Begoña Caamaño, a odisea dun mundo mellor 

Malores Villanueva
Malores Villanueva DÍA DAS LETRAS GALEGAS

FUGAS

Pinto e Chinto

Da infancia libre no barrio vigués do Calvario á mocidade en Coia, onde medrou a súa conciencia política e social. Do xornalismo en Compostela ao activismo en Cabo Verde ou Haití, a reinventora feminista de mitos como Circe e Morgana deixa unha longa pegada con son de alalá

15 may 2026 . Actualizado a las 23:30 h.

Este 17 de maio homenaxeamos a Begoña Caamaño por escribir dúas novelas atemporais coas que comprender mellor o mundo. Nesta efeméride latexa tamén o corazón do avó Pepe, inventando historias para as netas; a memoria da avoa Carmiña, ou a voz de mamá Carmen, que lles lía poesías aos pés da cama antes de durmir. E acompáñanos sempre o sorriso da súa irmá Bea, que a lembra con esa alegría e bondade contaxiosas.

Begoña tivo unha infancia feliz: xogos na rúa cos seus tres irmáns, tardes de cinema, aventuras nos recreos e aprendizaxes naquela escola onde a súa profesora de francés era María Xosé Queizán. A reordenación da cidade modificou o trazado urbano e provocou a demolición de parte do edificio onde vivían. Aquel día en que a súa casa quedou reducida a escombros, tamén se clausurou, dalgún xeito, a súa infancia.

Lectora insaciable 

En febreiro de 1976 Carmen e Roberto trasladáronse cos catro fillos ao barrio de Coia. Seu pai era administrativo en Citroën, aínda que durante un tempo compaxinaba aquel emprego con outros para completar os ingresos. Pouco despois mudouse tamén a avoa Carmiña: a máis moderna de todas, a que vendía na Praza de Abastos, a que non dubidou en vestir pantalóns e que, cando levaba saia, botaba chicoria nas pernas para darlles color.

Para entón, Bego —como a chamaban— era unha lectora insaciable. A súa profesora de Literatura, Carmen Panero, lembraba como aquela adolescente sentiu moi cedo a necesidade de deconstruír modelos e arquetipos. Facíao xa nas aulas do IES Coia 2, como unha alumna crítica e reflexiva fronte a todo aquilo que lle resultaba incómodo. Naquel barrio obreiro foi agromando tamén unha fonda conciencia política e social. Sendo apenas adolescente participou nos movementos reivindicativos ao berro de «A Bouza é nosa», contra a especulación urbanística, do mesmo xeito que anos despois berraría «Non á guerra» ou «Nunca máis», sempre en primeira liña das causas xustas.

Decidiu ser unha xornalista, movida polo rigor, a veracidade e a necesidade de estar a pé de rúa: acompañando a quen defendía os seus dereitos, escoitando historias persoais e dando voz a quen precisaba ser escoitado. En 1988 entra na Radio Galega, casa que xa non abandonaría. Preocupáballe especialmente a discriminación laboral das mulleres nos medios de comunicación, onde seguían a ser minoría e loitou por uns medios públicos e libres, guiados pola independencia e a liberdade informativa. Por iso participou na asemblea fundacional do Sindicato da Información de Galicia (SIG).

Soñaba con informar que no mundo non había guerras, nin fame, nin desigualdades, e atopou na literatura un lugar de refuxio e tamén de resistencia. Como todas as persoas, viviu tamén momentos moi duros. Un deles levouna a atravesar unha depresión tras sufrir dous abortos. Marchou entón a Euskadi coa súa parella e axiña aprendeu éuscaro. Naqueles meses de reclusión e silencio, case sen saír da casa, comezou a escribir dunha maneira compulsiva. Durante catro meses entregouse por completo á escrita. Releu a Odisea —un libro ao que xa se achegara na mocidade—, documentouse con minuciosidade sobre a época e coidou a lingua ata construír unha voz literaria propia, recreando unha sonoridade que tamén nos transporta ata Homero. O resultado foi Circe ou o pracer do azul, publicada o 30 de maio do 2009, unha obra para ela liberadora.

De Esmelle a Haití

Despois chegaría Morgana en Esmelle, froito dunha escrita máis lenta, tecida arredor da Materia de Bretaña e baixo a pegada literaria de Cunqueiro. E quedaron moitos libros por facer, un sobre Sherezade e outro sobre a vida da súa bisavoa Emérita, aquela muller de ollos azuis e vida durísima, marcada pola superación.

Begoña recoñeceu noutras partes do mundo esas infancias roubadas e silenciadas e así as narra nos seus artigos en A Nosa Terra: as infancias de Cabo Verde, Senegal, Managua ou Haití, tan afastadas xeograficamente e, ao mesmo tempo, tan próximas á memoria da súa «avoa vella».

Soa o Alalá das Mariñas «e cando xa eu teña adormecido para sempre, volveredes a brindar por min». Sempre por ti, Bego!

«Lendo son todas as Begoñas posibles, lendo son máis Begoña. Lendo, sen dúbida, aprendo a ser a mellor das Begoñas. Entón por que escribo? (...) Porque sentín a necesidade de me ler a min mesma»

Texto inédito dunha conferencia sobre «Circe» en Vigo (2010)