O barrio vigués no que Begoña perdeu un zapato e gañou a independencia

FUGAS

Unha clienta nun posto de peixe do Mercado do Calvario, onde a bisavoa e a avoa de Begoña tiñan un posto de teas. En primeiro termo, o libro «Begoñísima», retrato singular da autora do Día das Letras.
Unha clienta nun posto de peixe do Mercado do Calvario, onde a bisavoa e a avoa de Begoña tiñan un posto de teas. En primeiro termo, o libro «Begoñísima», retrato singular da autora do Día das Letras. Oscar Vázquez

Este é un atlas dos primeiros anos da escritora que celebramos. Os lugares teñen memoria no Calvario, no que a autora gañou de nena a independencia xogando cun pé descalzo

15 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

En Vigo, nun lugar que pasa preto da rúa Cataluña e o café Alaska dando conta das súas miras, unha pequena Begoña perdeu un día un zapato xogando na lama coa súa irmá Bea despois de saír de clase. Nese lugar, hoxe sen lama nin leiras, está un dos institutos con máis nacionalidades de Galicia, o IES Castelao. «Aquí perdeu o zapato Begoña Caamaño», subliña con entusiasmo un dos alumnos de cuarto que estudan quen foi e que fixo a autora recoñecida no Día das Letras antes de saber de lendas, ondas e mitos clásicos, anos antes de deixar pegada cun pé descalzo.

O alumno que fala é Manuel Carballo, que arrinca un percorrido exprés de memoria pola odisea vital de Begoña no mar de asfalto no que deu os primeiros pasos, os primeiros brincos e as primeiras palabras. Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago 2014) «foi unha escritora galega que na súa infancia viviu no Calvario e estudou xusto en fronte de onde agora estamos nós, no IES Castelao», apunta co dedo Manuel cara ao lugar no que Begoña recibiu clases de francés da escritora María Xosé Queizán na academia da nai de Xosé Luís Méndez Ferrín. Dende o IES vemos as desaparecidas Bodegas Bandeira, que conservan só a fachada daqueles días de viño e leiras no barrio, un edificio que acolle hoxe un súper e mais un gym.

Begoña medrou nunha sorte de illa independente; daquela, delgado corpo urbano de temperamento rural. Recordamos o que foi para a autora esa illa do concello de Lavadores independente de Vigo máis dun século, esa na que gañou a independencia a xornalista que pintaba a vida en violeta e azul. E desandamos o tempo no territorio Caamaño da man do crítico Ramón Nicolás, autor do libro A nena que perdeu un zapato na lama, fillo tamén do Calvario, e mestre deste IES que non esquece a cabeza xusta, a lingua galega e o pé descalzo de Begoña Caamaño.

No IES Castelao, Ian, Luciano, Judith, Aracely, Michelle e Melanie, todos alumnos do IES onde Begoña perdeu un zapato.
No IES Castelao, Ian, Luciano, Judith, Aracely, Michelle e Melanie, todos alumnos do IES onde Begoña perdeu un zapato. Oscar Vázquez

«Por máis que o buscamos o zapato non apareceu!», ri Nicolás, ao que Maika, amiga de Bego, e Bea, irmá, lle contaron moitas cousas daqueles primeiros anos, entre outras, esa anécdota do zapato para revelar o dinamismo que sempre moveu a autora de Morgana en Esmelle. «É un dato moi curioso», valora Manuel Carballo, do que os seus compañeiros de clase no Castelao contan que é tan movido como Begoña pero, a diferenza dela, el non perde os zapatos.

 

Sen apuntes do profe, o rapaz, que vive no Calvario dende os 5 anos, recorda que a familia de Begoña Caamaño tivo que mudar de barrio porque a construción dunha das vías de tráfico que cambiaron a fisionomía do lugar máis de catro décadas atrás obrigou a quitarlle medio «cacho» á casa da familia Caamaño. Tamén menciona el os dous cines, pegados un a outro, o Palermo e o Avenida, aos que ía Begoña e que lle daban ao Calvario nos sesenta un toque de modernidade cultural e de glamur. «A irmá contounos moito sobre Begoña —segue Manuel—, e ata fixemos un vídeo sobre ela no que falamos dos sitios que máis frecuentaba na zona, entre eles a fábrica de papel de Lavadores», que é hoxe tamén unha pantasma que se resiste a esquecer o que foi, o papel que tivo en tempos pasados.

Aínda como «Sanatorio Santa Cristina» é coñecida popularmente esta residencia, obra do arquitecto Michel Pacewicz.
Aínda como «Sanatorio Santa Cristina» é coñecida popularmente esta residencia, obra do arquitecto Michel Pacewicz. Oscar Vázquez

«Begoña Caamaño foi unha muller boa. Feminista, moi traballadora, á que lle gustaba moito ler e que defendía sobre todo os dereitos da muller», di Aracely, outra das alumnas de cuarto do IES Castelao. «Grazas á canción que aprendeu da súa mestra de francés, Le petit cheval, elas dúas coñecéronse despois. Era escritora, xornalista e traballou na radio tamén. Falaba e escribía en galego», di Michelle, outra rapaza da clase de Ramón Nicolás.

