Neste verán anticipado, as terrazas dos bares son como prazas de funcionario, hai cinco persoas para un só asento. As mulleres soas somos molestas, non por unha cuestión moral, senón porque ocupamos un espazo no que podería estar unha familia fartándose de vermú con e sen xenebra e de refrescos para os nenos que xa non toman Mirindas nin molestan co balón porque andan moi ocupados coas pantallas anestesiantes. Como autónoma que son, sen necesidade de clases de microeconomía, empatizo coa mirada disimuladamente torva que recibo, sobre todo cando saco o libro como quen bota raíces. Para compensar, pido os Martinis de dous en dous, avisando de dipsomanía e de conciencia comercial. Algunhas fomos educadas no capitalismo como se tragásemos dogmas coas tostas de millo e manteiga. Non fai falta crer neles, só degustalos como as hostias de pan ácimo que se reparten nas igrexas. Dime a IA que deben ser así, trigo e auga sen lévedo, como na última cea, e que o glute do trigo é imprescindible, aínda que o Vaticano admite baixar o nivel da substancia que tantas intolerancias provoca. Dáme por pensar, mentres enfilo o segundo vaso, que andarán a pasar penurias os fabricantes de vítimas sacrificais, pero, dentro da decadencia, estarán coa ilusión da visita do papa. Os capitalistas temos máis esperanza nas vendas que na resurrección. Tamén sabemos de números, esa cousa tan fea. Nos medios de comunicación os números lánzanse como bengalas ao aire, desprovistos de contexto ou apoio contable. As cifras iluminan o ceo collendo significado por si mesmas, para cadaquén o seu. Catrocentos mil euros, por exemplo, soa a chalé na praia, a tardes mirando o mar e a vida regalada, pero catrocentos mil euros non son nada se se dividen en catro anos de facturación dunha empresa, se por un casual, esa empresa ten cinco empregadas, se ninguén nos dixo se son beneficios ou facturación, se non sabemos se son reparto de dividendos ou soldos a mercé do IRPF; catrocentos mil euros son un misterio como o da Santísima Trindade, non significa nada se non temos un paisaxe simbólico predeterminado na nosa mente. Deixo de calcular a caixa que fará o hostaleiro e abro o libro. Ninguén fala de cartos. Abofé que son feos.