As recomendacións de cultura galega de... Mercedes Corbillón

Mercedes Corbillón

FUGAS

<span lang= gl >Repunantas é un percorrido pola historia das escritoras galegas desde María Balteira. </span>
Repunantas é un percorrido pola historia das escritoras galegas desde María Balteira. 

A escritora e libreira de Cronopios fai cinco propostas para aproveitar o tempo da fin de semana

24 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Do espectáculo que recorda as figuras máis punkis da literatura galega á música de Lisdexia ao libro que inclúe o conto de Ismael Ramos que mereceu o Premio O. Henry, que distingue os grandes autores dos últimos cen anos. Estas son as recomendacións culturais da novelista e libreira Mercedes Corbillón, de Cronopios. 

<span lang= gl >Repunantas é un percorrido pola historia das escritoras galegas desde María Balteira. </span>
Repunantas é un percorrido pola historia das escritoras galegas desde María Balteira. 

O espectáculo

«Repunantas»: as punkis da literatura galega

Inma López Silva e Francisco Castro convértense en parella artística e sóbense a un escenario co espectáculo Repunantas, un percorrido pola historia das escritoras galegas desde María Balteira con frescura e retranca, como o título fai supoñer, e que mezcla poesía, música, e teatro ao estilo dos clown, con humor intelectual pero gamberro que conecta con calquera público. Teñen programados unha decena de bolos por distintas vilas galegas no mes de maio.

Ismael Ramos nunha fotografía recente.
Ismael Ramos nunha fotografía recente. P. Souto

Premio O. Henry para un autor galego

«A parte fácil», de Ismael Ramos

Non é unha publicación recente pero podemos chegar a ela ou regresar agora que un dos relatos que a conforman acaba de ser recoñecido co prestixioso Premio americano O. Henry, un galardón que rastrea nos mellores contistas do mundo. Ismael Ramos é o primeiro autor do estado en recibir esa distinción entrando nun grupo no que están Alice Munro, Truman Capote, Cheever, Sally Rooney, entre outros. Lendo, ou relendo, A lebre, a historia fresca e xélida como a auga do pantano na que as irmás protagonistas se bañan, unha entende por que.

<span lang= gl >Momento dun ensaio do «Hamlet» de Tito Asorey. </span>
Momento dun ensaio do «Hamlet» de Tito Asorey.  PACO RODRÍGUEZ

O gran evento das nosas táboas

O «Hamlet» de Tito Asorey

Pode que sexa o gran evento cultural dos últimos tempos, unha representación modernísima, rotunda, atrevida que trae aos tempos dixitais o clásico de Shakespeare, que non morre nunca, grazas tamén a directores e escenógrafos como Tito Asorey e Vanessa Sotelo, que agroman ambición e brillantez.

Ensaio para non esquecer

«O país invisible», de Arturo Lezcano

Unha obra periodística e ensaística ambiciosa e apaixonante que se le a ritmo de novela e que pretende loitar contra ese esquecemento que nos ronda sempre, como canta o noso himno, e que reivindica a necesidade de coñecer, estudar e homenaxear aos galegos que construíron un país novo na diáspora americana, unha realidade que nos atravesa e que Arturo Lezcano analiza nun texto inmenso que abarca oito destinos e centos de conversacións con eses personaxes que fixeron historia da que non sae nos libros pero que marcan un tempo e debuxan as veas espalladas dunha sociedade.

O ritmo irreverente e deslinguado

Concerto de Lisdexia

Ir o día 29 de maio á Sala Mardi Gras a escoitar ao grupo Lisdexia. Asistir a un concerto nese espacio mítico de Monte Alto, o barrio máis punki da Coruña, xa é unha experiencia en si mesmo, pero xuntalo coa música do grupo rockeiro e deslinguado que naceu en Muros para conquistar o mundo co seu ritmo irreverente de garaxe ou manicomio que non podes deixar de escoitar en bucle. O seu Compostela xa é un himno, aínda que «xa non lle guste saír porque ninghén vomita nela».