O dúo máis delirante e inclasificable da música galega vaise de «rave» para celebrar o seu décimo aniversario. «X» é descaro, baile, ironía, desafogo e hedonismo levado ao límite
24 abr 2026 . Actualizado a las 10:23 h.Comezaron hai dez anos facendo trap rural e celebran a súa primeira década sobre os escenarios cunha rave en toda regra. No seu novo disco, titulado X, Boyanka Kostova entréganse á electrónica máis desenfreada e aos praceres máis mundanos, mantendo, iso si, a súa esencial mestura de ironía, actitude combativa e referencias a un estilo de vida hedonista, por dicilo dun xeito suave. X son Chicho e Cibrán en estado impuro.
—Boyanka Kostova cumpre dez anos. Quen llo ía dicir?
Chicho. Eu creo que ambos nolo esperabamos. E temos intención de seguir.
Cibrán. É que esta é a nosa forma de pasalo ben.
—Eu pensaba que me ía encontrar un disco de «bakalao» pero ten os seus momentos máis «house» e máis «cool».
Chicho. É certo que nós somos extremadamente bakaladeros, pero ao mesmo tempo tamén nos molan outras cousas. E nós entendemos a música como unha expresión de nós mesmos. É dicir, pásannos cousas e facemos cancións. Nunca temos a pretensión de crear un discurso determinado.
Cibrán. A liña de Boyanka sempre é xogar na heteroxeneidade. Neste disco movémonos principalmente no bombo a negras, pero non está todo acoutado a iso. Porque nos aburriría.
—Están máis «bakalas», pero están tamén máis punkis?
Chicho. Pode ser. No disco anterior houbo varias cancións de amor, así que aí xa estivemos. Tamén inflúe que a min, persoalmente, cada vez me importa menos ser un bruto. Entón, todo que sexan leadas e animaladas, pois superbenvido. Ao mellor si que antes había máis autocensura, pero agora que somos uns vellos, para que imos andar autocensurándonos?
Cibrán. É certo que Chicho está menos censor que antes. Eu sempre tendín a dicir moitas burradas e Chicho, sempre no bo sentido, dicíame: «Buah, tío, isto igual é pasarse un pouco da raia». E agora, non vou negar que foi un disco máis desatado para os dous, pero tamén menos censurado pola parte do meu censor de confianza.
—Hai algo do que non se atrevan a falar?
Chicho. Non. Simplemente imos a mercé do que nos sucede. Ás veces, por estética artística, mola ser máis explícito e outras menos explícito, pero é que a nosa música, máis que algo que teña un fin estético é unha vía de expresión. A música é a nosa forma de procesar o que che pasa e de entendelo. É un pouco ir a terapia, entre comiñas.
—Das nove cancións, en oito hai algunha referencia ao consumo de substancias.
Cibrán. Pode ser. E na que non hai, ao mellor é porque pasou desapercibida (rin).
Chicho. A música é arte e, como tal, é ficción. Todo o mundo debería chegar co seu traballo educacional feito e ser capaz de escoitar unha canción como cando ve unha película de asasinatos e entende que asasinar non é correcto. Nós cremos que a xente ten que ser autosuficiente en eses niveles. Non se trata de facer apoloxía, pero os códigos deste tipo de músicas adoitan estar bastante influídos por toda esa estética.
Cibrán. Neste disco xogamos un pouco á esaxeración, levando case todo ao absurdo. Hai que entender que Boyanka Kostova é un grupo para maiores de idade.
Chicho. E é que, ademais, o consumo de substancias, sexan drogas ou alcol, é algo que a xente fai e que lle pasa. Pretender que iso non forme parte das cancións é absurdo. Porque todo o mundo, cando vai a festas ou festivais, participa diso. Nós non facemos apoloxía, debuxamos un retrato dunha situación.
—En «Cego de algo» din: «Se non estou cego de algo, o mundo real véxoo gris e amargo». Hai algo aí dese retrato xeracional do que falan?
Chicho. Un pouco, si. Eu teño 31 anos e esta é a época máis tola que recordo. Nunca houbo tanta violencia nin tanta xente tan fanática e tan extrema. Creo que o consumo de substancias moitas veces é un intento de evasión desta realidade loquísima.
—«Non quero ser adulto nun mundo de insultos, prefiro andar cego perdido e sen rumbo», din en «Acaso esto é un crime»?
Cibrán. Si, ao final, a vida faise costa arriba e cada un ten a súa maneira de evadirse. E penso que cada vez é máis necesario, porque vivir sucia e friamente no mundo real é durísimo.
