Alana: «A nosa esencia e o que nos diferencia está nas recollidas»

FUGAS

Alana son Eloy Vidal, Antía Vázquez e Pablo Castro
Alana son Eloy Vidal, Antía Vázquez e Pablo Castro .

Unha cantareira «prototípica», un «tradi» de vella escola e un alquimista pop unidos nun excitante proxecto que transcende os canons. Ratifícano no seu segundo disco,  «Un saber»

10 abr 2026 . Actualizado a las 10:24 h.

Dende o primeiro momento estivo claro que Alana non era un proxecto máis xurdido ao rebufo desa corrente que xerou a confluencia de música tradicional e electrónica. Pero por se algunha dúbida quedaba, aquí está o seu segundo disco, O saber. Quince cancións concibidas e desenvoltas á marxe de calquera canon establecido e incluso das expectativas que eles mesmos xeraron co seu debut e os seus arroiadores directos. Quince delicatesens que nacen da fértil conxunción que se establece entre a voz poderosa de Antía Vázquez, as percusións tradicionais e a gaita de Pablo Castro e os arranxos electrónicos e a produción de Eloy Vidal. Ao que hai que engadir a impoñente e vitalista actitude que determinan os seus directos. Disto último deixarán boa mostra o sábado 18 na sala Capitol de Santiago, no que será a presentación oficial do seu segundo traballo. 

—Eu sempre pensei que no segundo disco ían bascular máis cara á electrónica.

Antía. Facendo as cancións dicíamos: «Uf, igual estaremos tirando moito pola electrónica?». Pero despois, ao escoitar o disco enteiro dixen: «Que va!». Penso que está moi equilibrado o tradicional e a electrónica.

Pablo. Pois eu teño a impresión de que é máis electrónico que o outro. Eu escoito algunhas cancións e digo: «Guau, isto no primeiro disco non soou nin de coña».

—Pablo, que, digamos, representa a vertente da tradición, séntese a gusto nese equilibrio entre as achegas electrónicas e a parte «tradi»?

Pablo. Eu antes non era partidario de facer ese tipo de cousas. A min Alana cambioume moito a perspectiva de como vivir a música. E foi a base do que me dicía alguén que non escoita nada de pandeireta, como pode ser Eloy [Vidal]. Eu escoitei unha frase que me marcou moito, que é que unha tradición deixa de selo no momento en que non a usas e no momento en que non a fas túa. Esa frase e o que me achegou Alana fixéronme cambiar moitísimo e agora estou moi cómodo.

—Que diferenzas salientan con respecto ao seu primeiro disco?

Pablo. Tampouco é que nos quixeramos afastar tanto del, pero si que hai diferenzas, por exemplo, a nivel de produción. E neste hai cousas que no anterior non se nos pasarían nunca pola cabeza, como facer un tema con Galician Army.

Antía. Hai cancións que son moi esencia Alana, pero tamén experimentamos con sons e con instrumentos diferentes. Foi un pouco xogar e pasalo ben co que faciamos.

—Cal é esa «esencia Alana»?

Pablo. As recollidas, sen dúbida. Sempre intentamos que as nosas cancións reflictan o espírito orixinal que tiñan na recollida. Por exemplo, a Xota de Juapita está feita unicamente con utensilios de cociña, porque foi recollida nunha cociña.

Antía. Eloy di que á hora de producir sempre fai o que lle transmite a recollida. E eu tamén creo que iso é esencia Alana, máis alá da propia música en si.

—As cancións están baseadas en recollidas súas?

Antía. Non, a maioría son arquivos do Apoi [Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade] recollidos por diferentes persoas.

—Pero vostedes tamén saen a recoller.

Antía. Si, Pablo e máis eu, si.

—E aínda queda por recoller?

Antía. Eu creo que si. Hai moito esta idea de que xa está todo feito, pero nós estamos coincidindo cun montón de xente moza que está saíndo outra vez a recoller, algo que me parece fantástico, e si que quedan cousiñas por descubrir.

