Begoña Caamaño, última hora

FUGAS

Begoña Caamaño (dereita) traballando con Rosa Martínez na Radio Galega en Vigo, un dos medios nos que deixou pegada.
Begoña Caamaño (dereita) traballando con Rosa Martínez na Radio Galega en Vigo, un dos medios nos que deixou pegada. Arquivo Begoña Caamaño

Todo escritor é especialista en saquear tesouros da tradición que o precede. Begoña Caamaño non era unha excepción nesa práctica. Pertencía á estirpe das brillantes espoliadoras de mitos, vontade que ela mesma localizaba nunha lectura temperá da Odisea, xerme da narradora en que se convertería anos máis tarde. Demostrouno cos personaxes da súa obra literaria, e así adoitaba explicalo tamén nas presentacións públicas das novelas Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle.

Nunha edición dos Diálogos literarios de Mariñán, no 2010, expuxo a súa poética a través dunha cita de Álvaro Cunqueiro en Faro de Vigo: «Eu creo nos mitos —Merlín, Hamlet, Ulises— e sei que posúen aínda enerxía reveladora. (...) Non hai nada que teña maior actualidade que os mitos. Son sempre noticias de última hora». Acto seguido engadiu que cada xeración debía exercer o dereito a volver sobre esas pedras fundacionais para alimentar novas interpretacións e aplicar sobre elas as tensións do presente. Nada novo e á vez tan moderno e radical, ineludible para quen busque aplicarse con honestidade no oficio da escrita: o recoñecemento da literatura como unha interacción constante coas sementes do pasado.

Consciente do rico material que tiña entre mans, Begoña Caamaño apropiouse con valentía deses ecos para observalos cunha perspectiva feminista, sen ataduras, dándolle espazo ao que se consideraba secundario ou relegado a permanecer na sombra, fóra de foco. Unha posición crítica fronte as estruturas de poder —real e simbólico— que xa atravesaba o seu xeito de concibir a profesión xornalística coma un servizo á cidadanía, vocación anterior a esa explosión literaria serodia coa que nos fixo ler a mitoloxía con outros ollos. A voz que falaba pola radio pública —nos servizos informativos e no imprescindible Diario cultural, sen esquecer os espazos Andando a terra, Club cultura ou Expreso da medianoite— bebía da tradición dun xornalismo serio e rigoroso, igual cá pluma esixente que asinaba reportaxes e crónicas, en conexión cos valores propios do sistema democrático. Era esa outra forma de recollida aínda máis fina, paralela á reformulación literaria de mitos: unha apropiación consciente da complexidade social para convertela, mediante as ferramentas do xornalismo, nun discurso accesible para todos.

Unha fría tarde da primavera do 2012, durante a presentación compostelá de Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño dirixíase ao público rexeitando para si o cualificativo de «escritora», coma se lle resultase demasiado grande ou estivese reservado para unha aristocracia que ocupa en exclusiva os manuais de literatura. «Tedes ante vós, máis ca unha narradora, unha sorte de meiga de ínfima categoría», dicía ao pouco de comezar. E continuaba: «Vou vertendo nunha pota chisquiños de ingredientes roubados de aquí e acolá; remexo un pouco e, tachán!, xorde un relato que semella obra miña pero que, en realidade, é como esas colchas tecidas con retallos vellos: unha historia creada coas imaxes xurdidas doutras historias prestadas, cos refugallos das historias que a min me chegaron».

Alí estaba de novo unha muller nacida no barrio do Calvario, en Vigo, que insistía con franqueza nesa idea do expolio constante como fonte de alimentación literaria. Catorce anos máis tarde, dedícaselle o Día das Letras á escritora intelixente, á xornalista precisa, á feminista enérxica, á amiga que moitas lembran.

E sucede tamén que as novas xeracións andan a tecer a gran colcha dos libros cos retallos que deixou ela. Explícase o feliz asunto en que agora todas esas Begoñas son sempre noticias de última hora.