Chicho. A música é a nosa gran evasión. Eu cando teño que desafogar digo: «Cago en diola, vou ir ao local, eu vou facer unha base que van rebentar os subgraves do Son do Camiño». E creo que a forma que Cibrán ten de enfrontarse á vida é sacarse os raps máis épicos que existen. Entón, aí hai unha simbiose moi guai entre facer arte, estar ben e pelexar un pouco contra toda a merda que nos rodea.
—Botan de menos algo dese desafogo na escena musical actual? É demasiado branca?
Cibrán. Hai unha parte da música que si que é branca pero é que tamén é necesario que haxa canción lixeira. O que pasa é que como hai tanta oferta, pode ser que pareza que a música combativa estea un pouco máis diluída, pero non creo que esteamos nun momento no que a música sexa máis branca que antes.
—Repasemos unha a unha as nove cancións de «X». O disco ábrese con «Tusiwaracha», que é perfecta para unha clase de cardio.
Chicho. De feito, a idea xurdiu un pouco diso. Ao final, a vida do deportista de elite e a do gran saidor nocturno non distan tanto. Hai un paralelismo entre o deporte e a vida nocturna que era o que aí queríamos abordar.
—«Bota un culín».
Cibrán. Bota un culín é unha alegoría clara e directa a beber sidra. Está baseada nunha época na que os dous nos afeccionamos bastante intensamente a esa bebida, que eu recomendo total e absolutamente, con moderación ou non.
Chicho. Ademais é unha burla a esa mítica pose de trapeiro bebendo Hennessy e merdas carísimas. Pois tío, nós somos trapeiros de barrio e a peña llana non bebe botellas de 120 euros, bebe botellas de 1,75.
—«Saikoloko», vou como unha moto.
Cibrán. Esa foi a primeira canción que fixemos para este disco e é a explicación xenérica do momento vital no que nos achamos. É das miñas favoritas.
Chicho. E das miñas tamén, É como un híbrido entre bakalao e rap superben conseguido.
—«Cando prende a luz».
Cibrán. É a canción máis íntima do disco. É unha oda ao amor nocturno.
—«Hoy me la gozo»
Chicho. Rulo, a persoa que nos leva o merchan, é unha das persoas que máis frases épicas xera por minuto. Entón, un día dixémoslle «non podes ser o rapper sen rap máis grande da historia e non terche feito un tema, así que fai unha letra coas sete frases máis míticas que dis». E nada, métemoslle un basote e xa o tiñamos.
—«Cego de algo»: O cerebro sen saldo.
Cibrán. Esta sería un pouco a máis achegada á apoloxía do consumo. Non sei se ser sincero ou pragmático agora mesmo.
—Pode ser pragmaticamente sincero.
Cibrán. Os dous levamos dende que temos uso de razón de persoa adulta, consumindo algún tipo de substancia. E de repente un día dáste conta de que igual hai 20 anos que non te tiras máis de tres días seguidos sen consumir algún tipo de substancia, aínda que sexan tres cañas.
Chicho. Foi a última canción que fixemos e foi en plan «tío, é a última e ten que ser unha animalada».
—«Pastis en Ferrol».
Chicho. Esa era unha canción que eu fixera con Joe Crepúsculo hai bastante tempo e quixen darlle unha segunda vida metendo a Cibrán. En 15 minutos tiña a letra feita e quedou un hit perfecto.
—«Trae ese cu».
Cibrán. Non sei ata que punto se pode falar moito disto. Eu diría: sen comentarios.
Chicho. Todo o que hai que dicir está dito na canción.
—«Acaso esto é un crime».
Chicho. Esta canción ten que ver co tema de ser tan explícitos e un pouco brutos, que parece que a moita xente lle senta mal, pero non é ningún crime. Ao final, nós somos peña que conta as súas movidas de tranquis, sen intentar impoñerlle nada a ninguén. E eu tiña esa idea na cabeza e lembro que un día espertei, abrín o Instagram —que está fatal abrir o móbil nada máis espertar, pero eu fíxeno— e saíume un meme coa canción Is it a Crime de Sade e dixen: «Buah, non pode ser máis perfecto».
—Definan Boyanka Kostova en dúas palabras.
Chicho: Sinceridade total e compromiso.
—Como se ven dentro de dez anos, cando fagamos a entrevista polo «XX»?
Chicho. Intentaremos estar igual no que cunde estar igual, e mellor no que cunde estar mellor.
Cibrán. Eu creo que estaremos máis ou menos igual. Seguiremos facendo música igual de trallados da cabeza e probablemente con menos pelo, pero coas ilusións totalmente intactas.