A trepia de Begoña Caamaño

Víctor Freixanes

FUGAS

A escritora Begoña Caamaño de nova.
A escritora Begoña Caamaño de nova. RAG

A autora, que publicou a súa primeira novela aos 45, e a segunda, aos 48, era moi consciente da interpretación dos mitos: a muller que quere escribir a súa propia historia

15 may 2026 . Actualizado a las 22:18 h.

Cada xeración ten dereito a deitar unha ollada distinta sobre a realidade, tamén sobre a historia e a memoria das cousas, neste caso sobre os mitos que conforman a nosa identidade. Non é só un dereito. Temos obriga de facelo. A nosa cultura de Occidente sostense sobre tres piares que poderiamos cualificar de fundacionais: a cultura clásica, a cultura artúrica (materia de Bretaña) e o mundo de Oriente, no que podemos incluír os mitos bíblicos, a tradición xudeo-cristiá, historias do mundo persa e mesopotámico, encarnadas nos personaxes das Mil e unha Noites.

 Tal é a trepia que terma de nós, tres pés de ferro que sosteñen a pota da lareira onde durante séculos se foi cocendo a nosa cultura occidental, en parte logo alimentada por ese espiñazo espiritual que é o Camiño de Santiago. Begoña Caamaño, dende a madurez dos 40 anos, afronta a reinterpretación de dous mitos clásicos: a Odisea (Circe e Penélope) e a materia de Bretaña (Morgana e Merlín). Faino dende a madurez. Tiña 45 anos cando publica Circe ou o pracer do azul. 48 cando Morgana en Esmelle. Obras as dúas dunha escritora moi consciente do seu proxecto e da interpretación que lle quere dar: a muller que quere escribir a propia historia, non que lla escriban outros. Como son as cousas en realidade? Como foron? Cando e quen decidiu que o Deus bíblico era un patriarca barbado, señor de vidas e facendas, administrador único do mundo, por exemplo? Algunha vez as cousas foron doutra maneira, no Mediterráneo da Deusa Branca, por poñer outro caso, do que fala o poeta Robert Graves nos seus ensaios? A deusa luar fronte o deus solar que hoxe o domina todo.

A sororidade

Begoña coñecía a obra de Robert Graves, mais a súa visión é moito máis propia. Os mitos explican o mundo dende o principio dos tempos, pero están para ser revisados. Circe e Penélope son a sororidade, a amizade, a lealdade, o amor. Morgana é o poder, en certa maneira a traizón, a loita polos dereitos, a culpa. Nos dous casos a mirada é a da muller. Maneiras diferentes de presentar e interpretar o relato, consciente a autora de que o relato tamén nos explica a nós. O diálogo coa Miranda de Cunqueiro, na Selva de Esmelle, Felipe de Amancia, permítelle á autora unha reflexión coa propia literatura, neste caso tamén coa literatura galega, como antes coa Odisea de Homero.

Un proxecto meditado

Tiña Begoña un proxecto moi meditado que incluía unha terceira aposta, sobre a que tivemos algunha vez ocasión de falar. Unha triloxía que visitaba a terceira pata da trepia, o universo das Mil e Unha Noites. Inicialmente eu propúxenlle a figura bíblica de Judit, mais ela tiña claro o que quería de Sherezade: o poder da palabra, mesmo a sedución da palabra, que se apodera do mundo e o transforma, o labirinto marabilloso das historias que tecen unha rede salvadora. Mágoa que esta terceira entrega non fose posible. Ollada agora coa perspectiva do tempo, a vida de Begoña Caamaño é unha estrela fulgurante, pasa por nós coma eses cometas que viaxan durante miles de anos para achegarse e abraiarnos co seu resplandor.

Víctor Freixanes, expresidente da Real Academia Galega, escritor e editor de Begoña Caamaño