais e afastado da urbe e da industria, creou unha obra de artesanía sonora tradicional e de febril intensidade emocional

29 may 2026 . Actualizado a las 11:03 h.

Precisou Davide Salvado (Marín, 1981) parar, escoitar e volver ao esencial. Refuxiarse —incluso de si mesmo— no campo, na horta, no silencio e nos animais. E dese proceso naceu Permita deus, o seu primeiro disco en dez anos. Un álbum que en once retratos debuxa unha paisaxe sonora íntima e contemporánea arredor da tradición, a memoria e unha forma máis pausada de habitar o mundo.

­—Por que «Permita deus» saíu agora e non antes?

—Saíu cando tiña que saír. Porque agora síntome preparado para amosarme por dentro. Eu non fago discos de xeito comercial, entón para min os procesos artísticos son moi intensos e moi profundos. Hai que sacar de dentro cousas que te esixen ás veces adentrarte en zonas moi escuras de ti mesmo. É un proceso moi intenso e non sempre agradábel para o que foron necesarios eses dez anos.

—É paradoxal ter que pasar por momentos duros para conseguir algo tan fermoso.

—A tradición galega tamén é un pouco iso. Mira aquelas mulleres que o pasaron tan mal, con tanta fame, machismo, maltrato e políticas nefastas, e aínda así reuníanse cada semana para cantar. Era o seu salvavidas. E eu sigo facendo un pouco iso. Sen aquela dureza coa que vivían elas pero para min a salvación e a forma máis perfecta de mudar tristeza en ledicia, ademais dos meus cabalos, do meu xeito de vida e do meu xardín, é crear e cantar.

—Chegou a ter medo de quedar fóra da escena musical por tomarse tanto tempo?

—É que eu creo que estou fóra da escena (ri). Si que se che pasa pola cabeza que a xente xa non se acorde de ti e tes pensamentos negativos dese tipo. Despois, por sorte, nos concertos vexo que a realidade é outra. Pero eu teño claro que non sigo unha corrente, que fago algo que está bastante fóra da moda e do que se quere escoitar agora e, desgraciadamente, non vexo que haxa moitos espazos para a miña música na escena galega. Oxalá me equivoque e haxa unha corrente deste rollo tradi, bonitista, un pouco marica e rural. Oxalá.

—Cando un volve á raíz deste xeito tan inmersivo, dende o punto de vista emocional e incluso dende o físico, que atopa?

—Atopas verdade. E se é verdade, é bonito.

—A nota de prensa di que o disco crea un imaxinario popular «sen caer na nostalxia». Tan perigosa é a nostalxia?

—Pode selo e non selo. Eu procuro non ser moi nostálxico e vivir o presente absoluto, aínda que iso ás veces me supoña moita dor. Eu son moi romántico e un pouco dramático, pero diría que nostálxico non. Acepto ben a perda ou a distancia.

—Tamén foxe da recreación folclórica.

—Dende logo. Non hai que recrear, hai que vivir. Eu non vivo do recordo de que miña avoa plantaba cebolas, plántoas eu. Non vivo do recordo do que podería ter sido. Intento facer o que quero facer. E o que quero facer é vivir tranquilo no rural, ter algúns concertos para poder seguir vivindo aquí e cada día poder dar paseos cos meus cabalos. Para min iso é lo más de lo más. Entón, recrear calquera cousa paréceme pretensioso, absurdo e moi alleo a min.

—No disco mestura os ritmos galegos con fados, con ecos do jazz, do bolero e mesmo de músicas andalusís. Iso nace dun xeito natural ou hai unha vontade consciente de romper as fronteiras da tradición musical galega?

—En nada do que fago hai ningunha pretensión. Quero fuxir do pretensioso. É algo que detesto. Todas esas influencias están en min porque eu escoito esa música. E as músicas que máis me tocan no corazón case sempre son en modo frigio. Por iso me gustan tanto as muiñeiras, o flamenco e o andalusí.

—Estamos a ver artistas que utilizan a música tradicional como estética. No seu caso da a sensación de que é unha posición política. É así? 

—Efectivamente. Dende logo, non é estética. É algo involuntario. Eu síntome moi ligado ao folclore, á tradición da miña cultura e á miña lingua, pero non me interesa utilizalos como símbolos. Si que me parece que nalgúns casos estase utilizando dunha forma pouco honesta o guai que é o rural e o folclore. Hai xente na que si que vexo verdade e outra na que se ve máis comercio.

—Incomódalle que desde sectores urbanos se estea romantizando o rural galego?

—Non me incómoda, paréceme de risa. Paréceme unha cosa de super Instagram, de estupidez humana total.

—Que lle sobraba da vida na cidade?

—A présa. A min gústame levantarme pola mañá e dar un paseo polo xardín, en bata ou en pelotas. Iso na cidade é imposible. E tamén me producía moita ansiedade a presión social polo comercio. Esa cousa de estar gastando cartos cada cinco minutos paréceme participar na maior relixión do mundo que é o capitalismo.

—E hai algo que bote de menos dela?

—Si, claro. Ter un cine ou un teatro cerca, as xeaderías e a facilidade para quedar con xente moi rápido e á vez para desfacerse dela moi rápido tamén.

—Cal é a maior mentira que se conta hoxe sobre a cultura popular galega?

—Que vai ben, que o rural galego está medio vivo, que moita xente quere ir ao campo... Iso é unha gran falacia. Nos Ancares cada día desaparece unha aldea. O idioma, xa vemos como está. A música tradicional, parece que está guai pero para min, esencialmente, non está tan ben. Pero a mentira maior é esa mirada cara a ese rural romantizado que non existe nin é real. O rural está desfeito.