Begoña Caamaño na ollada de seis autores galegos: «O que máis atrae dela é que se resiste a ser canonizada. Resulta profundamente humana»
FUGAS
A defensa do galego, o feminismo, o xornalismo de rigor, a reinvención dos mitos son algúns trazos da homenaxeada que vía o mundo en azul e violeta. Seis autores galegos destacan o seu valor e singularidade
16 may 2026 . Actualizado a las 18:45 h.Circe e Morgana son feiticeiras con voz propia grazas a Begoña Caamaño, reporteira do futuro. A muller, o galego e a xustiza social entendida como pan do día son o centro dun legado que pasa por Compostela e, en primeiro lugar, por Vigo. Lavadores foi o barrio onde viviu a infancia Begoña Caamaño e tamén onde medrou, nos movidos anos oitenta, Ledicia Costas (Vigo, 1979). A lingua e o compromiso coa defensa da clase traballadora e as mulleres úneas por riba dos moldes do tempo. «Begoña sempre poñía por diante as causas xustas. Eu comparto con ela a visión feminista do mundo», manifesta a premio nacional. A súa novela Pel de cordeiro garda na escolla do tema, e o seu tratamento, parentesco coas de Caamaño.
Cal é o legado da autora de Morgana en Esmelle? «A reescrita e apropiación case, desde un xeito positivo, dos mitos desde unha perspectiva feminista. Comparto universo con ela. Tamén esa visión igualitaria do mundo que tiña. Iso poría eu en valor da obra de Begoña. E mais a capacidade de transitar desde o xornalismo á literatura poñendo por diante as causas xustas», sinala Ledicia, que cre no poder da literatura «para poñer o foco sobre cuestións que socialmente son importantes, e que hai que tratar». «Aí síntome profundamente conectada con ela», asegura.
A mestura imposible, pero real en Galicia, entre o mundo rural e o urbano viviuno de preto Begoña Caamaño nos seus primeiros anos no barrio do Calvario. Tamén viviría ese contraste nos noventa Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), Premio Nacional de Poesía Joven por Lixeiro, e membro recente do club dos mellores autores de contos a criterio do prestixioso galardón O. Henry. «O que máis me está atraendo da figura de Begoña Caamaño é o feito de que sinto que, como autora, se resiste a ser canonizada, porque ás veces este día conxela as persoas..., adoita darnos unha imaxe próxima ao santoral. Quizais Begoña Caamaño, polo seu actitivismo, pola súa rede forte de amizades, pola súa militancia sindical, por tantas cousas, resúltame profundamente humana», valora o autor de A parte fácil.
As mulleres no centro. Así é na narrativa de Begoña Caamaño e na de Antía Yáñez (Burela, 1991), a enxeñeira de Camiños que é un referente literario de igualdade. Como Begoña, Antía medrou con aventuras como A illa do tesouro e Robinson Crusoe botando en falta personaxes femininos. «Dábame coraxe non ver nas historias clásicas nenas coma min nin mulleres —explica a autora de Be Water—. Eu quería verme nos libros! Os clásicos teñen moito machismo, o da súa época. E a min, que sempre fun unha nena rabuda, repateábame».
Antía recórdase lendo A illa do tesouro, unha novela coa que mantiña unha relación «de amor-odio». «Era por iso de dicir: ''Como me gustaría a min estar nunha illa deserta vivindo estas aventuras, ata que punto me podo sentir identificada?''», expón Antía Yáñez, e a esa pregunta vén responder a autora do Día das Letras 2026. «Begoña fai que nos sintamos identificadas con todo iso que nos quedou no substrato humano. Os mitos da antiga Grecia ela achégaos dunha maneira na que eu si me podo ver», pensa Yáñez.
Vivir en galego. Con esta máxima construíu a súa persoa e o seu oficio a homenaxeada. Do valor da lingua e a palabra fala este 17 de maio. «A palabra no centro dun proxecto democrático. A palabra como garantía de pluralidade, por un lado, o seu traballo como xornalista e a súa defensa do exercicio de liberdade de expresión, de non falar ao ditado. Tamén a palabra como responsabilidade civil», destaca de Begoña Caamaño o escritor, profesor e activista Carlos Callón (Ribeira, 1978).
«A palabra, tanto na creación literaria dela como nas súas intervencións públicas, ten un propósito importante, dar voz á metade da humanidade, ás mulleres», subliña o autor de O libro negro da lingua galega. «Ela é unha persoa que escolle o galego como lingua de vida para todo», resume e, nese sentido, a mensaxe de Begoña Caamaño «aínda ten moitísimo que nos dicir neste 2026».
«A ler o mundo sen intermediarios», convida, segundo a médica e novelista María Quiroga, a homenaxeada este ano no Día das Letras. «En movemento pénsase mellor. O mundo só se entende cando se percorre con pés propios —achega a escritora distinguida co Premio Illa Nova de Narrativa—. Iso fixo Begoña: cos ollos abertos e o caderno disposto, foi da ría de Vigo ao Caribe, do Atlántico ao Pacífico mexicano. Viaxar era para ela saír ao encontro. A xeografía non é aleatoria: é unha cartografía ideolóxica. Lugares onde as mulleres se organizan e reclaman a súa soberanía». María imaxina a Begoña «sentada na cociña dunha estraña feita amiga, escoitando, dándolle voz a Circe, Penélope ou a Morgana», recrea quen cruzará este outono o Atlántico cunha tripulación só feminina.
Toda viaxe conduce ao punto de partida. Volvemos ao Vigo no que medrou Begoña, da man doutra viguesa que tamén aprendeu a ler pola imaxinación submarina Verne, na ría de Vigo, na arpa ata o ceo que é a ponte de Rande. «É unha alegría que se distingan voces femininas nas Letras. Non por cupo, senón pola calidade e a resonancia no tempo desas voces, como a de Begoña Caamaño», achega María Oruña (Vigo, 1976), que vén da Casablanca galega, preto do barrio vigués independente que tiña dous cines pegados un a outro.