Saben eles quen foi Morgana e que pinta en Esmelle? «Begoña falou dela pola súa importancia como mito, como Circe. É moi interesante que se lle ocorrese facer iso con esas figuras, a min nunca se me pasaría pola cabeza, falar doutra maneira das mulleres na mitoloxía, dunha maneira que na historia nunca se fala», sinala outro alumno. Foi «unha adiantada ao seu tempo», valora en conxunto o grupo de rapaces do IES Castelao.

Saímos do instituto. Camiñamos ata o número 19 da rúa Cataluña, número que non existe, pero nel queda aínda, e hoxe habitada, a casa na que a familia de Begoña Caamaño tivo o primeiro fogar.

O esqueleto non está a vista, como estaba hai anos, cando o inmoble daba a impresión de ser unha «casa de bonecas», compara Ramón Nicolás, tras quedar cortado polo medio polo desenvolvemento viario e urbanístico no Vigo dos anos setenta. Un mural da ilustradora polaca afincada en Madrid Susie Hammer cobre hoxe a intimidade interrompida hai décadas dese inmoble do número 19. Non, non busquen o número nin en Google Maps (leva a outro sitio). Desapareceu.

Óscar Vázquez

«Antes, si..., era como unha casa de bonecas. Vías parte do salón, o papel da parede; o cuarto de baño... Eu hai tempo non sabía que era a casa de Begoña, pero esa impresión de vela partida era horrorosa», di Ramón Nicolás. O debuxante Carlos Gallego fai unha interpretación de como era no libro A nena que perdeu un zapato na lama, un conto real, documentado.

O cambio que supuxo a mudanza forzosa de barrio dos Caamaño «foi importante, porque na parte de atrás da casa tiñan horta. Vivían a medio cabalo entre o urbano e o rural. Sei que á familia o cambio lles causou desasosego, porque a liñaxe é do Calvario desde o inicio, desde que veu a bisavoa da Caniza. Eran varias xeracións da familia as que viviran neste barrio dun concello independente de Vigo ata o 41, ano en que o Concello de Vigo anexionou Lavadores», recorda o profesor.

Mercado con historia e vida

A uns pasos, facendo a pé ese atlas emocional da infancia de Begoña que arrinca na lama doutros tempos máis de aldea da rúa Aragón de Lavadores, está o Mercado do Calvario, onde tiñan un posto de venda de teas unha das avoas e unha das bisavoas da distinguida escritora e xornalista.

O mercado segue en pé, cheo de peixe, de ruído, de xente e vida (ata as peixeiras e unha clienta anímanse a facer a foto co libro Begoñísima, de Andrea Nunes Brións no selo Cuarto de Inverno, un retrato singular e valente de Begoña Caamaño).

A esta altura, o corazón do barrio, peonil e cunha alegría de venres xa en mércores, parece ter recuperado sístole e diástole, a fidelidade a unha forma propia de ser e de traballar. Avanzamos no paseo. Paramos onda unha casa pechada na rúa do Cristo. Na fachada, un cartel recorda a Carmen Miguel Agra, unha das persoas que elixiron a morte a entregarse aos falanxistas en 1937 no Berbés. Ela era unha das que pretendían partir rumbo á liberdade agochadas na bodega do cargueiro Bou Eva. A máis nova de todos, a única muller.

Outra parada no barrio, no que despacha con ritmo o café Alaska catro décadas despois, leva ao lugar no que abrían mundos eses cines dos que falaba, liñas atrás, un dos alumnos do Castelao. En fronte, un inmoble histórico que foi sanatorio e hoxe é residencia de maiores, Bodía Magnolio, un dos lugares que prendían a atención da Begoña máis nova. Proxectado en 1918 polo arquitecto Pacewicz, foi un encargo de Manuel Montes, veciño de Lavadores que fixo as Américas en Chile e deu forma, da man do mestre Pacewicz, a un soño de residencia particular. Nela abriron (non dou atopado en que data) un sanatorio os doutores Corbal e Amoedo, segundo as crónicas que dan conta daquel tempo no que Begoña Caamaño empezou a vivir libre, facendo o que quería, e aprendendo a querer o que facía.

Ela soubo desde nena que querer e que facer.

Aquí, documental da RAG sobre Begoña Caamaño.

«Eu son Morgana e esta é a miña historia. Contada por min mesma, coa miña voz. A única historia en que me vexo e en que me recoñezo. Por máis que haxa quen lembre doutro modo os feitos»

«Morgana en Esmelle» (2012)