Bea Caamaño, irmá de Begoña Caamaño: «Bego diríalles aos mozos que pensen se o que din as redes o ven na rúa»

María Cedrón REDACCIÓN

FUGAS

XOÁN CARLOS GIL

A irmá pequena da autora homenaxeada polo día das Letras Galegas leva un ano exercendo de irmá maior. Colleu o testemuño de Begoña para dala a coñecer alí onde a chaman para falar da loira Morgana.

16 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha conversa con Bea Caamaño (Vigo, 1965) é un privilexio. Escoitar como vai fiando o relato co que lembra á súa irmá é coma unha epifanía. Sentes a Begoña sumarse á conversa. Está aquí, totalmente presente. Porque ela, a irmá pequena, é agora a voz desa muller, activista, feminista, escritora e xornalista á que lle dedican este ano o Día das Letras Galegas por ser quen de, con só dúas obras literarias e parágrafos e parágrafos de bo xornalismo, abrir un camiño novo na literatura galega e darlle voz a moitas mulleres. Ás que a literatura recluíu no cuarto no que se agochan as personaxes secundarias e a esas mulleres reais que non se atrevían a alzar a voz. Por iso, este ano está sendo tan intenso, pero como di: «É unha oportunidade única para ter a Bego outra vez entre nós, sentila cerca. Agora tócame a min ser a irmá maior, así que teño que cumprir. Defendela e falar dela en todos os sitios aos que me chamen e facer todo o que ela tería que facer por si».

—O que vexo é que moita xente que non coñecía a Begoña está descubríndoa e estase sorprendendo. Non sei se vostede aprecia o mesmo?

—Véxoo, sobre todo, nos clubs de lectura. Nesas actividades menos institucionais, de xente máis de a pé. E é moi agradable porque tanto nos institutos como nos clubs de lectura hai unha reacción estupenda. De súpeto van coñecendo tanto os seus ibros como a súa figura. E a resposta, efectivamente, é extraordinaria. Non fun a ningún acto no que houbese sitio para asumir máis xente. Todo está sempre ocupado. É moi bonito.

—Como o viviría ela?

—Supoño que con moita humildade, pero tamén estou segura de que tentaría estar á altura de todo aquilo que se lle demandase. Cubrilo, facelo e estar alí onde a chamasen porque ela era así. E, por suposto, imaxino que tamén aproveitaría para lanzar a súa mensaxe.

—Como era ser a irmá pequena de Begoña Caamaño? Supoño que che ensinou moitas cousas xogando de nenas...

—Era medrar á sombra de algo moi grande. Coma se tiveses unha árbore enorme na túa finca. Era sentirte insignificante ao lado dunha cousa tan portentosa. Tan forte, tanto física como mentalmente. Eu sinto que era extraordinaria. E medrar ao seu lado, pois ás veces foi más fácil e ás veces máis difícil [ri]. Como todos os irmáns tamén tiñamos momentos bos e momentos menos bos. Pero ela deixou ese pouso de todo o que aprendía dela.

—Este ano está indo a unha morea de clubs, de institutos, de colexios... Algún momento emocionoute especialmente?

—Hai diversos momentos. Sempre acudo a estas citas coa tranquilidade de ter todo no seu lugar, de que as feridas están curadas. E de repente pasa algo que che dá un golpe que dis: «Ostra, con isto non contaba» e guau... Non recordo un momento concreto, pero hóuboos e aínda os haberá. Algún rapaz ou rapaza nova que di algo ou alguén que canta ou di algo e a volves ter. Nos institutos sobre todo. No IES Castelao, no Alexandre Bóveda..., tanto traballo por parte da rapazada é moi emocionante. Nalgún momento teño pegado algún brinco na cadeira e dicir: «Colócate de novo».

—Que lles diría Begoña aos rapaces?

—Cando vou aos institutos intento lanzar a mesma mensaxe que ela lanzaría. Que reflexionen, que estean na rúa cos ollos abertos e coas orellas ben atentas, que reflexionen sobre todas esas mensaxes estrañas que nos chegan a través das redes, que pensen no que ven, se iso que escoitan nas redes se parece ao que ven na rúa. E que permanezan moi atentos e combativos fronte á chegada da extrema dereita e fronte a este retroceso que se está a vivir. Creo que as nenas niso estanlles pasando pola esquerda aos rapaces. Non sei se é que senten un desequilibrio entre todos os poderes ou algo, pero dáme a sensación de que eles se están deixando atrapar máis por esas novas e vellas mensaxes da dereita. Pero por iso teñen que permanecer alerta, porque todo o que se gañou en moitos anos, se perde nun tris. Que ao primeiro signo de algo raro saian correndo. Cando alguén che di: «Quérote moito, déixame, que che miro o móbil», ese non é o camiño. Teñen que fuxir diso.

—E que lles diría aos que empezan a escribir literatura en galego?

—Pois o que ela diría. Ela dicía que os que escriben en galego eran heroes e heroínas porque se expoñían a unha menor difusión, distribución e comercialización da súa obra. Por iso eran heroes e heroínas no momento no que escollían o galego como lingua para publicar as súas obras.

—Iso foi o que fixo Bego. Escolleuno para falar e para defendelo primeiro, e despois para escribir a súas obras literarias. E coidou moito o idioma, non?

—Si. Creo que ela tiña un compromiso firme coa lingua. Unha vez que vas abrindo os ollos na vida, como lle dicimos aos rapaces, vas vendo e pensando cousas. E malia ter sido educada en castelán, vaste decatando de que tes nas túas mans un patrimonio marabilloso como é unha lingua. E sería unha irresponsabilidade supina deixar morrer algo tan valioso coma unha lingua. Hai palabras que non se poden dicir noutra lingua. Entón o primeiro paso é reconverterte en galegofalante e, a partir de aí, comprometerte a procurar a mellora e coidado desa lingua que tes nas mans e que depende de ti para sobrevivir. Entón tratala con todo o amor e coidado do mundo.

—E que novela che gustou máis?

—Pois teño fases. Inicialmente Circe deslumbroume. Quedei prendada e pensei que non se podía facer nada comparable. Entón cando chegou Morgana pareceume como a irmá pequena. Pero segundo vai pasando o tempo e fago relecturas, diría que neste momento creo que me quedo con Morgana polo compromiso político e ético, que é moi potente.