—O título, «Un saber», é unha referencia ao saber popular das señoras, das informantes. Que foi o máis importante que aprenderon delas?

Antía. Eu creo que nin nós mesmos somos conscientes de todo o que aprendemos delas e do que nos marcaron a nivel persoal. A min, por exemplo, a nivel de lingua ou de como socializar coa xente, marcoume moitísimo.

Pablo. Para min ese sentimento desemboca en algo do que creo que non se fala o suficiente, que é o labor das asociacións. A min axudáronme moitísimo.

Antía. É que crearon comunidade. E aí aprendes a pensar, a relacionarte coa xente e a vivir a túa cultura dunha determinada forma. Eu creo que, sen sequera sabelo, marcaron moito a unha xeración.

—Que dirían as informantes de «Monzo», a canción que teñen con Galician Army?

Pablo. Hai algunha que se lo gozaría mucho.

Antía. E outras que vivirían unha segunda xuventude escoitándoa en directo. Supoño que habería de todo. Hai algunhas vellas ás que non lles gusta o que fan coa súa música, e podo entendelo, e hai outras ás que lles encanta e están superorgullosas de que a canción que elas cantaban coas súas amigas, de repente, estea soando nun concerto e a xente estea a bailala como cando bailaban elas de mozas nas orquestras.

—E que lles din os puristas?

Pablo. A min gústame que haxa puristas.

Antía. Si, está ben. Cada un ten a súa forma de pensar e de vivir a música e ningunha é mellor que a outra. O importante é que a nosa lingua, a nosa música e a nosa cultura siga viva, para poder desfrutala así, dende o respecto, pero non como unha cousa que está aí gardada e que parece que hay que alabarla pero sin tocarla.

Pablo. Está moi ben que convivan os dous xeitos de entender a tradición. E todos teñen cabida. Aí tes a Unto Vello. Quen ía imaxinar que dous rapaces cunha pandeireta e un acordeón enchesen unha Capitol? É algo superguai.

—Neste momento hai bastantes proxectos que mesturan tradicional e electrónica. Cal é o elemento diferenciador de Alana?

Antía. O de fixarnos na esencia de recollida penso que é algo moi noso.

Pablo. Sempre nos meten no mesmo saco que de De Ninghures, Mondra e toda esa peña, que para nós é unha honra, pero penso que somos algo moi diferente. Basicamente porque nós non compoñemos. Si que hai achegas instrumentais e na produción, pero as melodías cantadas sempre están baseadas nalgunha da tradición oral.

—Se revisásemos as súas playlists persoais, que artistas nos sorprendería atopar e que teñan influído no seu son?

Pablo. Seguramente vos vai sorprender pero o meu cantante favorito é Nil Moliner. A min gústame moito Oques Grasses, a rumba catalana, La Pegatina e todo ese rollo festivaleiro.

Antia. A min, Juan Luis Guerra. E a Eloy inflúelle moito Harry Styles e o pop británico e americano. Que, ao final, tamén acaba influíndo na nosa música, porque no que facemos confluímos os tres.

—Cal vai ser o «hype» deste disco?

Pablo. En directo, Monzo.

Antía. Estou de acordo. A verdade é que non o esperábamos pero ao montala dixemos: «Guau, que potencia ten a nivel visual e escenográfico».

Pablo. Tamén é moi potente Bota_la Aña. Vai estar entre esas dúas.

—Como vai ser ese concerto do día 18 na Capitol?

Pablo. Longo (ri).

Antía. Si, vai ser un concerto longo. Preparamos moito un espectáculo diferente e traballamos moito a escenografía. Penso que a xente vai quedar un pouco sorprendida do que imos facer alí. Eu creo que a xente non espera o que vai ver, sinceramente.

Pablo. Vai ver algo moito máis profesional. Máis medido, máis fiado e con moito máis sentido que o que viñamos facendo.

  • SANTIAGO. CAPITOL. SÁBADO 18. 21.30 H. 16,50 EUROS