A escritora ofrece cinco propostas para ler, escoitar, ver... e non esquecer
21 may 2026 . Actualizado a las 17:06 h.Unha premiadísima peza teatral, unha novela como alegato fronte ao idadismo e a décima edición o FaCeLa Fest de Lugo son algunhas das recomendacións da escritora.
Xira «Hai que ir morrendo»
«Iribarne»
Maio e xuño son os meses en que esta premiadísima peza de Butacazero percorrerá os teatros galegos na súa xira de despedida. A Estrada, Ourense, Cangas, Santiago, A Coruña e Vilalba serán os escenarios en que se poderá ver por derradeira vez a peza dirixida por Xavier Castiñeira a partir do texto de Esther Carrodeguas sobre a vida de Manuel Fraga, vilalbés, ministro franquista e presidente da Xunta entre 1990 e 2005. Iribarne é unha reflexión en clave de comedia arredor da Transición, a nosa memoria recente e, sobre todo, as entreteas do poder na España posfranquista. Un auténtico fenómeno teatral.
Unha historia deliciosa
«Eva tomando o sol»
A última novela en galego de Francisco Castro é unha historia deliciosa que conta a descuberta do amor apaixonado e absoluto cando un cre que xa non lle queda nada por vivir. Este é un deses libros de primavera que deixan pegada pois, a través do amor, cuestiona o sentido da vida e a vellez como espazo de saber e de sensacións inxustamente rexeitado. O Francisco Castro máis vitalista e, por momentos, filosófico, asina con Eva tomando o sol un alegato contra o idadismo que se goza en cada liña dunha escrita fermosa e inesquecíbel.
A cidade das bandas
FaCeLa Fest
Entre o 6 e o 9 de maio chegará á súa décima edición o FaCeLa Fest de Lugo, consolidado xa como referente da música indie galega pola súa aposta pola calidade na chamada «cidade das bandas». No cartel deste ano, ao carón de Triángulo de Amor Bizarro (na imaxe), Temples ou Australian Blonde, poderán verse bandas locais heterodoxas coma os sofisticados Sigilu, os retranqueiros e divertidos Philophóbicas, a experimental Fotocopia, os electrizantes Foolans ou os intensos Aeronave Adolescente. Planazo primaveral na cidade máis gastronómica. Que a gastronomía tamén é cultura!
Museo do Pobo Galego
Esculturas do mestre Mateo
Co pretexto de ver a exposición temporal das esculturas do Mestre Mateo Abraham/Xeremías e Isaac/Ezequiel, expoliadas polo franquismo e recentemente recuperadas, pódese visitar o Museo do Pobo Galego, xoia museística cuxa colección etnográfica o converte nun dos mellores espazos desde os que entender a identidade diferencial galega. Onda o Panteón de Galegos Ilustres, este museo compostelán garda xoias da artesanía galega (especialmente alfarería, cestería e tear), instrumentos musicais, traxes tradicionais e interesantes achados arqueolóxicos. Quen entra non se arrepente.
A atrocidade da guerra
«Diarios» de Syra Alonso
É probabelmente o testemuño máis descarnado sobre as atrocidades cometidas durante a Guerra de España na Coruña. Syra Alonso, casada co pintor galego Francisco Miguel, relata o apreixamento e asasinato do seu home, ao tempo que a súa experiencia da represión e mais o exilio a converten nunha observadora crúa da condición humana ante a violencia, o medo e a dor. Describindo con extrema humanidade as experiencias dos máis vulnerábeis (os nenos, as nais), Syra Alonso deixa unha crónica da guerra que todo galego debera ler. Imprescindíbeiso prólogo de Carme Vidal e o epílogo de Conrado Arranz.