Galego en conserva: a música galega consérvase, fíxase e luce espléndida nunha antiga fábrica de Viveiro
FUGAS
Unha antiga fábrica de conservas reconvertida en espazo cultural acolle no mes de maio o ciclo de concerto «Galego en conserva» con moitos dos artistas referencias da nova escena galega
01 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Conservar é importante, pero tanto ou máis é promover e difundir. Con ese espírito e baixo ese compromiso, o centro cultural La Conservera, de Viveiro, vén de organizar o ciclo de concertos Galego en conserva, que ao longo do mes de maio acollerá a varios dos máis destacados nomes da nova escena musical galega, con especial énfase no xénero urbano.
Habilitada, como o seu nome delata, nunha antiga fábrica de conservas, en Celeiro, La Conservera abriu as súas portas no 2025 co obxectivo de «crear un punto de encontro para a cultura, a arte, a música e a gastronomía». O responsable da súa programación musical, Diego Campo, explica que «dende o primeiro momento apostamos firmemente pola música en galego, con especial atención á nova escena urbana que tan en auxe está e que debe ter protagonismo tanto nas salas como nos festivais».
O ciclo Galego en Conserva arrincou a pasada fin de semana coa presenza de catro destacados nomes desa escena urbana: Xosé Maseda, Willow GHZ, Xan Pais e FavioVZ.
O sábado día 9, a programación vira cara ao pop electrónico bailable e ao tempo intimista e apegado ao cotián de Sabela. O venres 15, Boyanka Kostova converterán La Conservera nunha rave na presentación do seu novo e recente disco, X, o máis electrónico da súa década de traxectoria. Non mingua en intensidade a proposta do sábado 16, cun programa dobre que vai dende o postpunk hiperemocional de Grande Amore ata ese un cruce de camiños entre Muros, Nashville e Nova Orleáns que é Tona, o novo proxecto de Migui, ex Terbutalina.
A música urbana de nova e vella escola daranse cita o venres 22 coa presenza do emerxente dúo lucense Ünder & Diego Flaneur e da gran mestra do hip-hop galego High Paw. O sábado 23 o foco está posto de novo en dous representantes desa nova escena urbana: Lg1do e Guzmen. Catuxa Salom, o sábado 30, e Caamaño & Ameixeiras, xa o 19 de xuño, protagonizarán os últimos concertos do ciclo.