César e Eliezer, alumnos venezolanos do instituto con máis premios pola lingua: «É un orgullo defender o galego»
FUGAS
Estes rapaces de cuarto da ESO forman parte do exitoso equipo «Aquí tamén se fala», que vén de gañar a distinción Mil Primaveras
24 abr 2026 . Actualizado a las 13:40 h.Son amigos, chegaron en anos diferentes a Galicia dende Venezuela, cursan cuarto da ESO, falan galego con acento singular e veñen de recibir en equipo o Premio Mil Primaveras por ser parte da iniciativa O Dépor é da Coruña, orgullo galego que suma ante o desafío do ascenso. «Este premio é unha vitoria da rapazada do IES Rafael Dieste», subliña Alberto Pombo, impulsor da campaña Aquí tamén se fala e director deste instituto coruñés que marcou «goles» para enmarcar: entre eles, o de pór a máis de 20.000 alumnos a levar o galego a 50.000 espazos, repartir 40.000 adhesivos pola defensa da lingua e participar, xunto aos profes, entre outras iniciativas pioneiras, no único festival profesional de música organizado por un centro escolar en Galicia, con bandas como Ortiga, Grande Amore e Boyanka Kostova.
De fútbol é máis Eliezer que César. El di que está convencido de que «o Dépor vai ascender». Mais tanto César como Eliezer, compañeiros de clase e do Aquí tamén se fala, foron varias veces a Riazor e sentiron a «conexión» branquiazul. As xornadas de partidos na casa, eles van con outros compañeiros do instituto repartir pósteres e adhesivos da campaña pola lingua. Ata o que era o socio número 6 do Deportivo hai dúas tempadas (que a pasada era xa o 4, matizan) deulles o seu apoio para que o equipo da cidade pase a ser con orgullo «Deportivo da Coruña».
Neofalantes (novos falantes do galego) e paleofalantes (falantes de sempre) loitan por un ascenso sostido para o presente e o futuro da lingua de Galicia desde a súa implicación no instituto galego que suma máis de 30 nacionalidades, como contou Caterina Devesa nunha reportaxe neste medio.
Que a lingua se refresque, que sexa o idioma da rapazada, a cultura, o comercio, o deporte, a arte, a vida real e a virtual é o que move o equipo de rapaces entre os que están César e Eliezer, que dan a cara con flow en nome do resto do equipo do Aquí tamén se fala. «Foi unha barbaridade a campaña do Deportivo! Unha das pegatas chegou ata Arxentina. Unha loucura», comenta César. «Traballamos moito repartindo pegatas. E isto é noticia en toda Galicia», comenta Eliezer. «Imos conseguir cambiarlle o nome ao Deportivo, xa é da Coruña [en vez de La Coruña]», pensan, e apoia o director do IES.
Eliezer chegou hai un ano a Galicia sen saber sequera que esta terra ten idioma propio. «Eu aprendino cos meus amigos», di Eliezer, que pediu ser parte do Aquí tamén se fala e quixo facer os exames en galego xa desde a primeira semana de clase, e iso que os alumnos están exentos dous cursos da materia. Esta actitude xoga a favor.
«Ortiga ten un ton latino»
Foron César e profes como Alberto Pombo, Mónica Reixía e Arcadio González os que aproveitaron a curiosidade de Eliezer para gañalo para a causa do entusiasmo por levar o galego a todas partes, máis alá das aulas. «Eu síntome moi orgulloso de falar varias linguas, sobre todo galego, porque ahorita oílo falar é moi bonito para min», manifesta Eliezer.
A acollida que eles ven entre a xente cando fan campaña por Galicia e a súa lingua é boa: «Cando imos repartir as pegatas recíbennos co corazón, a xente dinos que están orgullosos de nós, de que esteamos facendo algo grande como isto».
En redes como Instagram e TikTok poden ver como o monta esta bandísima de instituto. A música e o cine, recibir unha mensaxe do cineasta Óliver Laxe ou coñecer e tratar en vivo a The Rapants, cos que ata gravaron, potencia a forza desta rapazada. Porque neste insti quedou atrás o «pinta e colorea», aquí se fan cousas profesionais. Así, falando galego, os rapaces van descubrindo potenciais e vocacións en contacto coa realidade. «Os alumnos do Rafael Dieste fan formacións con profesionais. Agora traballan con Nuno Pico, de Grande Amore», di Pombo. Neste equipo contactan directamente os rapaces cos artistas. «A min o que máis me encanta é Ortiga polo ton latino. Ten un toque que mola», comenta César, e Eliezer di que a el lle causa «furor» a música de Ulex. Agora pillámolos metidos na composición dunha canción propia: «É unha boa canción, na que falamos de nós, da lingua e de cousas que vivimos como alumnos». Esta canción por editar da que dá conta Eliezer é parte do traballo duns obradoiros con Nuno Pico.
Eles non dubidan que o idioma galego é de primeira división. Os rapaces e os profes do IES da Coruña con máis nacionalidades fan mundial esta lingua e esta cultura. Danlle forza ao lema de Rafael Dieste: «Se non hai vento, vogar!».