A voz próxima da viguesa que lle subiu o volume a Penélope

FUGAS

Begoña Caamaño nos anos 80 cunha compañeira de Radio Popular. Fonte: Arquivo familiar de Begoña Caamaño / RAG
Begoña Caamaño nos anos 80 cunha compañeira de Radio Popular. Fonte: Arquivo familiar de Begoña Caamaño / RAG RAG

Unha homenaxe emocional á pegada de Begoña Caamaño, que transformou os medos de Circe e Penélope en sororidade e rebeldía

15 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A comprobación de que te fas maior e é irremediable e irreversible é que chega un día en que se celebra o Día das Letras Galegas e a persoa homenaxeada naceu na mesma década ca ti. E xa non é un señoro cuxa vida che soa lonxanísima e a súa obra che interesa cero, aínda que o seu mérito terá. Xa non son fotos desgastadas en branco e negro de grupos de intelectuais que conspiran en garitos para imprimir panfletos en galego arriscando o seu status. Son imaxes brillantes e vivas, e voces libres que non soan ao nodo. É unha compañeira próxima coa que compartiches o mesmo espazo, pisado as mesmas rúas e apoiado o cóbado nas mesmas barras aínda que non fose as mesmas noites. Ou si. Se ademais se chama coma ti, creceu no mesmo barrio ca ti, e máis tarde se mudou coa súa familia ao mesmo que os teus, de novo, é que igual estaba escrito nas estrelas, antes de que ela mesma o soubese, que ía escribir e deixar unha pegada máis alá da sonora, que non escoito. Poucos nenos dos 70 en Vigo xogaban en galego. Empezaban a estudalo no colexio e non existía o Xabarín Club. Ao volver do cole viamos Un globo, dos globos, tres globos. De preadolescentes, os sábados pola mañá seguíamos absortos La bola de cristal. Alaska aínda era moderna e rompedora. Crecemos pensando que Lolo Rico era un señor e ninguén nos sacou do erro ata hai pouco. Non había redes, pero había moita rúa. Begoña Caamaño subiulle o volume a Penélope, á que Homero puxera a facer puñetas. «Despídome de novo chea de medos. Medo a vos ter causado mágoa e desacougo, medo ao retorno do rei que se anuncia inminente, medo a un futuro incerto no que non sei aínda como hei sobrevivir e, sobre todo, medo a que a partida de Ulises supoña a ruptura da nosa relación. Non me esquezades, nobre amiga, non me abandonedes, pois se para vós chegan agora días de tristura e saudade, o meu futuro anúnciase mouro e amargo, sen outro consolo que a vosa amizade. Bícovos nas mans, nos pés, nos ollos e tamén na alma, esa alma inmorrente e luminosa que tedes, e onde espero me acollades» (Circe ou o pracer do azul). Begoña Caamaño colleu os mitos vellos que nos contaran sempre desde a beira dos homes e deulles a volta, poñendo no centro a dignidade, a rebeldía e o desexo. Nas súas páxinas, Penélope xa non agarda chorando nin Circe é a mala do conto; son compañeiras que tecen xuntas outra historia posible. Reescribir o pasado foi a súa maneira de sementar o futuro. A súa pegada quedou gravada para sempre no xornalismo honesto e na literatura que abraza.