Diana Varela Puñal, autora de «Serea e Ulises»: «Na arte hai un pulso parecido ao reloxo biolóxico»
FUGAS
A escritora de Corme retoma os versos para darlle voz á serea que atraeu a Ulises e falar de amor, desexo e mulleres que poden decidir
22 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Quedamos nun bar con propietarios de Corme (A Coruña) e unha serea pintada na parede para falar, precisamente, cunha autora cormelá, Diana Varela Puñal (1981), da súa última obra, Serea e Ulises, recén publicada por Medulia Editorial. Un libro cun formato diferente e que supón a súa volta á poesía despois de máis dunha década sen levar un verso ao prelo. —Non facía poesía dende hai quince anos, cando escribín Non, amor. Polo camiño iniciamos a aventura de Medulia Editorial, que se leva moitas das miñas horas, e publiquei algo de ensaio, teatro infantil... porque son escritas máis de poñerse a traballar, menos necesitadas de musa.
—Por que retomar agora a poesía?
—Por unha necesidade íntima miña de expresarme como mellor o sei facer. Para min a poesía é a forma natural de expresarme a nivel íntimo. Cando teño algo importante que dicir sempre acabo aí. De repente na arte hai un pulso que empeza a soar e non o podes parar. É unha cousa parecida ao reloxo biolóxico, porque é algo íntimo, difícil de explicar.
—Que atopamos en «Serea e Ulises»?
—Quixen revisitar un mito. Porque creo que os mitos, os contos clásicos, as fábulas... son formas de expresión moi válidas, pero que hai que actualizar. E o mundo da arte ten dalgún xeito esa responsabilidade. Eu quixen recuperar o da serea e Ulises na Odisea, pero dándolle voz á serea.
—Iso xa é unha novidade, non fala o heroe, fala a figura feminina.
—Fala unha muller libre, que nada cos golfiños, que canta, apaixonada, que está fondamente namorada, pero que tamén está afirmando o seu ser. Desexa a Ulises, mais pon os seus límites. «Pero eu, Ulises, a Ítaca non vou», é unha das frases que máis chamou a atención nestes poemas. É un amor libre, como eu creo que debe ser todo o amor. E ao mesmo tempo esa serea que canta é unha artista, representa as mulleres que sachamos neste campo. O noso traballo non é convencional, e, por forza, a nosa vida tampouco pode ser convencional. Escribir isto serviume case como terapia persoal. De feito, fixen unha viaxe para visitar os lugares onde a lenda di que viviu a serea.
—Como foi esa viaxe?
—Foi unha viaxe íntima, que fixen en solitario. Percorrín en tren a costa de Sicilia, estiven en Taormina, na praia de Isola Bella onde se di que ela habitaba entre as rochas... Pasei alí moitas horas co meu caderno, porque non levei nin ordenador e case estiven desconectada do teléfono. Fun co libro comezado e volvín con el practicamente acabado. Gardo con moito amor a libretiña na que o escribín todo.
—De aí xurdiu a idea de facer unha edición tan especial...
—Púxenme a darlle voltas a publicar un facsímile do manuscrito. Faleino cos compañeiros da editorial e parecía un pouco arriscado, temiamos que non se entendese ben... Pero dixemos, ímolo intentar. Neste momento de debate arredor da intelixencia artificial quixemos reivindicar unha cousa tan humana como a caligrafía, a través da que mesmo se expresan emocións. Dalgún xeito, entras na intimidade da poeta, porque é unha reprodución exacta de como foron escritos os poemas.
—Non debeu ser un proceso fácil editalo.
—Houbo que traballar moito, seleccionei eu mesma o papel, probamos ducias de rotuladores! Logo todo o traballo coa imprenta para que o trazo fose ben visible... Pero o resultado está a gustar moito, polo menos a nivel estético. E a min encántame. Saíu do prelo o Día do Libro, e pasei toda a xornada a chorar.
—Será un caso único?
—A idea é que sexa o xerme dunha nova colección en Medulia, convidando a outros autores a publicar textos manuscritos. Pola miña banda, esta é unha escolma de poemas, máis adiante sacarei o libro enteiro xa en letra impresa. Aí estará máis presente a crítica social, temáticas non tan literais en relación ao mito. Pero este Serea e Ulises é un libro de amor.
—O amor dende os ollos da muller e cunha voz moi sensual, unha escrita moi sensorial...
—Fala expresamente do desexo, si, porque as mulleres tamén desexamos. E iso supón que a muller tamén elixe, non é un obxecto. E se o que fai feliz á serea é nadar e cantar, se cadra ten que poñer límites, aínda que sinta esa necesidade de ulir, de tocar a Ulises. Ela vive dúbidas que todas as mulleres podemos entender, pero tamén se afirma a si mesma. Trátase de revisitar o mito desde un punto de vista actual e sobre todo feminino e feminista, porque o papel da muller na sociedade é un dos grandes temas neste momento.