O escritor ofrece cinco propostas para ler, escoitar, ver... e non esquecer
22 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Un disco dunha artista que marcou unha década, tres libros fondamente conmovedors e un filme cheo de frescura son algunhas das recomendacións do escritor.
Perder o norte
María Quiroga
Esta novela, gañadora do Premio Illa Nova de 2025, afronta o loito e o dó dunha perda real que sufriu María Quiroga, o suicidio dunha boa amiga. A autora propón unha viaxe física, unha viaxe en bicicleta, que leva consigo unha travesía máis importante, unha travesía emocional cara a comprensión e a superación. Un libro fermoso e moi inspirador para quen estea pasando por un momento de perda.
Rastros
Carlos Lixó
Carlos Lixó escribiu nesta colección de relatos un deses libros que calquera desexaría ter escrito. Con certas reminiscencias ás Vidas minúsculas, de Pierre Michon, ou mesmo á obra de Italo Calvino, Carlos reúne trece relatos que avanzan cronoloxicamente dende o Paleolítico ata os nosos días, achegándonos unha radiografía histórica do desexo e o amor que non se corresponde co que se considera normativo.
Son coma glaciares os barcos de aceiro
Cynthia Menéndez
A primeira novela de Cynthia Menéndez paréceme un sopro de aire fresco para a narrativa galega. A combinación entre a prosa poética da autora e algo, en aparencia, tan pouco lírico como unha folga do naval resulta innovadora e conmovedora. Nestes tempos de consumo cultural efémero, a novela de Cynthia debería converterse nunha novela de longo percorrido e un referente literario do Vigo moderno.
Roibén
Guadi Galego
Admiro fondamente a Guadi Galego, que me parece a música galega máis importante da última década. Admiro a súa procura constante de novos retos e horizontes. E teño un gusto especial por Roibén, un disco complexo, cuxo directo foi absolutamente marabilloso. É un disco moi literario. Nel Guadi musica a Antía Otero ou a Xohana Torres. Como esquecer a Guadi cantando ese verso: «Eu tamén navegar»?
Dhogs
Andrés Goteira
Dentro da creación en galego, Dhogs é unha excelente representante de algo que cada vez admiro e valoro máis: unha obra nada da paixón dos seus creadores e non das tebras da Dirección de Cultura de San Caetano. Quizais a maior eiva do filme sexan esas limitacións orzamentarias, pero a frescura que desprende fai que pronto o esquezamos. A película ten nove anos, pero está dispoñible en plataformas.