Sete curiosidades para celebrar cen días do libro

FUGAS

Pinto e Chinto

Quen decidiu o día?, celebrouse sempre o 23 de abril?, de onde vén a tradición da rosa?, a coincidencia de Cervantes e Shakespeare é real?

23 abr 2026 . Actualizado a las 19:29 h.

A festa do libro cumpre un século, cen primaveras que comezaron a celebrarse, en principio, un 7 de outubro polo día de nacemento de Cervantes e que foron mudando ao longo dos anos. Estas son algunhas das curiosidades en torno ao día con máis libros do mes.

1. Quen puxo a data?

Todos os anos, o 23 de abril, celebramos o Día do Libro. Mais esta primavera adquire unha significación especial, pois cúmprese un século desde que se propuxo por primeira vez esta efeméride. Na súa orixe, con todo, a data elixida pertencía ao outono: conmemorábase o 7 de outubro, xa que daquela se cría que nese día nacera Miguel de Cervantes Saavedra.  

A iniciativa partiu do valenciano Vicente Clavel Andrés, escritor, editor, tradutor e xornalista, quen, desde a Cámara Oficial do Libro de Barcelona —cidade onde residía—, impulsou con firmeza esta proposta. Aínda que a presentou en 1923, non foi un camiño doado: tivo que perseverar durante anos para recadar o apoio do gremio.

Finalmente, o primeiro Día do Libro celebrouse o 7 de outubro de 1926, sementando así unha tradición que co tempo mudaría de data, pero non de espírito.

2. Festa por real decreto 

O rei Alfonso XIII asinaba o 6 de febreiro de 1926 o Real Decreto que instituía o Día do Libro, unha iniciativa que non só fixaba a súa celebración, senón que tamén promovía a creación e ampliación de bibliotecas en toda España, así como o fomento da lectura. A redacción do texto correspondeu a Vicente Clavel Andrés, quen tanto loitara por consolidar esta conmemoración.

En Barcelona, a festa axiña adquiriu un carácter popular e saíu ás rúas, impulsada tamén polo labor da Cámara do Libro, que difundiu a celebración mediante circulares. Nese contexto, moitos editores comezaron a publicar as súas novidades máis destacadas coincidindo coa data, e xurdiron as primeiras sinaturas de libros con autores e autoras.

En Madrid, pola contra, os actos mantiveron un ton máis académico. Con todo, o Día do Libro xa era unha realidade imparable.

3. A lenda detrás da rosa

A tradición de agasallar unha rosa xunto a un libro en Cataluña afunde as súas raíces na lenda medieval de Sant Jordi. Cóntase que na vila de Montblanc un dragón aterrorizaba a poboación e, para acougalo, cada día era entregada unha persoa en sacrificio. O destino quixo que, nun deses días, a elixida fose a princesa. Mais entón apareceu un cabaleiro, Sant Jordi, que decidiu enfrontarse á besta. Cunha lanza, deulle morte, e do sangue derramado xurdiu unha roseira de intensas rosas vermellas. O cabaleiro colleu unha delas e ofreceulla á princesa, convertendo o xesto nun símbolo que perduraría no tempo. Así naceu unha tradición asociada ao amor, que co paso dos séculos foi collendo novo pulo. O movemento da Renaixença recuperouna con forza no XIX, integrándoa no imaxinario cultural catalán.

Cando esta celebración coincidiu co Día do Libro, o intercambio fíxose dobre: unha rosa e un libro. Deste xeito, o amor non só se expresou no xesto, senón que se estendeu tamén á lectura.

4. Unha forzada coincidencia

No xornal La Vanguardia deixouse constancia do enorme éxito das primeiras edicións da celebración. Porén, na quinta, e a petición dos libreiros, o evento foi trasladado ao 23 de abril. A nova data establecía unha ligazón simbólica entre Miguel de Cervantes e William Shakespeare, aínda que, en rigor, se trata dunha coincidencia algo forzada. O autor do Quixote faleceu o 22 de abril e foi enterrado ao día seguinte, mentres que o creador de Hamlet morreu ese día, mais segundo o calendario xuliano, equivalente ao 3 de maio no noso. Como din os italianos, se non è vero, è ben trovato.

Con todo, outros escritores si faleceron un 23 de abril, como Inca Garcilaso de la Vega ou Josep Pla.

5. Da supervivencia á posta de longo

Durante a guerra intentouse manter a celebración, aínda que con dificultade e mesmo variando a data. Así, a efeméride foi sobrevivindo como puido, ata que arredor de 1950 comezou a recuperar pulo e a gañar de novo popularidade. Con todo, non sería ata 1995 cando o Goberno español presentou unha proposta ante a Unesco para instituír oficialmente o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor. Anos máis tarde, este organismo impulsou tamén a designación anual dunha Capital Mundial do Libro, decisión que se adopta coa participación da Unión Internacional de Editores, a Federación Internacional de Libreiros e a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas. A primeira cidade en recibir este recoñecemento foi Madrid, no ano 2001, e para o 2026 foi designada Rabat como Capital Mundial do Libro.

6. Un abril do libro en todas partes?

Os actos multiplícanse: as librarías saen ás rúas e ocupan espazos emblemáticos, sucédense os encontros con escritores e escritoras, as lecturas dramatizadas e os debates literarios. Tamén as lecturas ininterrompidas e as celebracións escolares.

As cidades europeas, como Lisboa ou París, énchense dese ambiente literario e festivo, con especial protagonismo de espazos como a Livraria Bertrand, unha das máis antigas do mundo. En Londres, pola contra, a celebración non ten lugar en abril, senón en marzo e organízanse lecturas da obra do seu autor máis universal, así como actos especiais no Shakespeare's Globe.

7. Longa primavera de letras en Galicia

En Galicia, o Día do Libro inscríbese na longa primavera das letras que atopa o seu día máis significativo o 17 de maio. Unha celebración, a das Letras Galegas, nacida do desexo de contar cunha xornada propia dedicada ao libro e á literatura galega.

Xa nos anos trinta, Francisco Fernández del Riego reclamaba a necesidade desta conmemoración. Porén, non sería ata 1963 cando a Real Academia Galega aprobou definitivamente a súa iniciativa. Desde entón, cada ano festexamos unha figura da nosa literatura: a primeira foi Rosalía de Castro, e este ano Begoña Caamaño, que demostran que a literatura se constrúe coa suma de moitas voces.

Como afirmou o escritor mexicano Gonzalo Celorio, premio Cervantes 2025: «Se fisicamente somos o que comemos, espiritualmente somos o que lemos».

Por outras cen primaveras máis para os libros!